75.000 unidades de convivencia con todos os membros en paro.
32.800 familias sen ningún ingreso.
300.000 traballadoras e traballadores cun salario igual ou menor do SMI.
92% dos contratos foron de carácter temporal no 2015.
40% de taxa de desemprego na xente moza.
Estes son algúns exemplos de datos demoledores cos que se escribe un triste relato dun país que destrúe o seu emprego, un lugar onde os fogares están nunha situación insostible, mentres o Goberno segue a aplicar unhas políticas dirixidas ao enriquecemento dunha minoría. É dicir: estamos a vivir nun país destrutor da economía e inimigo do ben común.
O relato constrúese, entón, dende a desigualdade que se apropia do presente e hipoteca o futuro de milleiros de persoas. As fendas salariais están á orde do día, a temporalidade dos contratos converteuse en lei e, a inestabilidade, xa é unha forma de vida. Sen embargo, os traballadores e traballadoras temos que sobrevivir con políticas dirixidas pola dereita e pola socialdemocracia nunha Europa de exterminio, construída sobre un engano que nos avergoña. A todas e todos, salvo aos dirixentes, aos fillos e ás fillas doutro tempo que pensabamos superado e que castiga, por medio da deportación, a persoas, tras provocar guerras nos territorios de orixe. Deste modo tamén se bota en falta un goberno democrático que garanta os dereitos humanos elementais, tales como o dereito de asilo ou o dereito a unha vida digna.
O relato do noso tempo constrúese cunhas políticas de austeridade que pretenden aniquilar o sector público como garante dos dereitos básicos das persoas, independentemente da súa condición e orixe. Son as políticas do desprezo cara o ser humano, aplicadas neste país e que responden a unha directriz que domina Europa. Empobrecemento e desigualdade; mentres, a clase traballadora, coa precariedade dos salarios, contribúe á construción e mantemento dun sector público que, dende a elite, malversa e rouba.
Un primeiro de maio debe reivindicar a vixencia dunha negociación colectiva como garante dos dereitos laborais e rachar coa individualidade que pretende este sistema que ten teorizada a destrución da clase traballadora. Na actualidade, o mercado laboral é o mercado da subsistencia e, quen ten o seu traballo, é para sobrevivir e non para vivir dignamente. Iso é así porque un de cada catro traballadores ten un contrato temporal, o que define un nefasto mercado laboral para a maioría social.
Somos pobo e somos clase, e só podemos recuperar a nosa dignidade coa unidade, sabemos e saben que xuntas e xuntos os nosos esforzos se multiplican, a unidade e o compromiso firme da esquerda política e social é o garante da recuperación dos nosos dereitos como persoas e como clase traballadora. Adiante!
Viva o 1º de maio!
Viva o día da clase traballadora!
No hay comentarios:
Publicar un comentario