martes, 22 de julio de 2008

Bicicleta, unha cuestión de clase?

Interesante a reflexión que saía nestes días nun medio de difusión nacional con edición local no tocante ao posible éxito das estacións de bici, xa que nela, en base a declaracións recollidas dalgúns persoeiros públicos da vida local do noso Concello, dáse a entender que desprazarse en bici para realizar as nosas tarefas e mesmo coller o transporte público -léase autobús- é algo reservado para as clases socias menos favorecidas.

Sen pretender relacionar o uso de ambos medios de transporte, o certo é que algo de verdade hai na reflexión. Pero, quizais, conviría tamén fixarse na infraestrutura dispoñible. O uso da bici en Compostela nunca foi contemplado no deseño urbanístico da cidade ....e non se pode dicir que se sabe da existencia de bici desde hai escasos anos. E, preguntámonos, contémplase nas máis recentes elucubracións urbanísticas que han ter corpo nos vindeiros anos?

Falta, xa que logo, planificación e un Plan Director da Bici. Despois, a mentalidade xoga un factor determinante e que adquire múltiples facianas que non seremos nós quen as invalide. Antes ben, trátase de facer ver as vantaxes e de convencer ás persoas usuarias dos seus beneficios (éticos, económicos, medioambientais). Aí é onde debe traballar un organismo público. O primeiro exemplo negativo é a trazabilidade e a conectividade: por onde discorren as vías e que puntos conectan de tal forma que a bici axilice os meus desprazamentos (laborais, de subministración esencial, ...)? Isto tamén depende dunha planificación e dun Plan Director da Bici.


En canto ao do transporte público (autobús) hai infraestrutura -se ben aínda cómpre mellorar a axilidade e comodidade do autobús á hora de desprazarse no interior da vila e, máis importante, a accesibilidade e conectividade.

Os que usamos o transporte público con certa frecuencia sabemos moi ben que é importante, por exemplo, ver a un alcalde ou alcaldesa coller o transporte público. Cuestión de exemplo. Predicar o seu uso e logo ser o primeiro en desprazarse no todoterreo ou no último modelo en cuestión de cabalos e potencia é, sinxelamente, unha farsa que inorportuna á persoa de a pé. No entanto, si podemos dicir que cando se incrementan as liñas e as frecuencias, as persoas collen o bus e deixan o coche para os desprazamentos longos de fin de semana. Acontece máis no transporte comarcal, se cabe, a pesar de todas as eivas nas que seguen "emperradas" as empresas prestadoras dos servizos (nula información nas marquesinas, mobiliario escaso, non adaptables ás persoas con carriños para meniños ou ás persoas con discapacidade, ...).

Imos ser optimistas: a canta máis planificación e máis infraestruturas, máis uso. A receita é ben sinxela. Saberá a nosa clase política preparala?

No hay comentarios: