miércoles, 10 de diciembre de 2014

Oposición á especulación urbanística en Xoán XXIII



O CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA OPONSE Á ESPECULACIÓN URBANÍSTICA QUE O PP QUERE LEVAR A CABO EN XOÁN XXIII, E ESIXE QUE ACOMETA, O ANTES POSIBLE, O PROXECTO PLANIFICADO DE PISOS PROTEXIDOS EN RÉXIME DE ALUGUER PARA A MOCIDADE CON RENDAS BAIXAS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA REITERA A NECESIDADE DE MUDAR ESTE SISTEMA ESPECULATIVO E DELEZNABLE, QUE CONVIRTE O DEREITO Á VIVENDA NUN PRIVILEXIO, PROPOÑENDO MEDIDAS QUE, ENTRE OUTRAS CUESTIÓNS, FOMENTEN O ALUGUER SOCIAL.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifesta que unha das labores fundamentais de calquera Administración Pública é a de velar por garantir un dos dereitos máis fundamental e básico  das veciñas e veciños. O dereito a unha vivenda digna.

Teméndonos o peor, ou intuíndo que a lóxica especuladora e neoliberal do Partido Popular aparecería, en marzo de 2012 presentamos unha pregunta ao Concello requirindo saber cales eran as intencións do goberno local respecto ao proxecto de vivendas públicas en aluguer en Xoán XXIII. Hoxe temos resposta. Unha nova resposta do PP que vela polo lucro privado e non polo beneficio da maioría social.

O Consello Comarcal de EU Compostela manifesta o seu máis profundo rexeitamento a que o Partido Popular, tanto na Xunta como no Concello, abandone o proxecto inicial de Xoán XXIII para entregalo á especulación inmobiliaria. Permitindo que nesa zona “privilexiada” da cidade sexa vivenda libre, é dicir cara e para unha minoría que a poda pagar, a que se erga en lugar dos pisos protexidos que prestarían o servizo público e social que a cidadanía demanda.

Xa é máis que evidente que o PP hipotecou, coa súa nefasta xestión e execrable política, o futuro desta cidade por moito anos. Pero o que é inadmisible que o individuo Agustín Hernández acometa semellante medida cando carece de lexitimidade. Pode ser que o seu goberno sexa legal, mais non é democrático, e por suposto é un insulto á cidadanía que a escasos meses dunhas eleccións municipais, nas que un novo equipo de goberno terá que corrixir a desfeita do Partido Popular, este “alcalde” destrúa un proxecto necesario para a cidade, trasladando as vivendas sociais que necesitan as veciñas e veciños ás aforas da cidade, como se fose  un concepto gueto.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reiteramos a necesidade de mudar este sistema político, económico e social que impide o acceso a unha vivenda digna a moitas persoas. Por iso creemos no fomento do aluguer social como medio para alcanzar unha sociedade xusta no que o acceso a un fogar digno sexa unha realidade.

Demandamos, entre outras moitas medidas, a creación dunha axencia pública municipal de aluguer, tal e como xa propuxemos mediante unha moción en marzo de 2012, co obxectivo de incentivar a posta a disposición da cidadanía de vivendas en aluguer social. Reiterando, unha vez máis, a elaboración dun censo de vivendas baleiras para aplicarlles a recarga máxima no IBI que permita a lei, e así fomentar a súa posta en aluguer, por exemplo, a través a mencionada axencia municipal.

No hay comentarios: