BRUTAL ATAQUE CONTRA
OS SERVIZOS PÚBLICOS
O recorte adicional en Educación e Sanidade, a
maiores dos Orzamentos 2012, lévanos a unha situación moi preocupante. Cómpre
reaccionar e dicir non a esta salvaxe poda dos nosos dereitos. Coa mentira como
argumento a dereita receita ultraliberalismo para acelerar os procesos de
degradación e privatización dos servizos públicos esenciais.
EDUCACIÓN
O R.D.-L. 14/2012 do 20 de abril de medidas
urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo
representa un brutal ataque ao sistema educativo público. Aumentar a ratio de alumnado (até 30 en EI/EP, 36 ESO, 42
Bacharelato, sen contar repetidores) é un disparate. Incidiría na masificación
das aulas e liquidaría a posibilidade de diversificar o traballo e a atención
pedagóxica personalizada en función das necesidades do alumnado. Non nos
fiamos do anuncio de Feijóo. Porque é electoralista e porque dixo o mesmo
do copago, e aquí está. Moito nos tememos que, de esixirllo Rajoy, en setembro
se aplique o que hoxe di que non fará. O
aumento das horas mínimas derivará en problemas para o profesorado de
moitos centros que se verían na obriga de compartir centro para completar
horario. Pero, sobre todo, este aumento afectará ao futuro laboral de milleiros
de persoas que, sendo hoxe interinas e substitutas, non poderán traballar.
Nisto incide, ademais, a decisión, contraria á calidade do ensino público, de
non cubrir as baixas de 15 días en
ningún caso, mesmo nas baixas superiores a ese tempo. Un quebradeiro máis
para a correcta organización dos centros educativos. En que situación queda o alumnado de 2º de
Bacharelato coa súa formación ante a Selectividade?
Na FP non haberá novas titulacións. A dereita é hipócrita: falan de
prestixiar a FP pero aplican medidas que a desprestixian.
No ensino
universitario
voltamos aos tempos do franquismo: estudará quen teña os medios económicos. O
aumento das taxas, o prohibitivo prezo dos másters e a inexistencia dunha
provisión real de bolsas condúcenos ao túnel do elitismo. E que o alumnado se
endebede crediticiamente non é unha solución. Todo o contrario. As clases
dominantes non queren un pobo instruído e formado: só queren man de obra
asequible e, por riba, sen dereitos.
SANIDADE
O R.D.-L. 16/2012 do 20 de abril de medidas
urxentes para garantir a sostibilidade do sistema nacional de saúde e mellorar
a calidade e seguridade das súas prestacións é unha auténtica salva de
disparos contra a sanidade pública entendida como un servizo público universal,
gratuito e financiado polos orzamentos públicos. É falso que non sexa sostible.
As próteses, o transporte sanitario non urxente, os fármacos serán
repagados polas persoas usuarias. Un auténtico roubo perpetrado con traxe e
maletín. Isto na Galicia das pensións miserentas e dos salarios rebaixados.
Moitas persoas
renunciarán ao tratamento debido á incapacidade de facerlle fronte aos gastos.
Canto lle custaría a unha persoa pagar, por exemplo, os 170 quilómetros diarios
que fai de Lugo a Coruña para que se lle alique un tratamento de radioterapia?
É aldraxante. É insolidario. Inxusto. Esnaquiza a nosa democracia e reduce as
nosas posibilidades ao feito de dispoñer de contías inxentes de diñeiro.
Burocratízase o dereito á asistencia sanitaria que, así, deixa de ser universal
e gratuita. Antes ben, establecen un novo imposto á enfermidade.
Prodúcese unha vulneración total do dereito á
asistencia sanitaria que teñen as persoas migrantes. Fáiselles culpables ao
penalizalas por unha eiva da lexislación (a irregularidade administrativa). Ás persoas maiores de 26 anos que non cotizaran
nunca terán que recoñecerlle a condición de “sen recursos” para acceder á
atención sanitaria. Pero,
que acontecerá coas mulleres divorciadas que nunca cotizaron?
SEN EDUCACIÓN PÚBLICA, SEN SANIDADE
PÚBLICA
NON HAI DEMOCRACIA
REAL
No hay comentarios:
Publicar un comentario