miércoles, 15 de abril de 2015

"Viva a República" verbas de Abuín polo 14 de Abril



¡EU QUERO SER CIDADÁN, NON SUBDITO!

A monarquía é unha anacronía. Son republicano convicto. Por raciocinio. Por raciocinio todos debésemos ser republicanos convictos. Porque todos nacemos iguais de sangue. Non hai sangue de distintas cores ou de clases distintas. Todas as sangues son plaquetas, glóbulos roxos e glóbulos brancos. Non hai ámbitos no sangue para matices de signo cromático nin para matices de signo divino. A suposta existencia de sangue azul é unha falacia interesada que bate contra todo indicio de raciocinio. Non fai falta ser hematólogo para dar por sentado que non hai sangues de alta e baixa liñaxe.

Os que din que si existen matices de signo cromático e matices de signo divino dino movidos por interese de parte. Falso de toda falsidade é ese dito interesado. As monarquías son unha entelequia desde que a revolución francesa as envorcou en 1789 ó cemiterio da Historia. E Alfonso XIII tivo que escapar de España a uña de cavalo en 1931 por golfo. Cousa que sucedeu sen que correse unha pinga de sangue. A impopularidade da monarquía era tal que o propio monarca optou por collelo portante.

E se aquel reinado apestaba a putrefacto, este de agora por aí lle anda. E a maiores  este de agora é portador do non pequeno pecado de ter chegado da man ensanguentada dun gran canalla de Estado. Xa é hora de que o pobo fale co sufraxio na man, xa é hora de que o pobo opte libremente pola forma de Estado que quere darse. Eu, chegado o caso, optarei por envorcar a monarquía ó cemiterio da Historia e tamén ó sistema capitalista por bárbaro e por arcaico.

Tan caducado está xa o sistema capitalista que incluso conspicuos capitalistas falan con descaro da necesidade de anovalo. Pero non é de anovalo do que se trata: o que a Historia pide é ir a unhas novas relacións de produción que tracen as súas coordenadas vitais na perspectiva de garantir tallante o postulado de a cadaquén segundo cantidade e calidade de traballo realizado. Aí radicará o alicerce dunhas relacións de produción realmente humanas. Que os pobres teñan que pasar coas frangullas que caen da mesa dos ricos é barbarie. E, en boa lei, todo gobernante ten que contar co visto e prace dos cidadáns. Tamén o xefe do Estado. Viva o sufraxio universal.
Xesús Redondo Abuín.

No hay comentarios: