ESQUERDA
UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA A.V. PONTEPEDRIÑA PARA A ELABORACIÓN COLECTIVA DO
PROGRAMA POLÍTICO DAS MUNICIPAIS
O
CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEFENDERÁ UNHA MELLOR PLANIFICACIÓN DOS USOS
DOS ESPAZOS PÚBLICOS E UNHA POLÍTICA DE
CALIDADE DA MOBILIDADE E DA ACCESIBILIDADE DO BARRIO.
Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda
Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro coa AV
Pontepedriña, dentro do programa de visitas ao tecido asociativo da cidade para
coñecer de primeira man as necesidades do barrio e facelo partícipe no proceso
de elaboración colectiva do programa das municipais de maio do 2015 .
Son numerosas as eivas do barrio que seguen
manifestándose ano tras anos, debido a un concello ineficaz, distanciado dos
barrios tradicionais. O Concello semella ollar os resultados das pasadas
eleccións municipais á hora de facer política municipal. Os veciños e veciñas
do barrio non merecen esta actitude electoralista.
Beirarrúas non axeitadas, non accesibles, que dificultan
o transito de persoas maiores ou con problemas de mobilidade; problemas de
mobilidade e accesibilidade que se repiten en rúas pechadas, con promesas de
accesos peonís a través da estación de tren que nunca se levan a cabo; idéntica
mala conectividade coas Brañas do Sar, unha fallida ruta de sendeirismo;
alumeado público deficiente en varios puntos do barrio; limpeza das beirarrúas
igualmente inaxeitada e deficitaria; problemas de seguridade viaria en Clara
Campoamor, Amor Ruibal e Camilo Otero; actuar na rúa Xoan Nogueira conforme aos
resultados do referendo veciñal que tivo lugar hai máis de un ano; mala xestión
do espazo coñecido como a Lagoa; escombreiras improvisadas como na rúa
Boqueixón; problemas de contaminación do rio Sar por unha mala praxe
depurativa; situacións de feísmo e de seguridade coas casas abandonadas
presentes no barrio.
Dentro deste mar de eivas, os membros da
asociación veciñal reclaman de forma inmediata unha mellor planificación para
unha correcta optimización dos usos dos diferentes espazos públicos do barrio.
Non é preciso indicar que os espazos públicos son vitais para promover a vida
colectiva nos barrios e favorecer a cohesión social.
O diálogo e a participación dos veciños e veciñas
son esenciais para desenvolver unha correcta política e sermos merecentes dunha
democracia de calidade. Ninguén mellor que as persoas que utilizan o CSC de
Pontepedriña para coñecer as actuacións que deben darse nos diferentes espazos
públicos do barrio. Sen pretender recoller toda a casuística, o Concello debera
atender as demandas de veciños e veciñas no tocante ás actuacións a realizar
para que o CSC poda responder a unha instalación
de uso público e social do século XXI. Do mesmo xeito, é necesario que se
acondicione de forma debida o parque infantil, e cun horario que dea resposta
ás necesidades de veciñas e veciños.
No hay comentarios:
Publicar un comentario