O Consello Comarcal
de Esquerda Unida Compostela reitera o seu rexeitamento á LOMCE e apoia as
mobilizacións que se fagan a favor da súa derrogación
A folga educativa
convocada para o vindeiro 24 de outubro proclamada como un día de mobilización
e reivindicación pola educación pública e de calidade, é unha ferramenta
necesaria no actual contexto de ataques neoliberais contra os servizos públicos
no que nos atopamos, onde ten unha especial relevancia a LOMCE, nova lei que
suporá un brutal retroceso para a educación pública tal e como a coñecemos.
Coas últimas
políticas realizadas tanto polos gobernos de PP e PSOE en materia educativa,
estamos sufrindo un forte deterioro a todos os niveis, cada vez con menos
profesorado e en peores condicións laborais, onde o material escolar se
converteu nun luxo, as becas de transporte se están a recortar ata a súa
desaparición e as familias endebédanse para poder costearse os estudos dos seus
fillos/as.
Estas medidas
ademais promoven a desigualdade económica e a privatización dos centros
educativos que non alcancen a solvencia necesaria, para que, así, as empresas
privadas e bancos causantes do declive económico do país entren a explotar o
sistema educativo como novo nicho de mercado.
Este proceso tamén
se dá nas universidades públicas, onde nos dous últimos anos o prezo final de
matrícula se encareceu un 66% de media. Chegouse a un punto no que o primeiro
curso da carreira máis barata custa 1.620€, e repetindo asignatura, necesítase
pagar ata cinco veces máis.
Doutra banda os e
as estudantes de FP víronse afectados polo aumento das taxas, unha FP de grao
superior custa 480€, e unha de grao medio entre 120€ e 220€ de media.
Ademais atopamos as
novas taxas da PAU que supoñen unha barreira económica máis para acceder á
educación superior.
Con este modelo
educativo podemos chegar á situación de EEUU, onde o endebedamento por
matrículas universitarias é o segundo despois das hipotecarias e supera xa o
billón de dólares, o cal establece un novo boom empresarial e económico a costa
dos nosos dereitos e da calidade da educación.
Cada vez parece
máis evidente que a crise é a escusa para privatizar e desmantelar o sistema
educativo, pois é unha vontade política o feito de rescatar a bancos mentres se
recorta en servizos públicos, en algo tan imprescindible como o dereito á educación.
Por iso esta folga tamén o é contra as políticas antisociais que reforzan a
diferenciación de clases roubando ao pobo a súa maior fonte de coñecemento, a
educación
Por todo isto o
Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de
Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Trasladar ao Goberno da Nación a
petición de derrogación da Lei Orgánica para o Melloramento da Calidade
Educativa (LOMCE), a modificación do último decreto de Becas e todas e cada
unha das iniciativas levadas a cabo sen un consenso maioritario da comunidade
educativa
Segundo. Que se apoie publicamente a xornada
de Folga Educativa convocada por todos os sectores da comunidade educativa para
o próximo 24 de Outubro
Terceiro. Dar conta deste acordo a todos
Consellos Escolares do municipio e a todas as Asociacións de Estudantes, Nais e
Pais, e Sindicatos con presenza na localidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario