Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela vos informamos, e vos animanos a participar, na convocatoria dunha marcha reivindicativa convocada polo Comité Interempresas da CRTVG que, baixo o lema “NIN REPRESIÓN NIN MANIPULACIÓN” terá lugar o vindeiro sábado, 21 de abril, con saída, ás 11.30 horas do Pazo de Congresos de Santiago e remate ás portas da CRTVG en San Marcos.
Aquí tedes o manifesto da convocatoria:
O pasado día 30 de
marzo máis dun cento de afectados polo que se coñece como “estafa das
participacións preferentes” ocuparon as instalación da CRTVG en San Marcos para
denunciar a ocultación do conflito que lles afecta dende este servizo público.
No transcurso da ocupación,
a representación sindical asumiu un papel de mediación e diálogo, tratando de
manter en todo momento o carácter pacífico da ocupación e evitar o
enfrontamento entre o cadro do persoal e os afectados e afectadas.
Mentres isto acontecía,
o Director xeral da CRTVG abandonaba o edificio pola porta de atrás, facendo
deixazón absoluta das súas funcións como responsábel último do ente público.
Por se isto fose
pouco, ao día seguinte dos feitos, o mesmo Director xeral resolveu abrir un
expediente informativo para depurar responsabilidades entre as traballadoras e
traballadores do servizo xa que, segundo indicou, a ocupación das instalacións
non tería sido posíbel sen a “colaboración, activa ou pasiva, de persoal propio
da CRTVG”.
Porén, a única
responsabilidade neste e noutros conflitos ven dada por unha dirección ao
servizo do goberno de quenda, máis preocupada en ocultar os conflitos sociais que
en dar unha información veraz e plural á que o pobo galego ten dereito.
Esta política informativa
está a poñer en continuo risco a integridade moral e física dos e das
profesionais dos medios públicos, sobre todo nas situacións de maior impacto
social (como xa ten acontecido nos casos das vacas tolas, o Prestige, o mal
chamado decreto do plurilingüismo ou máis recentemente a folga xeral do 29 de
marzo), cando a crítica pola evidente manipulación informativa se transforma en
indignación social.
Mais para
enmascarar a realidade dos feitos, o Director xeral da CRTVG dálles radicalmente
a volta e acusa a traballadoras e traballadores de ser cómplices do asalto ás
instalacións da CRTVG en San Marcos, xustificando así a apertura dun expediente
informativo no que se entrevén trazos represivos que buscan atemorizar ao cadro
de persoal e afogar as voces
discrepantes dentro da empresa.
Contra esta práctica
represiva, mais tamén contra a manipulación informativa que está na orixe do
acontecido o 30 de marzo, chamamos á mobilización do conxunto da sociedade
galega. Esiximos a retirada inmediata do expediente informativo e o cese da
persecución a traballadores e traballadoras e á súa representación sindical.
Mais tamén reclamamos que o ente público cumpra coa función social para a que
foi creada, que non é outra que dotar ao pobo galego da información veraz,
plural, obxectiva, neutral e independente que precisa. Só así poderemos
asegurar que feitos como os actuais
non volvan a repetirse no futuro.
NIN REPRESIÓN NIN
MANIPULACIÓN.
No hay comentarios:
Publicar un comentario