viernes, 18 de octubre de 2013

Moción polo día internacional da acción pola despatoloxización das identidades trans



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela celebra o Día Internacional da Acción pola Despatoloxización das Identidades Trans, que este ano celébrase o 19 de Outubro, unha xornada de loita e reivindicación que a Área de Liberdade de Expresión AfectivoSexual de Esquerda Unida sempre defendeu e no que Esquerda Unida  sempre se sumou ás esixencias do colectivo trans.

Pese aos avances na loita, vemos intentos de facer retroceder as conquistas trans, como podemos ver polas accións do Ministerio de Sanidade, que puxo o foco dos seus recortes en prestacións sanitarias como a cirurxía de resignación de sexo, decisión que xa foi rexeitada pola comunidade transexual.

As asociacións de persoas transexuais levan anos denunciando a deficiente atención que prestan as UTIX (Unidades de Trastorno de Identidade de Xénero) nos hospitais públicos. As súas denuncias céntranse nas demoras excesivas das citacións; no desenvolvemento de avaliacións psicolóxicas que violan os protocolos estándares, así como na utilización de test sexistas, desfasados e orientados á heterosexualidade obrigatoria. Ademais, explican que o excesivo centralismo do sistema especializado empeora a calidade deste servizo público facéndoo case inaccesíbel para a grande cantidade de demandantes.

Esta situación provoca que moitas persoas acaben abandonando o proceso na sanidade pública, recorrendo á atención privada ou á autohormonación, cos graves riscos que iso supón para a saúde. Así, nos últimos anos os colectivos de transexuais veñen reclamando a descentralización da atención sanitaria especializada a persoas transexuais ao longo de todo o territorio do Estado Español, no que defenden como un uso eficiente dos recursos sanitarios e económicos, á vez que como unha maneira eficaz de axudar a ampliar a rede de servizos sociais ofrecidos polas institucións ás cidadás e cidadáns.

Por todo isto, e como vén sendo habitual, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela consideramos necesario o apoio de todas as institucións públicas ao colectivo de persoas transexuais, e por isto propoñemos os seguintes

ACORDOS

Primeiro. Instar ao Concello a adquirir un compromiso institucional firme de cara á inserción laboral das persoas transexuais, que constantemente sofren situacións de discriminación laboral, sendo relegadas en numerosas ocasións ao exercicio da prostitución. Para esta fin sería útil deseñar e implementar un plan municipal de inserción laboral de persoas transexuais.

Segundo. Instar ao Concello á posta en marcha de campañas de concienciación cidadá orientadas á visibilización e recoñecemento social da transexualidade e á loita contra a transfobia

Terceiro. Instar ao Concello a presionar e negociar cos gobernos central e autonómico para garantir a prestación sanitaria de todo o proceso integral de atención sociosanitaria a persoas transexuais, incluída a cirurxía de reconstrución xenital, tal e como veñen demandando todos os  colectivos de transexuais, así como a descentralización das unidades sanitarias especializadas, favorecendo a oferta de especialistas en todas as Comunidades Autónomas.

Cuarto. Instar ao Concello a presionar e negociar cos gobernos central e autonómico para a aprobación e desenrolo dunha “Lei Integral da Transexualidade” que responda ás necesidades reais das persoas transexuais nos ámbitos educativos, sanitarios, laborais, etc.

Quinto. Instar ao Concello a presionar e negociar cos gobernos central e autonómico para a aprobación dunha lexislación específica contra a discriminación a persoas transexuais, que polo xeral se atopa desamparadas en base á lexislación vixente, que recolla as demandas e reivindicacións dos seus colectivos e asociacións.

Sexto. Instar ao Concello a solicitar ao goberno central a reforma da Lei 3/2007, do 15 de marzo, reguladora da rectificación rexistral da mención relativa ao sexo das persoas, en consideración das demandas do colectivo transexual, polas que se solicita a eliminación do "diagnóstico de disforia de xénero" como requisito imprescindíbel para realizar o cambio rexistral do nome

No hay comentarios: