O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos ó Concello que inste o goberno do Estado a velar polos dereitos dos pequenos aforradores prexudicados polas participacións preferentes.
Aquí tedes o texto da moción:
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que, amén de
prestar os servizos públicos necesarios, o Concello debe velar polos dereitos
da cidadanía e actuar contra os prexuízos que poidan ter.
A comercialización de produtos financeiros de alto risco supón unha das
fontes de prexuízos para os pequenos aforradores, que sen a información e
coñecemento necesarios, expóñense a sufrir quebrantos no seu aforro a costa do
xogo estéril que as entidades financeiras practican con engano. No caso das participacións
preferentes as entidades bancarias as ofreceron mentindo sobre o seu carácter
especulativo e perigoso, contando delas
que eran un produto de aforro.
As directivas comunitarias 2004/39/CE, relativa aos mercados de
instrumentos financeiros; a 2006/73/CE, sobre requisitos organizativos e
condicións de funcionamento das empresas de investimentos; e a 2006/49/CE, de
adecuación do capital das empresas de investimentos e entidades de creto, xa
forman parte do ordenamento xurídico estatal pola Lei 47/2007, do Mercado de
Valores. Estas normas tentaban no seu texto protexer aos pequenos investidores
respecto de produtos financeiros complexos e altamente especulativos; de feito
o título sétimo das Normas de Conduta prescribe un comportamento dilixente e transparente
no interese dos clientes, asemade de requirir que toda a información que se
lles de a estes terá que ser imparcial,
clara e non enganosa.
Os clientes das participacións preferentes, en boa medida pequenos
aforradores, amosaron nos test de conveniencia un fondo descoñecemento dos
produtos financeiros, así como a vontade de non mercar produtos con risco.
Diversas entidades financeiras fixeron caso omiso da verdadeira natureza deste
produto e mentiron aos seus clientes contándolles que as participacións
preferentes eran instrumentos sen risco, garantidos e con inmediata liquidez en
caso de necesidade. Temos que denunciar, como xa fixo o Grupo Parlamentar de IU
no Congreso nunha Proposición Non de Lei, que nin a Comisión Nacional do
Mercado de Valores nin o Banco de España supervisaron a actuación destas
entidades para que fora conforme aos tests
da Directiva 2004/39/CE.
O paquete de medidas pretendidamente regulamentadoras do sistema financeiro
coñecido como Basilea 111 deixa a porta aberta a que a entidade financeira
garanta o capital inicial do cliente, asumindo as perdas que no seu caso
puideran derivarse das especulacións do mercado. Circunstancia que
desgraciadamente algunhas entidades bancarias do Estados se negan a pór en
práctica a pesares das xigantescas inxeccións de cartos públicos recibidas
polos Gobernos ZP e de Rajoy.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao
Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro.- Que o Pleno do concello de Santiago inste
ao Goberno do Estado a que de xeito
coordinado coa CNMV revise aos test de conveniencia, ao obxecto de que o contrato de subscrición de participacións
preferentes ou doutros produtos semellantes resten sen efectos
legais, no caso de que non foran
produtos axeitados ao perfil de coñecemento das persoas contratantes ou non se adecuaran aos riscos que estas persoas manifestaban estar dispostas a asumir.
Segundo.- Que o Pleno do concello de Santiago inste
ao Goberno do Estado a que coordine co Banco de España as accións
oportunas que garantan a devolución do
capital inicial a todas as persoas que
subscribiron participacións preferentes, logo de manifestar un perfil de
investidor de baixa tolerancia ao risco.
Terceiro.- Que o Pleno do concello de Santiago inste
ao Goberno do Estado a desenvolver todas aquelas medidas necesarias para que as entidades financeiras deixen de
incumprir as Normas de Conduta previstas no Título VII da Lei 47/2007, de 19 de decembro, pola que se modifica a Lei
24/1988, de 28 de xullo, do Mercado de Valores.
Cuarto.- Que o Pleno do concello de Santiago inste
ao Goberno do Estado a sancionar ás entidades financeiras que vulnerasen a lei
ignorando os requisitos legais para comercializar produtos financeiros de alto risco, caso das
participacións preferentes.
Quinto.- Que o Pleno do concello de Santiago inste
ao Goberno do Estado a que no vindeiro
período de sesións presente un proxecto de lei de transparencia e calidade na comercialización dos produtos financeiros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario