martes, 15 de enero de 2013

Petición de adianto eleccións municipais



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA RECLAMA ELECCIÓNS ANTICIPADAS EN SANTIAGO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEFENDE QUE A MALA XESTIÓN POLÍTICA, SOCIAL E ECONÓMICA DO PP ACREDITAN ESTA NECESIDADE DEMOCRÁTICA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reclama, por convencimento democrático, que a cidadanía deber ser escoitada mediante o adianto electoral das municipais en Santiago.

É máis que evidente, cando nin se cumpriron dous anos de lexislatura, que a nefasta xestión política, social e económica do Partido Popular está a provocar graves problemas no benestar dos veciños e veciñas.

Máis, se cabe todavía, cando a esta xestión privatizadora, antisocial e neglixente, se lle une a dimisión de Conde Roa, por un presunto fraude fiscal, a imputación do actual alcalde, Ángel Currás, e constantes liortas internas personalistas pola posible sucesión, que obvian os problemas da cidadanía e a pertinente búsqueda de solucións, asi como anuncian unha inminente situación de ingobernabilidade.

Tamén é manifesto, por exemplo, que a vital labor de elaboración dos orzamentos municipais se está vendo prexudicada polos problemas xudiciais de varios membros do equipo de goberno do PP, pois, segundo o prometido publicamente polo alcalde Currás, se ía iniciar a tramitación destes orzamentos en outubro para garantir que estivese aprobado antes do 31 de decembro de 2012. Obviamente non foi así.

Por todos estes motivos, e moitos máis que atestiguarían a nefasta xestión do PP local, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reclama ao Senado e o Consello de Ministros que tal como se expón no artigo 61 da lei reguladora das Bases do Réxime Local, no seu apartado primeiro, fagan efectiva a disolución dos órganos da corporación local dado o suposto de xestión gravemente danosa para os intereses xerais que supoñen incumprimento das súas obrigas constitucionais.

E a continuación, aplicando o apartado terceiro deste artigo 61, que expón que unha vez disolta a corporación local será de aplicación a LOREG, en relación á convocatoria de eleccións anticipadas.

LOREG, que no seu Título III no artigo 183 expón que no suposto de disolución de corporacións locais por acordo do Consello de Ministros deberá procederse á convocatoria de eleccións para a constitución dunha nova corporación dentro do prazo de tres meses

jueves, 10 de enero de 2013

Inversións cosméticas VS gasto social



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA O GASTO EN ACTUACIÓNS ESTÉTICAS PROXECTADAS POLO GOBERNO LOCAL DO PP

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEFENDE O USO DOS RECURSOS ECONÓMICOS EN ACTUACIÓNS SOCIAIS QUE VELEN POLO BENESTAR DA CIDADANÍA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende que o compromiso vital de calquera Administración Pública e loitar por acadar ou velar pola prestación de servizos sociais públicos que a cidadanía demanda e precisa.

Todo sabemos que vivimos as consecuencias da crise-estafa perpetrada polas oligarquías financeiras, coa anuencia do PP, alumno aventaxado da doutrina ultraliberal, iniciada no seu día polo PSdG. Esta crise-estafa maniféstase a través de sucesivos plans de recortes que hipotecan non só os orzamentos e as actuacións do Concello como mínimo nunha década, senón tamén e sobre todo erosiona os dereitos fundamentais da cidadanía, condeada a vivir baixo o abafo económico. Por iso, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que o goberno local debe ser moi coidadoso á hora de gastar o diñeiro público.

Tal e como xa expresaramos nas alegacións aos orzamentos do ano 2012, non consideramos prioritario o investimento de 411.766 euros na remodelación do parque de Ramírez ou agora os recentemente anunciados 120.000 para o estanque da Alameda, xa que, por moi importantes que se podan considerar estas actuacións, as urxencias de hoxe apelan a que os máis de 500.000 euros deben destinarse a gasto social.

Nunha moción presentada o 1 de decembro de 2011 xa consignamos que son precisas axudas para o pago da hipoteca ou do alugueiro a persoas en situación de emerxencia social. Ou ben podería dedicarse a crear a axencia pública municipal de aluguer que tería como obxectivo principal incentivar a posta a disposición da cidadanía de vivendas en réxime de aluguer social, tal e como figura na moción rexistrada o 14 de marzo de 2012.

Pero se, como supoñemos, para o goberno local do PP o gasto social non é unha prioridade, consideramos que, ante as actuacións anunciadas, sería un mellor uso dos cartos públicos o adecentamento das beirarrúas e estradas en diferentes barrios da cidade, que a día de hoxe presentan un lamentable estado.

miércoles, 9 de enero de 2013

Moción radar vial SC-21





O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que as medidas tomadas polas Administracións Públicas teñen que ter como único fin o benestar da cidadanía

Por exemplo entendemos que o uso de radares para o control de velocidade debe de guiarse co obxectivo de evitar accidentes debidos ao rebasamento da velocidade máxima permitida en tramos de accidentalidade probada.

Por tal motivo o Consello Comarcal de EU Compostela quere mostra-la súa desconformidade co emprego de máis de corenta mil euros das arcas públicas (41.052), para a instalación dun cinemómetro fixo no Túnel do Hórreo.

Desde a apertura do túnel, hai xa máis dun ano, só temos constancia publicitada polos medios de comunicación, dun accidente ocorrido en decembro do 2012 por un vehículo presuntamente conducido polo seu sustractor. Aínda que diferentes medicións cun cinemómetro móbil reflicten que hai conductores imprudentes que non respectan a velocidade indicada, segundo unha recente información, de 700 vehículos controlados, só 6 foron obxecto de denuncia, o que supón un 0,85% dos casos

Pola contra recentemente tivemos novas na prensa debido a un estudo por parte do RACC (Real Automóvil Club de Catalunya), polo que o tramo máis perigoso de toda a rede viaria española radicábase no vial SC-21 que une a N-634 desde a rotonda de acceso ao Aeroporto de Lavacolla, coa Autovía A-54 (Avda. Camilo José Cela)

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida, convencidos de que o obxecto disuasorio dos radares debe de concentrarse en evitar accidentes, consideramos que, de só ser posible a instalación dun cinenómetro, este debería estar onde as estatísticas indican que é necesario para evitar accidentes

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Instar a instalación dun cinemómetro no vial SC-21.

martes, 8 de enero de 2013

Pregunta Rocha Forte



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que as distintas Administracións Públicas deben de velar pola preservación do Patrimonio Cultural.

Por desgraza en Santiago de Compostela existía un tesouro arqueolóxico que non está a recibir o recoñecemento que merece: o Castelo de Rocha Forte. Situado na parroquia de Conxo, este xacemento data de mediados do século XII e foi protagonista de varios episodios da nosa cidade como as revoltas do século XIV contra o arcebispo Fonseca III ou a Segunda Revolta Irmandiña no s.XV, cando foi destruído.

Por sorte, según as últimas novas parece que a situación deste xacemento vai mudar. Nos orzamentos xerais do Estado para o ano 2012, consígnase unha subvención nominativa a favor do Concello de Santiago para o acondicionamento e valorización do Castelo de "A Rocha Forte" por importe dun millón de euros, dos que a maioría se investirán en realizar os pertinentes estudos e escavacións arqueolóxicas.

Agardando que así sexa, e que non se acometa esta actuación por mera utilidade ornamental para xerar un foco turístico máis na cidade, o que falta, según as informacións públicas das que dispoñemos, e unha participación activa da USC neste proxecto.

Para o Consello Comarcal de EU Compostela é necesario aproveitar este proxecto para que os estudantes da USC que estudaron, estudan ou están interesados na arqueoloxía poidan ter a posibilidade de que esta actuación arqueolóxica sirva de aula magna teórica e práctica na que poder avanzar nos seus coñecementos.

Se se planifica con este fin educativo, amén do estritamente arqueolóxico, ademais de poder ampliar o tempo de execución, pois é obvio que a faceta docente debería ralentizar o traballo arqueolóxico, o que sería inadmisible é aproveitar esta circunstancia para acadar man de obra gratuíta que elimine posto de traballos.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:

  1. O Concello, posto que xa está planificada a campaña de estudo sobre o xacemento,  velará para contar coa USC para tal fin?

jueves, 3 de enero de 2013

Imputación Ángel Currás



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONSIDERA QUE ÁNGEL CURRÁS QUEDA INHABILITADO POLÍTICAMENTE COMO ALCALDE

O CONSELLO COMARCAL MANTÉN QUE O PROBLEMA NON É UNHA PERSOA SENÓN AS POLÍTICAS NEOLIBERAIS DO PP.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, respectando a súa presunción de inocencia, considera que Ángel Currás queda inhabilitado politicamente como Alcalde para rexer como é debido o Concello de Santiago.

Por suposto se coas pertinentes pesquisas xudiciais e trala súa declaración o vindeiro 17 de xaneiro, a Ángel Currás se lle mantén a súa imputación esixiremos, se non o fai antes, a súa inmediata dimisión.

Mais, unha vez máis, desexamos ratificar que os problemas da nosa cidade non parten da imputación do seu alcalde, sendo isto moi grave, senón que son as políticas neoliberais, comezadas polo PSOE, que agora continúa e acentúa o PP, as que liquidan os dereitos sociais dos veciños e veciñas de Santiago.

Como xa expuxeramos con anterioridade, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela non entende a política como actuacións personalistas carentes dunha ideoloxía, e feitas dende a individualidade, senón como estratexias programáticas que o PP manifesta nese dogma privatizador que o move, e que xera as condicións idóneas para fraudes, subornos e outras actuacións delictivas.

Por iso non cremos que a posible dimisión de Ángel Currás solucione nada, máis aló dunha actuación cosmética do PP, porque manterase a xestión privada de servizos que deberían remunicipalizarse para realmente acadar o beneficio para a cidadanía e non o lucro nas mans privadas.

No é Ángel Currás, senón o PP, quen perpetúa e incluso incrementa as chamadas externalizacións, que non son máis que privatización dos servizos que deberían seguir sendo de titularidade e xestión pública.

Non é Ángel Currás, senón o PP, quen leva unha política urbanística errática, consistente en liquidar EMUVISSA, para permitir a planificación urbanística dun xeito privado carente de interese por velar polos dereitos da cidadanía.

Non é Ángel Currás, senón o PP, o que tanto a nivel local, galego como estatal, mostra un comportamento totalitario e de censura, como se reflictiu na prohibición de entrada os veciños e veciñas no último Pleno.

Moito máis se podería seguir engadindo da nefasta xestión do goberno local do PP, non só de Ángel Currás, que, sen lugar a dúbidas, empobrece social e economicamente a Santiago.