O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA
CRITICA A DESPÓTICA ACTITUDE DO PP LOCAL E AS SÚAS MEDIDAS ANTIDEMOCRÁTICAS
O CONSELLO COMARCAL DE EU ESIXE DESCULPAS PÚBLICAS
DO ALCALDE POR PROHIBIR A ENTRADA ÁS PERSOAS NO PLENO DO CONCELLO
Un representante do Consello Comarcal de EU Compostela, como vén sendo
habitual, acudiu ó Pleno público do Concello, mais nesta ocasión a policía
local, seguindo segundo ela ordes do alcalde, impedía a entrada a todas as
persoas que desexaban asistir á sesión plenaria.
É inadmisible a deplorable actitude antidemocrática do goberno do Partido
Popular, pois sabedor de que persoas estafadas polas preferentes desexaban
acudir ó Pleno, optou, como claramente espuxeron os policías apostados na porta
de entrada, por prohibir a entrada de calquera persoa á sesión plenaria
ordinaria que ía ter lugar, como sempre, o último xoves de cada mes.
Tanto medo ten o PP á liberdade democrática que, ademais do concelleiro do
Bloque Rafa Vilar, até os medios de comunicación tiveron serios atrancos para
poder entrar no Concello.
A parte de totalitaria e desprezable, a decisión do alcalde Currás é ilegal
posto que, como claramente se especifica no regulamento, as sesións do Pleno
son públicas até completar aforo, como se veu na obriga de recordarlle o
secretario en plena sesión, polo que, para evitar problemas, o PP local viuse
na obriga de facer o ridículo aínda máis permitindo a entrada de só cinco
persoas afectadas polas preferentes, cando, segundo persoas asistentes a este
Pleno había polo menos sete sitios baleiros que poderían ter sido ocupados pola
cidadanía que desexaba estar presente.
Por todo isto dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela
manifestamos a nosa total repulsa no tocante ao trato ditatorial demostrado polo
alcalde de Compostela, moi acorde co seu talante ultraliberal, pois nin por
decencia, despois de ter denigrado ás persoas que non puideron entrar ó Pleno,
decidiu debater unha moción presentada polo Bloque sobre a estafa das
preferentes.
Por último o Consello Comarcal de EU mantén firme o seu compromiso coas
persoas que depositaron a súa confianza nesta organización e proseguirá co seu
traballo municipal, con mocións, xuntanzas e outras medidas. Agardamos poder
contalo directamente o vindeiro 31 de xaneiro desde o salón de plenos do
Concello, sempre, claro está, que o señor Currás non volva a aplicar receitas
propias da longa noite de pedra franquista que silenciaba calquera voz
disonante ou discordante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario