martes, 10 de diciembre de 2013

Xuntanza con Cáritas



O COORDINADOR COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE CON REPRESENTANTES DE CÁRITAS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA RECLAMA QUE O CONCELLO PRESTE OS SERVIZOS SOCIAIS NECESARIOS PARA SATISFACER AS DEMANDAS DA CIDADANÍA.

O coordinador comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, mantivo unha xuntanza con representantes de Cáritas.

Durante a xuntanza dende Cáritas manifestaron a súa preocupación por esta crise-estafa que padecemos. Indicaron que comproban que moitas persoas que antes da crise conseguiran saír do risco de exclusión social, agora volven a esta situación pola perda de traballo, acumulación de débedas e outras consecuencias da situación económica e social que sufre a maioría social.

A realidade tamén indica que moitas persoas maiores, que nunca antes estiveran nesta situacións, agora vense abocados a pedir axuda para poder sobrevivir. Familias enteiras, mulleres, persoas migrantes e, por desgraza, un longo etcétera mostran o fracaso das medidas antisociais levadas a cabo polos distintos gobernos.

Dende Cáritas informaron dos distintos proxectos que levan a cabo: o centro Vieiro, Vagalume, Abeiro e outras actividades como cursos, ropeiros.... que prestan un gran servizo ás persoas que os necesitan, mostrando claramente que, hoxe máis que nunca, é necesaria a solidariedade e plans de actuación global que garantan a xustiza social e a igualdade.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela compartimos a necesidade de concienciación da sociedade, polo que demandamos ao Concello que realice ao longo de todo o ano, en colaboración coas distintas organización sociais da cidade, campañas de información que mostren a realidade e ofrezan alternativas.

Reiteramos que o goberno local no pode delegar nas distintas organización sociais da cidade, o que debe ser unha labor súa. Por suposto debe colaborar e facer participe a estas organizacións das distintas iniciativas que se acometan, por exemplo, unha vez máis, esiximos que, tralo pertinente debate e participación, se elaboren plans de actuacións, con medidas concretas a realizar antes os distintos casos que se presenten.

É obriga do Concello prestar os servizos sociais, de calidade e de titularidade e xestión pública, que as veciñas e veciños demandan, por iso reiteramos as nosas propostas do Centro Integral de Atención a Persoas sen Fogar ou o teléfono de emerxencias sociais e censo voluntario de persoas en risco de exclusión social.

No hay comentarios: