jueves, 31 de mayo de 2012

Valoración segunda mesa informativa

Unha vez máis Esquerda Unida Compostela estivo nas rúas de Santiago, tanto para repartir o noso boletín informativo como para escoitar as demandas das persoas que se achegaban até a nosa mesa.

Resultou evidente, pois se falou en máis dunha ocasión, que a cidadanía non entente o proxecto de ordenanza, que hoxe se levará ó Pleno, e que, entre outras cuestións, quere tranformar o dereito a información nunha fonte de ingresos.

En todos os casos no que as persoas que así o quixeron e se acercaron para falar deste tema, acreditaron que o posicionamento feito público polo Consello Comarcal de EU Compostela é o sentir maioritario da cidadanía, é inadmisible cobrar por mesas informativas.

Por último tamén cómpre destacar que, ademais do interese de moitas persoas por recibir no seu correo electrónico os actos, comunicados, mocións... que leve a cabo esta organización, a nefasta xestión que tanto o PSOE como o PP están a levar a cabo sobre o sistema bancario, sendo Bankia o tema central, provocou que moita xente fixera pública a súa indignación.

Convocatoria asemblea aberta 07-06-2012

Prezado veciño / Prezada veciña 

Coas presentes palabras desexo, en nome da organización da que son coordinador na comarca de Compostela, animarte a que participes con nós no debate de ideas e de reformulacións programáticas que terá lugar o xoves 7 de xuño de 2012. 

Convídote co desexo de que contribúas co teu grán de area a crear as bases esenciais para parar o estado actual de quebra no que nos teñen sumidos as forzas reaccionarias do capitalismo salvaxe. 

Non podemos deixarnos vencer polo pesimismo, xa que iso significaría entregar un cheque en branco para que o noso futuro sexa un terreo ermo de servizos públicos, ermo de igualdade de oportunidades. Eles só queren un futuro feito a medida do que tem diñeiro. Non permitamos que o fagan.

Nós non queremos iso. Queremos que a solidariedade se impoña á cobiza; que a xenerosidade se impoña ao egoísmo e que a ética e a transparencia triunfen sobre a corrupción e o escurantismo. Como poderás comprobar nas distintas propostas que compoñen o noso documento, Un proceso transformador da sociedade. Ideas para unha revolución cidadá, queremos establecer pasos, pequenos pero firmes, con vistas a avanzarmos na configuración dunha Xunta máis social, preocupada pola maioría social e firme defensora do ben público.

Agardámoste o xoves 7 de maio,  a partir das 20h30 en Fontiñas (r/ Dublín 8 baixo) na Asemblea Comarcal Aberta. En caso de non poder vir, por calquera circunstancia, pero desexas achegar as túas ideas, podes facelo ben participando como delegado ou delegada na Convención Provincial que terá lugar o 16 de xuño en Coruña, ben enviando as túas suxestións ao enderezo electrónico da nosa organización (eu-santiago@esquerdaunida.org).

Atentamente, recibe unha cordial aperta
Xabier Ron
Coordinador Comarcal de Esquerda Unida Compostela

ORDE DO DÍA ASEMBLEA COMARCAL ABERTA
7-XUÑO-2012
rúa Dublín 8 baixo, ----- 20h30
  1. Debate do documento político (pídeo a través do correo electrónico)
  2. Elección de delegados/as para asistir á Convención Provincial da Coruña (16 de xuño de 2012)
  3. Proposta de candidatos/as para as Eleccións á Xunta de Galicia
  4. Varios

viernes, 25 de mayo de 2012

Moción aviso audiovisual de paradas

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos a instalación no transporte público de un mecanimos audiovisual de aviso de paradas.

Aquí tedes o texto da moción:


Esquerda Unida Compostela, tal e como reflicte nos seus programas electorais, fai unha defensa do transporte público, sustentable económica e medioambientalmente, tanto para a cidade de Santiago como para a súa comarca.

Por iso o Consello Comarca de Esquerda Unida Compostela en moitas das súas iniciativas ou comunicados expón as distintas maneiras de acadar un transporte público, eficaz e eficiente, a un custe razonable,  que consiga abortar o uso do vehículo privado, acadando o aforro tanto no peto dos usuarios como nas emisións nocivas para o medioambiente e a saúde.

Mais nesta ocasión consideramos que a medida que expoñemos, ademais de necesaria, debería ser apoiada por todos o grupos políticos con representación no Pleno e levada a cabo o antes posible, pois pedimos que en todos os autobuses do transporte público se habilite, como xa existe na Coruña e noutras cidades, un sistema audiovisual indicando as pertinentes paradas que se van a realizar.

A doada explicación de porque sería necesaria esta instalación se pode obter con dous exemplos claros, máis que factibles na nosa cidade, habendo por suposto máis motivos que xustifican esta instalación.

O motivo dun aviso sonoro de parada, indicando o nome da mesma, axudaría á utilización do transporte público por parte de persoas invidentes que acharían neste sistema un apoio destacable para a súa independencia para moverse pola cidade. Outro motivo que xustificaría esta instalacións no apartado visual sería porque axudaría ós turistas, un dos motores económicos da cidade segundo expresan en todos os Plenos o PP, PSdeG e o BNG, a desprazarse dende o lugar onde pernoctan até os distintos puntos da cidade, pois contaría cun aviso no que, ademáis de poñer o nome da parada, se indicase o número da mesma facilitando unha mellor comprensión e mobilidade.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Habilitar un sistema audiovisual de aviso de paradas nos autobuses da rede urbana

jueves, 24 de mayo de 2012

Valoración mesa informativa

Tal e como se anunciara Esquerda Unida Compostela estivo, unha vez máis, nas rúas da cidade, nesta ocasión cuha mesa informativa na que todas as persoas que así o quixeron se acercaron para recoller o noso Boletín "Voces", ademais doutros materias, tamén para indicar un correo electrónico no que recibir a información do que o Consello Comarcal de EU Compostela, e por suposto para aclarar dúbidas ou facer demandas para mellorar a convivencia en Santiago. 

Dado o éxito obtido, e mentres sexa gratis facer uso das rúas para expresarse libremente, Esquerda Unida Compostela repetirá esta iniciativa, se o tempo acompaña, o vindeiro mércores, día 30 de maio, a partir das 17:30, outra vez en Porta Faxeira.

Mais se non vos é posible acercarvos a esta mesa, e tal como se lle indicou a todos aqueles que se acercaron a falar con nós, estamos a vosa disposición en eu-santiago@esquerdaunida.org para calquera suxerencia, ou por se queredes indicar un correo electrónico o que enviarvos as nosas actividades, comunicados, mocións...

miércoles, 23 de mayo de 2012

VII Asemblea Galega de Inmigración e Emigración de Retorno

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animámosvos a participar na asemblea que o Foro Galego de Inmigración, do que EU forma parte, levará a cabo en Coruña.


Aquí tedes a convocatoria realizada dende o FGI:


FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN

Convocatoria Final da    VII ASEMBLEA GALEGA DE INMIGRACIÓN E EMIGRACIÓN DE RETORNO

Día: Domingo 27 de Maio de 2012

LUGAR:   A CORUÑA.  ESCOLA  MUNICIPAL DE  MÚSICA (Rúa A Torre nº 67- A Coruña, na zona do Campo de Marte) Entre ás 10-19:00 h

LEMA: É RACISMO, NON É AUSTERIDADE

Aberta a participación de calquera persoa ou entidade interesada.

Programa
10:00 H: Acollida/Acogida (Salón de Actos da Escola Municipal de Música)

10:30 H: Dinámica de Benvida/ Dinámica de Bienvenida  (Salón de Actos da Escola Municipal de Música)

11:00 H: Mesas de Diálogo por temas/Mesas de Diálogo por temas  (Reparto de alimentos-Restriccións no acceso ao sistema sanitarios-situación das empregadas de fogar- persecución policial ao colectivo inmigrante/ Reparto de Alimentos-Restriciones al acceso al sistema sanitario- situación de las empleadas de hogar- persecución policial al colectivo inmigrante- Aulas da Escola Municipal de Música). Cada  persoa participante escollera de forma libre o grupo no que quere participar.

12:30H: Descanso e Preparación do Acto Público.

12:45H: Manifestación (dende o Campo de Marte  ata o Obelisco). Lectura do Manifesto ás 13:30H./ Manifestación (desde el Parque de  La Torre hasta el Obelisco. Lectura do Manifesto a las 13:30 H.

14:30H: Xantar/Comida  (Campo de Marte) Hai que traer a comida para compartila- Hay que traer la comida para compartirla)

16:00H: Dinámica de Dixestión/Digestión (no Campo de Marte

16.30H: Mesas de Diálogo Mixtas/Mesas de Diálogo Mixtas (Aulas da Escola Municipal de Música)

18:00H: Presentación de Accións Conxuntas-Espazo de Participación Asemblearia/ Presentación de Acciones Conjuntas-Espacio de Participación Asamblearia. (Salón de Actos da Escola Municipal de Música)

19:00H: Remate da Asemblea/ Final de la Asamblea

Haberá Servizo de Gardería durante a celebración da Asemblea, se é preciso  e recordade que, hai que levar a comida para compartila.

Para calquera dúbida ou aclaración Contactar con: Miguel(981-576142-662307019) ou Rocio( 981-580506-600-876480)
Tamén: Email:foroinmigracionsantiago@yahoo.es

O prazo para comunicar a participación na Asemblea  remata o venres día 25 de Maio.

Haberá un autobús gratuíto con saída dende a Rúa San Roque (enfrente do Centro Traballo e Cultura ) en Santiago o domingo día 27 ás 8:15 H.  e Volta ás 19:00 H dende A Coruña. Previa inscrición por mail, telefóno ou avisando no propio Centro de Traballo e Cultura (Rúa San Roque nº 6 Bis).

martes, 22 de mayo de 2012

Comunicado polas novas taxas anunciadas


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ALÉGRASE DE QUE O PP FAGA EFECTIVA A NOSA MEDIDA, PROPOSTA NUNHA MOCIÓN O 1 DE DECEMBRO DE 2010, DE APLICACIÓN DE TAXAS ÓS CAIXEIROS AUTOMÁTICOS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE
MAIOR INFORMACIÓN SOBRE AS MEDIDAS LEVADAS A CABO.


O Consello Comarcal de EU Compostela recibe con agrado, unha vez máis, que o goberno local faga efectivas a medidas que esta organización propón nas mocións presentadas.

Nesta ocasión, como xa se fixera coa regulación semafórica da rúa Pitelos por parte do PSdG e o BNG, o PP toma nota da nosa moción, presentada o 1 de decembro de 2010, na que pedíamos que se elaborara unha ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalación de caixeiros automáticos nas fachadas dos inmobles con acceso directo dende a vía pública.

Mais, como vén sendo habitual con calquera goberno local, a información é moi reducida polo que non podemos valorar correctamente se a medida tomada polo goberno do señor Currás é tan ambiciosa como a nosa proposta ou unha mera actuación cosmética.

Tamén queremos recalcar que dado a falta de información, para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela non se identifica correctamente que entende o PP por cobrar unha taxa a mesas informativas situadas na beirarrúas.

A falta de máis información adiantamos que a nosa organización considera inadmisible que se cobre unha taxa por mesas informativas a ONGs, sindicatos, partidos políticos e outras organizacións sen ánimo de lucro que utilicen a vía pública para dar a coñecer as súas actividades.

Por todo isto, unha vez máis, reclamamos que o anuncio de medidas se explique de forma pormenorizada e que os pertinentes borradores de ordenanzas sexan aloxados na páxina web do Concello para que a cidadanía que o desexe poda ter a información precisa.

Mesa informativa

Afiliados, afiliadas e simpatizantes de Esquerda Unida Compostela instalarán unha mesa informativa o mércores, 23 de maio, a partir das 17:30, na Porta Faxeira, para repartir á cidadanía o noso boletín "Voces" e atender ás dúbidas que se lle expoñan.

martes, 15 de mayo de 2012

Mobilización polo Día das Letras Galegas

Este xoves 17 de maio, Día das Letras Galegas saímos ás rúas de Compostela porque queremos facer valer ás múltiples razóns que sosteñen a causa da nosa lingua, alén dos ataques, prexuízos, ignorancias e rancores que alimenta o Goberno do PP.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela fai unha chamada á cidadanía a participares na manifestación que sae ás 12:00 h. dende a Alameda  para reivindicar e festexar o primeiro dos nosos bens, o que nos permite falar, debater, amar e loitar: a nosa lingua e cultura. Patrimonio do que o PP pretende desposuírnos.

Esquerda Unida participará na mobilización con faixa propia, polo que convoca a toda a militancia e aos simpatizantes as 11:45 h. a carón das dúas Marías, na Alameda

viernes, 11 de mayo de 2012

Xuntanza coa AV O Camiño das Fontiñas


REPRESENTANTES DO CONSELLO COMARCAL ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REUNÍRONSE COA A.V. O CAMIÑO DAS FONTIÑAS

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA APOIA A ELABORACIÓN PARTICIPATIVA DUN PLAN GLOBAL DE ACCIÓN NO BARRIO PARA CORREXIR AS DEFICIENCIAS EXISTENTES

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, José María Tubío, Xenxo Redondo e Vicente Vázquez, mantiveron unha xuntanza con membros da directiva da AV O Camiño das Fontiñas.

Como medida urxente e efectiva os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifestaron, unha vez máis, que a solución, tanto para o barrio que representan na AV O Camiño das Fontiñas, como para calquera outro dos barrios da cidade, ten que acometerse dunha maneira global e coordinada non a través de meros parches.

Por iso apoiamos a necesaria elaboración dun plan global de acción sobre este barrio, que ademais de ser debidamente explicado ós veciños e veciñas, conte coa súa participación tanto no pertinente debate como na aplicación de medidas correctoras das deficiencias existentes.

Unha das principais queixas expresadas polos representantes da AV, foi a situación na que se atopan as beirarrúas no barrio, dende claras barreiras arquitectónicas que dificultan a mobilidade das persoas, até o deterioro do piso ou o estreitas que son en varios tramos.

Tamén se criticou que en moitas ocasións as beirarrúas sexan utilizadas como aparcadoiros improvisados ou a maleza que existe en algunhas partes, remarcando que aínda existen zonas do barrio que nin contan cunha necesaria beirarrúa como, por exemplo, a rúa Coto ou a Altiboia.

Outra cuestión tratada na xuntanza foron as posibles solucións que se poden aplicar para mellorar a circulación no barrio, remarcando como exemplo, para evitar os riscos existentes, que se mude o sentido da circulación nas rúas Cotaredo e Jaca.

Resaltar tamén que na mencionada rúa Jaca se manifestou que tras unhas obras recentes, cometeuse o erro de unir as tubarias pluviais coas fecais, polo que en algunha ocasión ocorreron problemas cos malos olores.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos remarcar a inquedanza veciñal polo deterioro de varias farolas, polo que reclamamos, ademais das melloras pertinentes na iluminación, un estudio para avaliar o estado farolas do barrio e a substitución das que se consideren un risco.

Por último recalcar o noso apoio e compromiso coas reivindicacións veciñais dentro das nosas posibilidades.

miércoles, 9 de mayo de 2012

Moción plans de convivencia cidadá

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión, tralo debate e participación cidadá pertinente, pedimos a creación de plans para solucionar os problemas de convivencia que poidan existir na cidade.


 Aquí tedes o texto de moción:

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que o Concello, a través do debate e con plans de actuación e non con demagoxia e autoritarismo, debe velar por garantir a convivencia cidadá.

No escaso tempo de goberno local o PP mostrou claramente a súa faciana demagóxica, e a participación cidadá redúcese á mínima expresión.

No tocante a convivencia na cidade, un dos temas recorrentes do PP local é o botellón, aplicando unicamente solucións punitivas ou recorrendo ó circo mediático, hai que recordar como o ex-alcalde Conde Roa foi “dialogar” polo noite cos mozos e mozas que realizaban esta actividade, por suposto o debate é necesario, pero nos lugares e horas adecuados.

Mais non só o PP recorre á demagoxia e populismo para “facer política” cos problemas de convivencia que poida haber na cidade, cómpre salientar como recentemente o PSdeG se acordou das persoas sen fogar, indixentes segundo as palabras do representante do PSdeG, que segundo manifestan enturbian o benestar da cidade con liortas, queimas de sacos de durmir, suciedade e outras cuestións. Desde EU Compostela queremos lembrar que o debate non é se as persoas sen fogar “molestan”, senón que debe facer o Concello para axudar a estas persoas.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentara o pasado mes de febreiro unha moción esixindo a Democracia Participativa, necesaria para articular a través, por exemplo, das asembleas de barrios o debate entre os veciños e veciñas para acadar solucións os problemas existentes na cidade.

A Democracia Participativa é o mellor camiño para tratar os problemas que poidan existir en materia de convivencia cidadá en Compostela. A ese respecto, a veciñanza compostelá debe poder intervir, participar, debatir e aprobar plans de prevención, cun protocolo de actuación onde se establezan medidas preventivas.

Propoñendo a execución de plans e actuacións de prevención para a convivencia cidadá que establezan medidas para atallar comportamentos verdadeiramente incívicos e irresponsables, e que a súa vez, tralo debate veciñal, se regulen actividades non incívicas creando programas que contribúan a mellorar a calidade da convivencia, sendo o modelo punitivo o último recurso ó que asirse para velar pola necesaria convivencia entre veciños e veciñas.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Elaboración de Diagnósticos Sociais por Barrios. Os organismos pertinentes da Democracia Participativa analizarán as principais cuestións que se plantexarán en materia de convivencia e civismo, así como propostas de acción para a mellora da convivencia na cidade.

Segundo.- O Concello habilitará un protocolo que permita realizar un seguimento da aplicación das normas de convivencia, creándose un observatorio permanente para a convivencia, que dará conta a través dos mecanismos de participación cidadá.

Terceiro.- Deseñar un plan de mellora e ampliación dos espazos públicos da cidade porque moitos conflitos se orixinan pola escaseza de espazos, como polo deseño dos mesmos, permitindo a convivencia e a armonía de distintas actividades que non son incívicas.

Cuarto.- A elaboración dun mapa de puntos negros da cidade para coñecer  aquelas zonas que necesitan unha maior atención en canto ó seu mantemento, iluminación, limpeza e outros aspectos, para evitar a súa degradación e o malestar veciñal.

Quinto.- O Concello aprobará e dotará economicamente a execución dun plan de choque de limpeza para dar resposta ás necesidades que no quedan bastante cubertas, especialmente dirixido ós barrios.

Sexto- O Concello, no tocante á convivencia nos espazos públicos, realizará un plan de inclusión social que prevea o progresivo despregue dun conxunto de políticas sociais para dar resposta ás necesidades dos colectivos desfavorecidos, separando os problemas orixinados polos comportamentos incívicos do que é unha expresión no espazo público de situacións de exclusión social.

Séptimo- A execución dunha campaña de sensibilización en relación a todas as situacións descritas e de divulgación permanente das normas de convivencia, para o cal sería necesario solicitar a colaboración de entidades e asociacións relacionadas coa materia regulada.

jueves, 3 de mayo de 2012

Valoración Pleno abril


VALORACIÓN DO PLENO DO 26 DE ABRIL DE 2012

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xenxo Redondo e Vicente Vázquez, proseguindo o traballo municipal desta organización acudiron ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

En primeiro lugar antes de posicionarnos sobre os temas tratados neste Pleno, queremos manifestar que é urxente que o PP local presente os orzamentos para este 2012. Recoñecendo a razón ó PP cando expresa as súas queixas polo tardanza do bipartito PSdeG e BNG en facer as contas municipais, isto non pode ser excusa para que, no momento de crise que padecemos, e trala aprobación do Plan de axuste do PP, seguir postergando a presentación do que sen lugar a dúbidas, cumprindo as políticas neoliberais do PP, será un orzamento regresivo no social. Urxe que o equipo do señor Currás cumpra o seu cometido e deixe de laiarse por herdanzas recibidas.

O Pleno comezou, como en todas as ocasións, coa protocolaria aprobación das actas anteriores, proseguindo de inmediato co cuarto punto da orde do día relativo á aprobación da ordenanza sobre publicidade e rotulación.

Esta ordenanza, como a maioría das votacións, foi aprobada polo voto de calidade do alcalde, dado que de momento á espera da sustituta do alcalde, se produce en moitas ocasión un empate de 12 a 12 nas pertinentes votacións.

O posicionamento do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela é contrario a esta ordenanza por varios motivos. En primeiro lugar, como xa remarcaramos, opoñémonos a calquera cartel luminoso publicitario dado o custe enerxético e medioambiental que ten, de ser necesario estes luminosos so apoiaríamos a súa instalación en centros públicos como, por exemplo, hospitais para facilitar que as persoas poidan ubicalos con facilidade.

Tamén nos opoñemos á liberalización da publicidade que supón esta ordenanza, pois, con razón, deixa ó marxe a cidade vella, pero permite que o resto da cidade se poida convertir en soporte publicitario, o Consello Comarcal de EU Compostela so aproba a publicidade-rotulación, con límites claros en tamaño, para os carteis propios dos negocios nas súa fachadas ou nos postes publicitarios xa existentes na cidade, que non son necesarios aumentar en número nin en tamaño.

O quinto punto da orde do día foi a aprobación grazas o voto de calidade do alcalde da ordenanza de terrazas e quioscos de hostalería.

Neste punto concordamos co BNG e PSdeG no voto en contra a esta ordenanza, pois tal é como se recalcou polo grupos da oposición é moi favorable aos intereses particulares dos hostaleiros de Santiago. Por suposto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela entende que o sector hostaleiro é moi importante para a cidade, e que a cidadanía, sobre todo no verán, gústalle disfrutar das terrazas, mais queremos criticar que nesta ordenanza, polo menos para nós, non se regula debidamente o espazo máximo destas terrazas, e sobre todo, coa nosa total discrepancia, permite que unha vez rematado o horario de apertura destes establecementos quede ocupando o espazo público a instalación permanente da terraza.

O punto sexto e sétimo da orde do día aprobados por unanimidade e sen apenas debate foron a ampliación de usos para parcelas no SUNP-22 e a modificación puntual da ordenanza 3 do Plan parcial de Fontiñas.

No tocante o punto oitavo, sobre unha proposición do PSdeG sobre a composición local de comercio, dende o Consello Comarcal de EU Compostela vémonos na obriga de censurar a actitude e verbas da concelleira, e agora primeira tenente de alcalde, Reyes Leis, que, para nós, faltoulle ó respeto a concelleira do PSdeG que tomou a palabra para defender esta proposta, María Luisa del Río. En todas as intervencións que tivo no Pleno a concelleira Reyes Leis mantivo unha lamentable actitude belicosa.

É incrible a actitude totalitaria do PP local aproveitando a maioría absoluta que unha lei electoral inxusta lle permitiu, pois, resumindo, nesta mesa local de comercio, hai 11 representantes da adiministración local, 10 próximos ó PP e 1 do BNG, sendo certo que non é obrigatorio que estén representados todos os grupos políticos do Concello, defendemos que, como no caso do PSdeG, se claramente un partido con representación democrática no Pleno manifesta que desexa estar, consideramos que, por hixiene democrática, debe estar.

Mais parece que esta lóxica non e coherente co ideario do PP, e moito menos co de Reyes Leis, pois esgrimindo discutibles argumentos sobre a ‘deslealdade’ do PSdeG e duras palabras para a concelleira Marisa del Río, o PP non aceptou a proposición do PSdeG de ter un representante nesta mesa.

Tanto o punto 9, 10 , 12 e 13 da orde do día deste Pleno teñen o nexo común do problema do desemprego na cidade, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, aceptando que dende o Concello se poden facer actuacións para favorecer a creación de emprego, queremos manifestar que é mais que evidente que debe ser a Xunta ou o Goberno do Estado o que leven a cabo medidas de estímulo e, sobre todo, que busquen un cambio de modelo produtivo, sendo necesaria, entre outra medidas, a urxente creación Banca Pública.

No relativo o punto 11 da orde do día, alegrámonos que o BNG tome propostas nosas e as leve o Pleno, nesta ocasión o fixo ó inspirarse sobre a nosa moción para a supresión da exención do pago do IBI á Igrexa Católica, e tamén, cara ó final do Pleno ó levar unha moción sobre as participacións preferentes.

No tocante ao debate desta proposición do BNG, non nos sorprende o voto contrario do PP e a defensa feita da Igrexa Católica, como tampouco nos sorprende a abstención do PSdeG que intentou facer unha emenda o texto do BNG, que obviamente o Bloque non aceptou pois suavizaba en sumo grao a súa proposta.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela o posicionamento é moi claro: ningún privilexio para a Igrexa Católica e por suposto rematar co Concordato.
O Pleno rematou con 4 rogos do BNG sobre seguridade viaria na Avda de Lugo, na Sionlla , o Eixo e en Fotiñas e con tres mocións súas sobre as participacións preferentes, sobre a seca e sobre as axudas do fogar, só a da seca se tomou en consideración.

miércoles, 2 de mayo de 2012

Valoración 1º de Maio


Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela "vémonos na obriga", unha vez máis, de manifestar o éxito que están a ter as distintas mobilizacións contra o recortes e reformas que o goberno conservador do PP está a levar a cabo en todas as Administración Públicas, estatal, autonómica e local.

Por iso o 1º de Maio non foi unha excepción, milleiros de persoas encheron as rúas de Santiago, condenando as actuación neoliberais, xa comezadas co PSOE, e que o PP está a incrementar e acelerar grazas a súa maioría parlamentaria obtida grazas a unha lei electoral, por suposto legal, pero claramente inxusta.

Mobilizacións que a cidadanía consegue converter en éxitos pese os grandes esforzos do equipo de goberno de Rajoy, por desmobilizar con anuncions pesimistas que, según eles, abocan a máis e máis medidas privatizadoras e de recortes, como única saída. Ainda non está aprobado o presuposto estatal deste ano  e xa anuncian que o do 2013 será todavía máis restrictivo.

Por todo isto dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela seguimos animando os veciños e veciñas a manter a loita para evitar estas políticas neoliberais, que transforman a cidadanía en mercadoría en mans dos mercados, reiterando unha vez  o compromiso desta organización cos traballodores e traballadoras.