jueves, 13 de septiembre de 2007

Máis persoas desempregadas en Compostela durante o mes de agosto

COMUNICADO DE PRENSA

Reunido o Consello Comarcal o 12 de setembro de 2007 procedéuse, entre outras cousas, á análise dos datos de desemprego do mes de agosto de 2007, sendo a seguinte a valoración que realiza a nosa agrupación comarcal:

O mes de agosto, normalmente un mes clave para a economía de Compostela, por aspectos normalmente vencellados ao turismo e ao sector servizos, pechouse cun incremento de 107 persoas desempregadas máis. A pesar de que a ocupación hoteleira estivo próxima ao 90 %, esta non repercutiu no mercado laboral, xa que o desemprego neste sector incrementouse nun 4 %.

Debe facer reflexionar ás autoridades competentes o feito de que existan 3517 persoas desempregadas no sector servizos, producíndose unha suba de 82 persoas máis neste mes de agosto. Este alarmante dato está initimamente ligado tanto á economía mergullada como ao freo no consumo interno, motivado polo encarecemento do diñeiro, o aumento dos tipos de interese e, en consecuencia da hipoteca. Todo isto, unido ao encarecemento de produtos básicos para a cesta da compra, repercute de forma moi negativa na capacidade de manobra económica das familias.

O dato máis negativo dos números de agosto figura no colectivo de mulleres e menores de 25 anos que representan o 70 % das novas persoas desempregadas.

Cómpre poñerse a traballar para idear solucións a este feito que non podemos facer recaer no mal tempo do mes de agosto, senón a unha circunstancia estrutural. Todo isto, nun contexto de emigración de persoas mozas, onde mesmo as máis cualificadas vense na obriga de emigrar por falta de traballo na súa terra.

Consello Comarcal de Compostela, 12-setembro-2007

No hay comentarios: