O mércores 24, "Cinema contra a pobreza" con “La larga noche de los 500 años" de Voces contra la globalización, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago
"BANCA PARA RICOS, BANCA PARA POBRES,", É O DEBATE DESTE XOVES DENTRO DO SIMPOSIO "POBRE MUNDO RICO"
A Conferencia correrá a cargo de Mariano Aguirre, que falará sobre a "Crise de estado, pobreza e violencia"
Santiago, Sábado 20 outubro 07
Coa proxección doutro dos capítulos da serie documental "Voces contra a globalización... ¿outro mundo é posible?", dirixida e guionizada por Carlos Estévez para La2 de TVE, "La larga noche de los 500 años" chega na cuarta semana do Simposio Internacional "Pobre Mundo Rico" a Santiago.
Este capítulo comeza en San Cristóbal de las Casas (México) en xaneiro de 1994, cando o subcomandante Marcos inicia as revoltas contra a globalización precisamente o mesmo día que entra en vigor o Tratado de Libre Comercio entre América do Norte e México, para analizar a través das voces dos indíxenas e dos intelectuais a perda da terra no mundo, a perda da identidade, a uniformidade das culturas, as privatizacións e o novo panorama en América Latina.
... E o xoves, debate e conferencia
O director da área de Paz, Seguridade e Dereitos Humanos de FRIDE (Fundación para as Relacións Internacionais e o Diálogo Exterior) Mariano Aguirre ofrecerá o xoves 25 en Santiago a conferencia "Crise de Estado, Pobreza e Violencia" ás 19.30 h. na Facultade de Ciencias da Comunicación. Previamente, ás 17.00 h. celebrarase a Mesa-Debate "Banca para ricos, Banca para pobres" na que intervirán Guillermo Brea, director da Obra Social de Caixanova; Carlos Bendito, director de Desenvolvemento de Tríodos Bank e Raúl Asegurado, da Asociación de Interese Solidario "O Peto".
A Conferencia
"Crise de estado, pobreza e violencia" é o título da conferencia que ofrecerá Mariano Aguirre. O coordinador de Programas de FRIDE considera que a pobreza é un dos factores centrais que inflúen para que unha sociedade careza dun equilibrio pacífico entre os seus diferentes actores. Para Aguirre a falta de desenvolvemento económico non conduce, necesariamente, a conflitos armados ou guerras abertas, pero nas sociedades nas que hai fortes niveis de pobreza e desigualdade existen graves problemas de violencia social que se manifestan como criminalidade, integración de franxas da sociedades (especialmente os mozos) en prácticas ilícitas e redes mafiosas, enfrontamentos de grupos de identidades adquiridas (as maras de América Central), entre outras.
Na medida en que a pobreza continúa sendo un grave problema e a desigualdade aumenta, a violencia continuará manifestándose. As súas formas fanse, á vez máis complexas o que, en opinión de Mariano Aguirre, obriga análises máis sutís sobre a marxinación e a integración social.
No hay comentarios:
Publicar un comentario