O
CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA
COMPOSTELA CONSIDERA OS ORZAMENTOS DO PP PARA SANTIAGO COMO INVIABLES E
MERAMENTE ELECTORALISTAS.
O
CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA QUE OS ORZAMENTOS DE AGUSTÍN
HERNÁNDEZ PRIORIZAN OS GASTOS SUPERFLUOS EN LUGAR DO BENESTAR DAS VECIÑAS E
VECIÑOS.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela
considera que os orzamentos presentados polo Concello de Santiago de Compostela
para o ano 2015 son de imposible viabilidade e as súas prioridades, un ano
máis, son as grandes obras e os gastos superfluos en vez do benestar da
veciñanza e paliar as inxustizas sociais da nosa cidade.
O Partido Popular preséntanos uns orzamentos con
dubidosas prioridades. Partidas de obras non necesarias con contías elevadas
fronte ás partidas de acción de social, de promoción do emprego ou de vivenda. O
PP compostelán comezou con este orzamento a súa
campaña electoral para as vindeiras eleccións municipais. Promesas de
grandes gastos vistosos para a foto de inauguración, mais esquecendo o futuro,
o custo de mantemento.
Este goberno municipal non fixo os deberes como
alardea o alcalde, os orzamentos son irreais, inflados, inviables, establecen
gastos en investimentos sen ter garantida a súa contrapartida en ingresos,
dependendo esta da venda de terreos propiedade do Concello. E para Esquerda
Unida non se pode facer negocio co patrimonio público do solo. O Partido
Popular presume da rebaixa do IBI urbano en 0.03, parece esquecer que só fai 2
anos a veciñanza de Compostela sufrimos un incremento neste imposto de case o
14 %. As contas demostran a precaria situación do noso Concello, froito da
pésima xestión de anos, endebedado, tendo que empregar o remanente do ano 2014,
máis de 5 millóns de euros, ao pago da
débeda.
Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida nestes
tempos de crise, de emerxencia social, cómpre un orzamento que procure o
benestar social da veciñanza, que loite contra os elevadísimos niveis de
desemprego da comarca, contra os desafiuzamentos, contra a precariedade da
mocidade e das mulleres, contra a lacra da violencia machista e contra o risco
de exclusión social en que se atopa 1 de cada 5 persoas veciñas de Compostela.
Pola contra, dende o PP propoñen altas contías para partidas non necesarias
fronte as de promoción do emprego, de acción social, muller ou mocidade. Máis
externalización e privatización de servizos en vez de creación de emprego
estable e en condicións dignas. As oligarquías locais son as que seguen
controlando os orzamentos da veciñanza. Tamén é preciso que o Concello actúe
contra a homofobia que poida existir na cidade acometendo, entre outras medidas,
campañas de concienciación debidamente orzamentadas e elaboradas.
A humanización de rúas do centro compostelá que se
atopan en perfecto estado teñen o dobre de investimento que as escolas infantís
de xestión municipal. Similar gasto en festexos, máis dun millón de euros, que
nas partidas destinadas as políticas de emprego. Un maior gasto en subvencións
ás compañías aéreas que nos servizos de atención aos dependentes.
O programa de políticas de seguridade vese
incrementado nun 55%, nunha das cidades con menor índice de criminalidade de
Europa. O gasto en seguridade alcanza case oito millóns de euros. Un dos
programas do orzamento con máis fondos, fronte as ridículas contías destinadas
ás políticas de promoción de vivenda social ou ás persoas máis necesitadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario