Continúa o Simposio Internacional Pobre Mundo Rico "OUTRA FORMA DE COMUNICAR UN MUNDO ALTERNATIVO": CARLOS ESTÉVEZ E PASCUAL SERRANO, O LUNS 15 EN CC. DA COMUNICACIÓN DE SANTIAGO.
O creador da serie documental de TVE2 "Voces contra a Globalización" e o
fundador de rebelion.org respectivamente, explicarán en senllas
conferencias -con proxeccións-, as razóns que deron vida á serie
documental e á web alternativa. Será ás 17:30 hs
C.I.P. Sábado 13 outubro 2007
A programación de "Pobre Mundo Rico" reúne o luns 15 en Santiago ao
xornalista Pascual Serrano e ao director, realizador de cinema e tamén
xornalista, Carlos Estévez. Ambos os dous ofrecerán senllas conferencias
-a partir das 17.30 hs- sobre a súa experiencia no tratamento da
información tanto na prensa electrónica coma en audiovisual, co
compromiso social como denominador común.
rebelion.org, un proxecto consolidado
En outubro de 1996 Pascual Serrano fundou cun grupo de xornalistas
un medio alternativo en Internet, rebelion.org coa intención de crear
unha proposta informativa global, allea ao mercado e a calquera relación
co diñeiro. Hoxe, once anos despois, é un proxecto consolidado con seis
millóns de páxinas lidas ao mes, relacións coa maioría dos medios
alternativos en castelán e conta cos máis prestixiosos intelectuais entre
os seus colaboradores. Os creadores de rebelion.org foron invitados a
explicar o proxecto en numerosos países de Europa, América e mesmo en
Asia. E continúan fieis aos seus principios de non ter ningunha relación
co diñeiro nin co mercado.
Unha voz contra a manipulación
Carlos Estévez falará de como os medios de comunicación están a
crear sociedades desinformadas, insatisfeitas e agresivas. Xornalista de
investigación, director e guionista de series documentais de televisión,
viaxou por todo o mundo vendo, oíndo e denunciando todo tipo de
situacións inxustas. Na súa última serie, "Voces contra a Globalización"
-os documentais da cal estanse a proxectar no Ciclo de Cinema contra a
Pobreza, dentro das actividades do Simposio- Carlos Estévez fala da perda
do poder político en mans dos grandes poderes financeiros; de como o
diñeiro criminal aflora en todo o mundo; dos paraísos fiscais como
refuxio da corrupción e o crime; de como apenas duascentas empresas
transnacionais dominan o mundo; da perda da economía produtiva en favor
da especulación financeira, da fame e a miseria no mundo, da necesidade
de establecer unha resistencia fronte ao capitalismo global e que o
cidadán deixe de ser consumidor para volver ter dereitos que lle permitan
decidir.
Tampouco pasa por alto a manipulación á que están sometidas
sociedades enteiras polos grandes medios de comunicación que xa caeron en
mans do poder económico mundial para crear unha forma de pensar e de
reaccionar ante os acontecementos acorde aos seus intereses.
Sobre Pascual Serrano
Nacido en Valencia (España) o ano 1964, Pascual Serrano licenciouse
en Periodismo en 1993 na Universidade Complutense de Madrid. Iniciouse no
periodismo traballando no diario español ABC. Foi fundador e redactor
xefe da revista Voces, editada pola organización política Esquerda Unida.
En 1996 fundou xunto cun grupo de xornalistas a publicación electrónica
www.rebelion.org, que hoxe funciona como diario alternativo en Internet.
É membro fundador da Rede de Intelectuais e Artistas en Defensa da
Humanidade, creada en México en 2004. Colabora habitualmente nunha decena
de publicacións latinoamericanas sobre temas de comunicación e política
internacional. Na actualidade é membro do consello de redacción das
revistas Mundo Obrero, El Otro País e Pueblos, onde colabora
habitualmente.
Dende decembro de 2005 é asesor editorial de Telesur, unha canle de
televisión promovida por Venezuela coa participación de Cuba, Arxentina,
Uruguai e Bolivia, que pretende ser un modelo de comunicación contraposto
aos medios dominantes do primeiro mundo.
En febreiro de 2007 foi Primeiro Premio do Concurso Internacional
de ensaio "Pensar a contracorrente", polo seu traballo "Violencia e
medios de comunicación", convocado polo Instituto Cubano do Libro, o
Ministerio de Cultura de Cuba e a Editorial Ciencias Sociais.
Sobre Carlos Estévez
Carlos Estévez, xornalista, realizou numerosos documentais sobre a
transición en España, programas de investigación premiados en certames
internacionais e unha serie documental sobre a globalización.
Comezou escribindo na revista Triunfo, traballou como reporteiro en
RNE e en TVE tendo labores diversos como: correspondente diplomático,
correspondente político, responsable da área de reportaxes dos Servizos
Informativos de TVE, Subdirector de Informativos, Director dos Centros
Territoriais de TVE, Director de Programas de Actualidade de Antena 3 TV,
Director de Organización de Antena 3 TV, Director de Programas de
Investigación de Antena 3 TV, Director Adxunto de Programas de TVE,
Director de Contidos de TVE, Director de RTVE Digital
Escribiu e dirixiu para La2 de TVE a serie documental "Voces contra
la Globalización ¿Otro Mundo es Posible?".
No hay comentarios:
Publicar un comentario