jueves, 31 de octubre de 2013

Instalación marquesiña na Avda. de Lugo



O CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONSIDERA NECESARIO A INSTALACIÓN DUNHA MARQUESIÑA NA AVDA. DE LUGO A CARÓN DA RESIDENCIA TENIENTE GENERAL BARROSO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU REITERA A SÚA PETICIÓN DE ELABORACIÓN DUN ESTUDO SOBRE AS MARQUESIÑAS DA CIDADE PARA CORREXIR AS POSIBLES EIVAS QUE POIDAN TER.


O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela denunciara en febreiro as eivas da marquesiña existente na Avda. De Lugo a carón da residencia General Barroso porque representaba un auténtico perigo para as persoas que agardaban o bus ao invadir a instalación da mesma a avenida de Lugo nun treito masificado en tráfico.

Por suposto, alegrámonos da decisión de retirala e trasladala uns metros máis abaixo, preto do centro de saúde Concepción Arenal, mais, o que non pode ser é que se retire sen contemplar unha solución alternativa. De feito, durante as duras choivas e ventos da semana pasada as persoas só coñeceron a molladura por non teren protección cunha nova marquesiña.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela consideramos necesario, e urxente, que o Concello atope unha solución para poder instalar unha marquesiña que cumpra as mínimas condicións de seguridade e protección para as usuarias e usuarios do transporte público.

Creemos que o equipo de goberno local ten que facer a súa labor e, por exemplo, dialogando coa residencia universitaria General Barroso, ver a posibilidade de utilizar o muro desta residencia como soporte da necesaria marquesiña.

Ademais, queremos facer constar a posibilidade doutra proposta que xa realizamos no seu momento para que se estudase a posibilidade de anchear a beirarrúa uns metros máis arriba de onde estaba colocada esta marquesiña, aproveitando un anaco de estrada que está debidamente sinalizado como lugar prohibido de tránsito para vehículo. Sería factible colocar de forma axeitada neste novo tramo de beirarrúa unha nova marquesiña de fácil acceso para todas as persoas, sen invadir a estrada.

Por último pedimos ao Concello que leve a cabo un estudo pormenorizado das marquesiñas existente na cidade para avaliar posibles trocos necesarios para a súa mellora, ou lugares onde a pesares de existir parada de autobús aínda non existe marquesiña.

miércoles, 23 de octubre de 2013

Moción apoio folga educativa



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reitera o seu rexeitamento á LOMCE e apoia as mobilizacións que se fagan a favor da súa derrogación

A folga educativa convocada para o vindeiro 24 de outubro proclamada como un día de mobilización e reivindicación pola educación pública e de calidade, é unha ferramenta necesaria no actual contexto de ataques neoliberais contra os servizos públicos no que nos atopamos, onde ten unha especial relevancia a LOMCE, nova lei que suporá un brutal retroceso para a educación pública tal e como a coñecemos.

Coas últimas políticas realizadas tanto polos gobernos de PP e PSOE en materia educativa, estamos sufrindo un forte deterioro a todos os niveis, cada vez con menos profesorado e en peores condicións laborais, onde o material escolar se converteu nun luxo, as becas de transporte se están a recortar ata a súa desaparición e as familias endebédanse para poder costearse os estudos dos seus fillos/as.

Estas medidas ademais promoven a desigualdade económica e a privatización dos centros educativos que non alcancen a solvencia necesaria, para que, así, as empresas privadas e bancos causantes do declive económico do país entren a explotar o sistema educativo como novo nicho de mercado.

Este proceso tamén se dá nas universidades públicas, onde nos dous últimos anos o prezo final de matrícula se encareceu un 66% de media. Chegouse a un punto no que o primeiro curso da carreira máis barata custa 1.620€, e repetindo asignatura, necesítase pagar ata cinco veces máis.
Doutra banda os e as estudantes de FP víronse afectados polo aumento das taxas, unha FP de grao superior custa 480€, e unha de grao medio entre 120€ e 220€ de media.

Ademais atopamos as novas taxas da PAU que supoñen unha barreira económica máis para acceder á educación superior.

Con este modelo educativo podemos chegar á situación de EEUU, onde o endebedamento por matrículas universitarias é o segundo despois das hipotecarias e supera xa o billón de dólares, o cal establece un novo boom empresarial e económico a costa dos nosos dereitos e da calidade da educación.

Cada vez parece máis evidente que a crise é a escusa para privatizar e desmantelar o sistema educativo, pois é unha vontade política o feito de rescatar a bancos mentres se recorta en servizos públicos, en algo tan imprescindible como o dereito á educación. Por iso esta folga tamén o é contra as políticas antisociais que reforzan a diferenciación de clases roubando ao pobo a súa maior fonte de coñecemento, a educación

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Trasladar ao Goberno da Nación a petición de derrogación da Lei Orgánica para o Melloramento da Calidade Educativa (LOMCE), a modificación do último decreto de Becas e todas e cada unha das iniciativas levadas a cabo sen un consenso maioritario da comunidade educativa

Segundo. Que se apoie publicamente a xornada de Folga Educativa convocada por todos os sectores da comunidade educativa para o próximo 24 de Outubro

Terceiro. Dar conta deste acordo a todos Consellos Escolares do municipio e a todas as Asociacións de Estudantes, Nais e Pais, e Sindicatos con presenza na localidade.

viernes, 18 de octubre de 2013

Moción polo día internacional da acción pola despatoloxización das identidades trans



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela celebra o Día Internacional da Acción pola Despatoloxización das Identidades Trans, que este ano celébrase o 19 de Outubro, unha xornada de loita e reivindicación que a Área de Liberdade de Expresión AfectivoSexual de Esquerda Unida sempre defendeu e no que Esquerda Unida  sempre se sumou ás esixencias do colectivo trans.

Pese aos avances na loita, vemos intentos de facer retroceder as conquistas trans, como podemos ver polas accións do Ministerio de Sanidade, que puxo o foco dos seus recortes en prestacións sanitarias como a cirurxía de resignación de sexo, decisión que xa foi rexeitada pola comunidade transexual.

As asociacións de persoas transexuais levan anos denunciando a deficiente atención que prestan as UTIX (Unidades de Trastorno de Identidade de Xénero) nos hospitais públicos. As súas denuncias céntranse nas demoras excesivas das citacións; no desenvolvemento de avaliacións psicolóxicas que violan os protocolos estándares, así como na utilización de test sexistas, desfasados e orientados á heterosexualidade obrigatoria. Ademais, explican que o excesivo centralismo do sistema especializado empeora a calidade deste servizo público facéndoo case inaccesíbel para a grande cantidade de demandantes.

Esta situación provoca que moitas persoas acaben abandonando o proceso na sanidade pública, recorrendo á atención privada ou á autohormonación, cos graves riscos que iso supón para a saúde. Así, nos últimos anos os colectivos de transexuais veñen reclamando a descentralización da atención sanitaria especializada a persoas transexuais ao longo de todo o territorio do Estado Español, no que defenden como un uso eficiente dos recursos sanitarios e económicos, á vez que como unha maneira eficaz de axudar a ampliar a rede de servizos sociais ofrecidos polas institucións ás cidadás e cidadáns.

Por todo isto, e como vén sendo habitual, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela consideramos necesario o apoio de todas as institucións públicas ao colectivo de persoas transexuais, e por isto propoñemos os seguintes

ACORDOS

Primeiro. Instar ao Concello a adquirir un compromiso institucional firme de cara á inserción laboral das persoas transexuais, que constantemente sofren situacións de discriminación laboral, sendo relegadas en numerosas ocasións ao exercicio da prostitución. Para esta fin sería útil deseñar e implementar un plan municipal de inserción laboral de persoas transexuais.

Segundo. Instar ao Concello á posta en marcha de campañas de concienciación cidadá orientadas á visibilización e recoñecemento social da transexualidade e á loita contra a transfobia

Terceiro. Instar ao Concello a presionar e negociar cos gobernos central e autonómico para garantir a prestación sanitaria de todo o proceso integral de atención sociosanitaria a persoas transexuais, incluída a cirurxía de reconstrución xenital, tal e como veñen demandando todos os  colectivos de transexuais, así como a descentralización das unidades sanitarias especializadas, favorecendo a oferta de especialistas en todas as Comunidades Autónomas.

Cuarto. Instar ao Concello a presionar e negociar cos gobernos central e autonómico para a aprobación e desenrolo dunha “Lei Integral da Transexualidade” que responda ás necesidades reais das persoas transexuais nos ámbitos educativos, sanitarios, laborais, etc.

Quinto. Instar ao Concello a presionar e negociar cos gobernos central e autonómico para a aprobación dunha lexislación específica contra a discriminación a persoas transexuais, que polo xeral se atopa desamparadas en base á lexislación vixente, que recolla as demandas e reivindicacións dos seus colectivos e asociacións.

Sexto. Instar ao Concello a solicitar ao goberno central a reforma da Lei 3/2007, do 15 de marzo, reguladora da rectificación rexistral da mención relativa ao sexo das persoas, en consideración das demandas do colectivo transexual, polas que se solicita a eliminación do "diagnóstico de disforia de xénero" como requisito imprescindíbel para realizar o cambio rexistral do nome

miércoles, 16 de octubre de 2013

Creación Servizo Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar



O grupo de traballo de políticas sociais de Esquerda Unida Compostela esixe do goberno local, ao ser unha das súas funcións fundamentais, que  garanta que se ofrezan servizos, de titularidade e xestión pública, que satisfagan as necesidades da cidadanía.

Consideramos necesario que o Concello cumpra coa súa obriga e leve a cabo iniciativas de apoio para persoas sen fogar que na actualidade se ven obrigadas a pasar a noite no espazo público, en construcións que non cumpren criterios de habitabilidade ou que non están destinadas á vivenda, ou a aloxarse en vivendas de persoas achegadas ou familiares. Así, hai persoas que temporalmente dispoñen dun teito, pero non dunhas relacións sociais, laborais e familiares que, en xeral, se asocian á inclusión social; o concepto de persoa sen fogar, a diferenza doutras denominacións como “sen teito” ou “sen vivenda”, non só implica a carencia dunha vivenda que cumpra cuns criterios mínimos de habitabilidade, senón que tamén alude á ausencia de relación sociais e familiares sólidas e do resto de atributos asociados ó concepto de fogar.

Por iso, dende o grupo de traballo de políticas sociais de EU Compostela, propoñemos a creación dun servizo municipal de atención integral a persoas sen fogar, dirixido a persoas en situación de alta exclusión, sen fogar e con alta vulnerabilidade social. Debe integrar un conxunto de servizos destinados non só a ofrecerlles un aloxamento puntual, senón tamén a favorecer a inserción social das persoas usuarias, ofrecendo unha atención integral e individualizada.

lunes, 14 de octubre de 2013

Imputacións Xunta de Goberno local



AO CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REPÚGNALLE A DECREPITUDE ÉTICA E MORAL Á QUE O PARTIDO POPULAR ESTÁ A LEVAR AO CONCELLO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA MANIFESTA QUE O EQUIPO DE GOBERNO LOCAL DO PP ESTÁ INHABILITADO POLÍTICAMENTE PARA GOBERNAR SANTIAGO, E TEN QUE SER A DEMOCRACIA, CO ADIANTO DE ELECCIÓNS, A QUE CONSIGA A REXENERACIÓN QUE O CONCELLO NECESITA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifesta a súa preocupación pola nefasta xestión do Partido Popular, que leva ao desprestixio e desgoberno o Concello de Santiago

En xuño manifestáramos que era unha barbaridade, nova mostra da decrepitude ética do PP, que aprobaran que as concelleiras e concelleiros, imputados por presuntos delitos de corrupción política, poidan acollerse a que sexan as veciñas e veciños cos seus impostos as que paguen a súa defensa. Hoxe ademais dunha barbaridade a xustiza acredita que pode ser ilegal, ao imputar a sete concelleiros e concelleiras da Xunta de Goberno que aprobaron esta medida

É nauseabundo o fedor a corrupción, clientelismo e outras miserias que emana da execrable xestión do Partido Popular. É inadmisible que as veciñas e veciños teñan que padecer ao nefasto equipo de goberno de Currás carente de moral. É prexudicial para a mesma democracia que o PP siga a goberna nesta cidade.

Por suposto respectamos a presunción de inocencia dos concelleiros e concelleiras imputados, que a día de hoxe moitos, pero moitos son, pero por hixiene democrática, por respecto á cidadanía, por espírito democrático, esiximos a dimisión de todos os cargos públicos imputados.

O Consello Comarcal de EU Compostela critica as verbas da incompetente María Pardo que, carente da mínima decencia, xustifica estas novas imputacións dicindo que se deben a unha persecución política. É imposible tolerar semellante burla á cidadanía, non hai persecución política o que hai, por desgraza, neste Concello é un goberno do Partido Popular carente de lexitimidade para gobernar.

Por último reiteramos a nosa demanda ao señor Feijoo de que abandone o seu escudo de que “o que pasa en Santiago non é normal”, leve a cabo as medidas necesarias para permitir a gobernabilidade da cidade, algo imposible co Alcalde Currás e as súas concelleiras e concelleiros, polo que ten que procurar un novo equipo de goberno que demostre capacidade para rexer a cidade, senón que cumpra coa súa obriga e consiga o necesario adianto de eleccións municipais.

jueves, 10 de octubre de 2013

Apoio traballadoras escolas infantís de Conxo e Fontiñas



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA APOIA AS TRABALLADORAS DAS ESCOLAS INFANTÍS DE CONXO E FONTIÑAS EN LOITA POLA DEFENSA DOS SEUS DEREITOS LABORAIS E SOCIAIS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA REITERA A SÚA DEFENSA E COMPROMISO POLA REMUNICIPALIZACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS MUNICIPAIS PRIVATIZADOS

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela apoia as mobilizacións que as traballadoras das escolas infantís de Conxo e Fontiñas leven a cabo en defensa dos seus dereitos.

Esiximos que a empresa concesionaria CLECE cambie a súa despótica actitude, e cumpra co deber de escoitar e dialogar cos sindicatos que representan as traballadoras despedidas. Tamén demandamos ao Concello que non fique impasible e interceda en defensa dos dereitos laborais das mulleres despedidas, e  procure acadar un acordo que satisfaga as súas xustas reclamacións.

Como xa ocorrera con URBASER, estamos ante unha nova mostra da perda de dereitos laborais e sociais, que para as traballadoras e traballadores, supón a nefasta privatización de servizos que, sempre, deberon ser de titularidade e xestión pública.

En xaneiro xa fixeramos un comunicado mostrando a nosa oposición ao anuncio feito polo goberno local do PP de perpetuar a xestión privada das garderías de Conxo e Fontiñas, que ata ese momento era levada a cabo por Sermasa. Unha vez máis a realidade mostra que tiñamos a razón, unha empresa privada que só busca o lucro non pode xestionar os servizos públicos que a cidadanía demanda.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende e loita para que sexan as Administracións Públicas as que presten, con calidade e eficiencia, servizos de titularidade e xestión pública para satisfacer as demandas sociais que a cidadanía precisa para o seu benestar.

Defendemos, como sempre, que a xestión pública si que beneficia á maioría social, abafada con recortes, tanto laborais como sociais nesta crise-estafa que padecemos, sendo esta xestión a que garante a redistribución da riqueza nos servizos necesarios para ter unha sociedade xusta e igualitaria promovendo, ademais, condicións laborais xustas, tanto en dereitos como en remuneración para os empregados públicos que levan a cabo o traballo nestes servizos.

Para o Consello Comarcal de EU Compostela coa remunicipalización, e a implantación de mecanismos de control cidadá nos órganos de xestión dos servizos municipais, evitaremos que, coa xustificación da privatización, aparezan condutas antidemocráticas como prevaricación, subornos, tráfico de influencias, “enchufismo”, en definitiva, poderemos poñerlle fin ao clima de corrupción que se está apoderando do concello e que incrementa o grao de desconfianza da cidadanía cara aos seus representantes políticos.