Por oitavo ano
consecutivo, os movementos LGTBI (movemento de lesbianas, gais, transxénero,
bisexuais e intersexuais) e feministas do Estado reivindican o día 26 de Abril
como o Día da Visibilidade Lésbica.
A multiplicidade de
identidades con que cada persoa se identifica, sitúannos nun lugar determinado
do escalafón social. Así, aquelas identidades menos privilexiadas polo sistema,
teñen cotas maiores de vulnerabilidade. Por iso, algunhas características identitarias
como a orixe étnica, a clase, a identidade de xénero, a orientación sexual ou
os tipos de diversidade funcional, son cruciais para a posición social que
ocupa cada persoa. E iso é algo do que calquera goberno debe facerse cargo,
así, os avances logrados en materia de igualdade non poden opacar as múltiples
formas de discriminación que prevalecen tanto na sociedade como nas
institucións.
E é que aínda queda
moito que reivindicar para as lesbianas, pois, do mesmo xeito que o patriarcado
fai mella na sociedade dificultando que as mulleres logren unha igualdade de
facto con respecto aos homes, as lesbianas enfróntanse a máis discriminacións e
barreiras: en principio, ademais de por mulleres, discriminadas porque a súa
orientación sexual lévaas a vivir a súa sexualidade á marxe dos homes.
A invisibilidade
social do lesbianismo; a súa constante obxectivación sexual nos medios; o acoso
escolar e nas rúas, que sofren a diario; as agresións homófobas que van en
aumento nos últimos meses; os recortes en gasto social que se traducen en menos
esforzos en materia de igualdade; a discriminación laboral da que as
desprotexen nas últimas reformas; a feminización da pobreza e a precariedade
laboral que provoca a crise; a exclusión das relacións lésbicas de parella dos
recursos dispoñíbeis en materia de violencia doméstica ou intraxénero; o gran
descoñecemento da comunidade médica ante a realidade das lesbianas; así como a
negativa por parte dalgunhas comunidades autónomas ao seu acceso a tratamentos
de reprodución asistida, son só algunhas das violencias que sofren as lesbianas
no noso país.
En temas deste
calado, a memoria histórica é de vital importancia, xa que houbo épocas en que
o propio Estado era o que penaba e perseguía a homosexualidade. Por iso, a
loita contra a lesbofobia debe pasar inevitablemente por que as institucións
outorguemos o recoñecemento que se merecen aos movementos LGTBI e feministas,
cuxa loita e traballo diario posibilitaron algúns dos avances máis importantes
en materia de igualdade, ámbito fundamental para toda democracia..
Por todo isto o Consello
Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a
seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Este Concello comprométese a levar
a cabo a realización de campañas de sensibilización social que ofrezan
referentes públicos de mulleres lesbianas, para acabar coa invisibilización que
sofre este colectivo así como para servir de apoio ás mulleres lesbianas que
están no proceso de saír do armario e requiren de referentes positivos
Segundo. Desenvolverá conxuntamente coa
Xunta estudos levados a cabo nos centros de saúde de mulleres lesbianas
infectadas con VIH e Infeccións de Transmisión Sexual.
Terceiro. Fomentará a inclusión das mulleres
lesbianas nas políticas de igualdade de xénero para que estas teñan en conta a
súa realidade e poidan levar a cabo desde as institucións públicas medidas para
eliminar a discriminación e invisibilidade social que viven as mulleres lesbianas.
Cuarto. Instará ao Goberno central á
modificación da carteira de sanidade para incluír novamente ás mulleres
lesbianas e mulleres solteiras nos programas de reprodución asistida públicos.
Quinto. Instará ao Goberno central a afondar
na inclusión da realidade das mulleres lesbianas nos protocolos xinecolóxicos
para que o persoal médico coñeza as prácticas sexuais e poidan recibir unha
atención adaptada ás súas necesidades
No hay comentarios:
Publicar un comentario