O
CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA APOIA AS TRABALLADORAS DAS
ESCOLAS INFANTÍS DE CONXO E FONTIÑAS EN LOITA POLA DEFENSA DOS SEUS DEREITOS
LABORAIS E SOCIAIS
O
CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA REITERA A SÚA DEFENSA E COMPROMISO POLA
REMUNICIPALIZACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS MUNICIPAIS PRIVATIZADOS
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela
apoia as mobilizacións que as traballadoras das escolas infantís de Conxo e
Fontiñas leven a cabo en defensa dos seus dereitos.
Esiximos que a empresa concesionaria CLECE cambie a
súa despótica actitude, e cumpra co deber de escoitar e dialogar cos sindicatos
que representan as traballadoras despedidas. Tamén demandamos ao Concello que
non fique impasible e interceda en defensa dos dereitos laborais das mulleres
despedidas, e procure acadar un acordo
que satisfaga as súas xustas reclamacións.
Como xa ocorrera con URBASER, estamos ante unha
nova mostra da perda de dereitos laborais e sociais, que para as traballadoras
e traballadores, supón a nefasta privatización de servizos que, sempre, deberon
ser de titularidade e xestión pública.
En xaneiro xa fixeramos un comunicado mostrando a
nosa oposición ao anuncio feito polo goberno local do PP de perpetuar a xestión
privada das garderías de Conxo e Fontiñas, que ata ese momento era levada a
cabo por Sermasa. Unha vez máis a realidade mostra que tiñamos a razón, unha
empresa privada que só busca o lucro non pode xestionar os servizos públicos
que a cidadanía demanda.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende
e loita para que sexan as Administracións Públicas as que presten, con calidade
e eficiencia, servizos de titularidade e xestión pública para satisfacer as
demandas sociais que a cidadanía precisa para o seu benestar.
Defendemos, como sempre, que a xestión pública si
que beneficia á maioría social, abafada con recortes, tanto laborais como
sociais nesta crise-estafa que padecemos, sendo esta xestión a que garante a
redistribución da riqueza nos servizos necesarios para ter unha sociedade xusta
e igualitaria promovendo, ademais, condicións laborais xustas, tanto en
dereitos como en remuneración para os empregados públicos que levan a cabo o
traballo nestes servizos.
Para o Consello Comarcal de EU Compostela coa
remunicipalización, e a implantación de mecanismos de control cidadá nos
órganos de xestión dos servizos municipais, evitaremos que, coa xustificación
da privatización, aparezan condutas antidemocráticas como prevaricación,
subornos, tráfico de influencias, “enchufismo”, en definitiva, poderemos
poñerlle fin ao clima de corrupción que se está apoderando do concello e que
incrementa o grao de desconfianza da cidadanía cara aos seus representantes
políticos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario