O anuncio ollado na prensa sobre a disposición das diversas estacións para o préstamo de bicicleta presentaba unha ausencia que coidamos absurda. En efecto, e a menos que a nota de prensa esquecera publicalo, a estación de tren non figura como beneficiaria dunha estación de bici.
Tendo en conta que a de autobús si semella contar cunha, non entendemos por que a de tren non conta con ela. Hai que entender a bicileta coma un medio de transporte máis. Para iso, coidamos que é preciso que a estación de tren dispoña dunha estación de bicicleta.
O seguinte paso é a elaboración dun Plan Director da Bici integrado dentro dun Plan de Transporte Público de Calidade e Sustentable, realizados de forma participativa. Isto é necesario para que o uso da bicicleta sexa unha realidade operativa.
Por iso, é preciso ir artellando a conectividade da cidade mediante unha rede de vías e, nas zonas onde xa é imposible a creación destas vías, o desenvolvemento dos medios técnicos que garantan a convivencia viaria entre os distintos medios de transporte así como unha imprescindible formación en educación viaria para que a convivencia signifique, por riba de todo, a obrigada garantía de seguridade que precisan as persoas usuarias da bicicleta.
Ditos Plans son imprescindibles se queremos que a bici sexa realmente medio de transporte que permita a redución de tráfico motorizado e contaminante na cidade e evitar as illas-viarias (carril de Fontiñas) que non cumpren co cometido de ser vía de comunicación.
Santiago, 9-xullo-2008
No hay comentarios:
Publicar un comentario