O pasado 19 de xaneiro fíxose
público o auto de resolución da solicitude de asilo político en España do mozo
activista saharaui Hassanna Aalia, no que se lle comunica a denegación da
protección e anúnciaselle a saída obrigatoria do territorio español, dándolle
un prazo de 15 días para abandonar o Estado español, pese ao castigo que lle
espera e o risco real de ser torturado si regresa ao Sahara Occidental baixo
ocupación de Marrocos.
Hassanna é un mozo saharaui de 26
anos nado no Aaiún que solicitou o asilo político en xaneiro de 2012, tras
decatarse que o seu nome figuraba na relación de acusados que ían ser xulgados
en Rabat por un Tribunal Militar polos feitos do Gdeim Izik. Hassanna estaba
nese momento en España, non por estar perseguido polo seu activismo en favor da
causa saharaui, senón para estudar cunha beca que lle foi concedida para
aprender español. A lei española que regula as condicións para a solicitude de
asilo político establece cláusulas e prazos excepcionais cando as
circunstancias que xustifican a petición débanse a causa sobrevida no país de
orixe, como sucedeu neste caso.
Hassanna Aalia figura no Sumario
de Instrución do Tribunal Militar Permanente para a Forza Armada do Reino de
Marrocos, xunto con outros 24 acusados, todos civís. Foi xulgado en rebeldía e
a tenor da súa condena a cadea perpetua nunha sentenza que foi lida ante
observadores de Human Rights Watch e Amnistía Internacional, entre outros,
existen sobrados motivos para determinar que o retorno de Hassanna ao Sahara
Occidental suporía un risco real para a súa integridade física.
Pero o Ministerio do Interior
denegou a súa petición, malia que contaba cun contundente informe de ACNUR, que
apoiaba a solicitude en virtude das circunstancias excepcionais de Hassanna
Aalia, recoñecendo o seu activismo, as detencións que sufriu, os malos tratos,
o acoso e a presión á que foi sometido por parte da policía marroquí, e a
tortura da que foi obxecto. A primeira vez que foi torturado tivo lugar en
outubro de 2005, cando tiña 17 anos, por participar nunha manifestación
pacífica á saída da escola. Estivo dous días retido e, segundo declarou
Hassanna, “os maltratos comezaron na mesma rúa onde fun arrestado e seguiron dentro
do vehículo. Xa en comisaría, espíronme, colgáronme boca abaixo durante varias
horas e non me deixaron beber auga”.
Interior denegoulle a protección
internacional porque na sentenza escrita non figura o nome de Hassanna entre os
condenados, aínda que os observadores internacionais confirmaron que si foi
nomeado na sala cando se leu o veredicto a cada un dos acusados. Por esta
razón, o Estado español considera que hai un procedemento penal inconcluso e,
aínda que non o di expresamente, no fondo está avalando a validez dun xuízo que
foi denunciado polas máis importantes organizacións internacionais de defensa
dos Dereitos Humanos por non ofrecer garantía algunha aos procesados.
Por todo isto O Consello Comarcal
de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte
proposta de
ACORDOS
Primeiro. Esixir ao Ministerio de
Interior do Goberno de España que en virtude da lexislación española e do
compromiso do noso país co respecto aos Dereitos Humanos conceda o Asilo
Político a Hassanna Aalia, activista saharaui de Dereitos Humanos e defensor do
dereito de autodeterminación do Pobo Saharaui recoñecido pola lexislación
Internacional, dado que o seu retorno ao Sahara Occidental supón un risco real
para a súa integridade física
Segundo. Remitir de forma inmediata
esta solicitude ao Ministerio do Interior para que a leve a efecto..
No hay comentarios:
Publicar un comentario