Os que asistimos á merecida homenaxe a Manuel Amor Deus onte en Santiago tivemos a rara sensación de vivir, unha vez máis, outro desprazamento, análogo ao dunha dura clandestinidade, ao dun esquecemento inmerecido.
Non me quero meter co que alí se dixo: houbo intervencións meritorias (Abuín, Germán, o compañeiro de celda de Amor Deus e o compañeiro italiano...) por apelar á verdade vivida e por lembrar á muller comunista do camarada, Fina; outras, sen dúbida menos (evitaremos dar nomes para non ofender), por apelar a un recurso fácil de proclamar que aquelo era moi malo e que agora todo é moi fermoso.
A loita de clases aínda existe. E o sindicato socio-político que construiu Amor Deus....u-lo? Núñez Feijó estivo un ratiño como testemuña nas primeiras ringleiras. Toda a cohorte do PSOE idem de lienzo...Entón, non me engano si unha interrogante abafante me fai preguntar, de forma inocente, como é que en ningunha ringleira de diante existiu un asento para o Secretario Xeral do PCG, o Partido de Manuel Amor Deus? Como é que nin a este Partido e nin a Esquerda Unida, que era a súa organización, se lle deron palabra e testemuña?
Por simple esquecemento?
Por deliberada desmemoria?
Ou por que non nos queren?
Semella que só servimos para o po da memoria
como se non houbese presente nin futuro.
Engánanse ben. Repito. Aínda hai loita de clases. Aínda precisamos un verdadeiro sindicato socio-político.
Os que seguimos traballando desde o Partido e desde o proxecto de Esquerda Unida estamos xa cansos de sentir o baleiro de todos aqueles que, acto seguido, proclaman e louvan a nosa entrega para que este país coñecese a democracia. Que nos deixen a nós dicilo e reivindicalo....é máis xusto e máis coherente. Máxime se os que o din, agora teñen asentos e poder e xa non viven o Partido.
Quizais, tiña que calar, pero un xa está realmente farto.
Quizais, pero como non quero que a miña voz mude en sentimento pesaroso que permanece dentro coma un cravo ardente, prefiro liberarme, sentir esa liberdade de falar, esa liberdade de non ter medo a dicir simplemente o que hai que dicir, a facer o que hai que facer, "sen denigrar, pero sen lamber o cú", como nos recordaba o luns o camarada Abuín.
Xabier Ron
No hay comentarios:
Publicar un comentario