miércoles, 27 de marzo de 2013

Oposición á venta do antigo Hospital en Galeras



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA A DERIVA ESPECULATIVA DO LADRILLO QUE SE LLE QUERE DAR AO ANTIGO HOSPITAL DE GALERAS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEFENDE A NECESIDADE DE BUSCAR OUTRO TIPO DE FINANCIAMENTO PARA A NOVA FACULTADE DE MEDICINA

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reitera que o Concello debe prestar e velar porque se presten os servizos públicos que a cidadanía demanda.

Como defensores da ensinanza pública de calidade e gratuíta, estamos totalmente a favor de medidas que se acometan para a mellorar os estudos universitarios que se prestan na nosa cidade, como sería a nova facultade de medicina.

O que non consideramos admisible é que para acometer esta obra, tanto a USC como o Concello, parecen desexar acadar o financiamento mediante a perpetuación do modelo obsoleto e especulador do ladrillo. Esiximos que a través dos canles debidos coas distintas administracións públicas se acade o orzamento necesario para esta nova facultade.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, tal e como xa expresáramos nunha pregunta debidamente rexistrada o pasado 7 de outubro de 2011, desexamos que estas instalacións sexan utilizadas para ofrecer os servizos públicos que a cidadanía demanda.

Por exemplo, tal e como expresamos nun comunicado feito público en xuño de 2011, creemos necesario, que tralo pertinente debate cidadá, estas instalacións podíanse utilizar como residencia para persoa maiores, cubrindo unha necesidade cada vez maior tanto neste concello como nos concello limítrofes

Tamén, como xa expuxeramos, dada a ubicación próxima a ambos campus universitarios, poderíase estudar a súa adecuación como residencia universitaria, dado que sería un proxecto que beneficiaria a familias de toda Galicia, que para facilitar os estudos universitarios dos seus fillos e fillas vense abocadas o gravoso gasto que supón o aluguer nesta cidade

Por último reiteramos que consideramos lamentable que baixo a escusa da necesaria facultade de medicina, tanto a USC como o Concello, perpetúen como sistema de financiamento para as arcas públicas o modelo neoliberal da especulación urbanística, de nefasto resultado tal e como se pode comprobar na crise-estafa que padece a maioría social.

martes, 26 de marzo de 2013

Denuncia Concello non contesta ao Valedor



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA QUE O CONCELLO NON CONTESTA AOS REQUIRIMENTOS DO VALEDOR DO POBO

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE AO GOBERNO LOCAL DO PP QUE CUMPRA CO SEU DEBER DEMOCRÁTICO

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que, por hixiene e respecto á Democracia, o Concello debe responder en tempo e forma ás cuestións que se lle presentan.

É inadmisible que, cumprido o prazo dun mes dado polo Valedor do Pobo para que se conteste aos seus requirimentos polas nosas queixas, o silencio administrativo sexa a resposta do Concello de Santiago.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe que o Partido Popular respecte á nosa militancia e ás persoas que depositaron co seu voto a súa confianza na nosa organización, e, como mínimo, que cumpra coa obriga legal de contestar á figura institucional que representa o Valedor do Pobo de Galicia.

Ou ben ten moito que agochar ou ben é unha mostra máis da ingobernabilidade do Concello en mans de Ángel Currás. É imposible, se realmente hai vontade democrática de transparencia no goberno local do PP, que nun mes sexa inviable dar unha resposta, acorde coas normas e regulamentos existentes, sobre cales foron os motivos polos que se impediu a entrada aos representantes do Consello Comarcal aos Plenos, e cales van ser as solucións que se adopten para evitar que calquera persoa non poda seguir as sesións plenarias do Concello de Santiago.

Mesma vontade democrática que se debería ter para que a outra queixa debidamente presentada, sobre a ausencia de resposta as nosas preguntas, xa estivera contestada, pois tal e como a normativa regula é de obrigado cumprimento para as administracións públicas contestar aos requirimentos remitidos polo Valedor.

Respectando o novo prazo (“máxima urxencia”) que o Valedor do Pobo lle outorgará ao Concello no novo requirimento que enviou, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe que o alcalde Currás dea as debidas explicacións públicas á nosa organización política e a toda a cidadanía que nos apoia.

Por último, unha vez máis, ratificámonos na necesidade de implementar a Democracia Participativa na cidade, medida que o PP non quere poñer en marcha (o PSdG e o BNG tampouco implementaron medidas positivas ao respecto mentres gobernaron) para permitir que a cidadanía poida colaborar e promover medidas no día a día da cidade.

E, por suposto, cos debidos mecanismos de transparencia e comunicación para que se respecte o dereito de información a todo cidadán e cidadá e, incluso, non só a posibilidade de asistir aos Pleno, senón de formar parte activa deles con intervencións para promover o debate e participar na conformación da súa cidade.

viernes, 22 de marzo de 2013

Queixa ao Concello por non poder entrar ao Pleno



Esquerda Unida é un partido político legalmente constituído e amparado polo artigo 6 da Constitución Española, que di que os partidos políticos expresan o pluralismo político, concorren á formación da vontade popular e son instrumento fundamental para a participación política.

A súa creación e o exercicio da súa actividade son libres dentro do respecto  á Constitución e a Lei.  A súa estrutura interna e funcionamento son democráticos.

Que neste senso, Esquerda Unida constituíu un Consello Comarcal en Compostela, para o desenvolvemento da súa actividade política na comarca. E que tal órgano decidiu que, como parte do traballo municipal da organización, acudise un representante seu aos Plenos do Concello, para exercer a súa actividade política respecto a este.

Que o artigo 9 da Lei Orgánica dos Partidos Políticos, establécese que “os partidos exercerán libremente as súas actividades”.

Que dende novembro de 2011 esta actividade víñase realizando correctamente, ao poder acudir aos Plenos do Concello de Santiago cumprindo co requisito de entregar o nº de DNI á policía local na entrada do Concello minutos antes do comezo da sesión plenaria, e sen maiores xestións ou atrancos.

Que nos últimos Plenos esta situación mudou completamente, o impedir de xeito sistemático a asistencia ás sesións plenaria ao representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela.

Que esta actitude do Goberno do Concello vai en contra da súa propia normativa respecto a participación cidadá que di no  Regulamento de participación cidadá aprobado por acordo plenario do 4 de decembro de 1998 e publicado no BOP de A Coruña o 9 de xaneiro de 1999, no seu artigo 7:

1.-As sesións do pleno son públicas, agás nos casos previstos no artigo 70.1 da Lei reguladora das Bases de Réxime Local, e 253 da Lei de Administración Local de Galicia. Facilitarase a asistencia ou información simultánea de todo o público interesado en coñece-lo desenvolvemento das sesións, a través dos medios máis adecuados ó caso.

Remitindo o mesmo a Lei 7/1985, Reguladora das Bases de Réxime Local que no artigo 70.1 que di:

1. As sesións do Pleno das corporacións locais son públicas. No obstante, poderán ser secretos o debate e votación de aqueles asuntos que poidan afectar o dereito fundamental dos cidadáns a que se refire o artigo 18.1 da Constitución, cando así se acorde por maioría absoluta.

E tamén a Lei de Administración Local de Galicia, que dentro da sección segunda sobre Participación Cidadá, di no seu artigo 253:

1. As sesións do Pleno das Corporacións Locais serán públicas. Sen embargo, poderán ser secretos o debate e a votación de aqueles asuntos que poidan afectar o dereito fundamental dos cidadáns a que se refire o artigo 18.1 da Constitución, cando así sexa acordado por maioría absoluta. Non serán públicas, sen embargo, as sesións das comisións de goberno.

Que a última prohibición de acceso ao Pleno do Concello, público e aberto a cidadanía, deuse o pasado xoves 21 de marzo de 2013, cando tres policías locais con número de placa 259076, 259111 e 259186 impediron ao noso representante, Vicente Vázquez Freire con DNI 44827095A, o acceso ao salón onde se levaba a cabo a sesión plenaria do Concello de Santiago.

Que nese mesmo día, momentos antes, a concelleira Reyes Leis e o concelleiro Luis Bello deixaron pasar a persoas de outros colectivos ao Pleno sen permitir o acceso do noso representante que se personou con anterioridade ante a porta do Pleno para poder acceder ao mesmo.

Que con esta actitude de impedir o acceso aos Plenos do concello a un representante da nosa organización política estase a vulnerar o noso dereito constitucional ao exercicio libre da nosa actividade política.

Por estes motivos, e dado que representamos a unha organización política con forte respaldo social tanto a nivel estatal, autonómico e local, que nas últimas eleccións municipais obtivo o respaldo de 1906 persoas.

SOLICITA:

1º) Que o Concello certifique por escrito que os policías locais  impediron a entrada ao Pleno do 21 de marzo de 2013 ao noso representante Vicente Vázquez Freire por decisión do presidente do pleno o señor Alcalde. E os motivos polos que este tomou esta decisión.

2º) Que se certifique o motivo da preferencia de entrada das persoas que si puideron entrar á sesión plenaria en lugar do noso representante, que debidamente pediu acreditarse para poder entrar sen que esta petición fora tomada en consideración

3º)  Que en todo caso, se cumpra o artigo 54 sobre Publicidade do Pleno do Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, e se amplíe a difusión do desenvolvemento das sesións mediante sistemas de megafonía, circuítos de televisión ou redes de comunicación tales como Internet.

jueves, 21 de marzo de 2013

Pregunta obras parque en Fontiñas




O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que o Concello debe ser claro e transparente sobre as actuacións que leva a cabo na cidade.

Mais no parque de Fontiñas situado entre as rúas Berlín, Lisboa e o Camiño Francés, o Concello mostra a súa opacidade ao non informar debidamente sobre as obras que se están a levar a cabo nel.

O Consello Comarcal de EU tralas denuncias feitas pola veciñanza, e tras unha visita persoal de varios representantes ao parque, fixera un comunicado de denuncia o 14 de febreiro debido as graves deficiencia que presentaba.

Para a nosa sorpresa descubrimos días despois que unhas valas indicaban a prohibición de entrada a este parque, e tras pedir explicacións tivemos que enterarnos polos medios de comunicación que, según María Castelao, a urbanización do polígono 4 non está terminada e, polo tanto, non foi recepcionada polo Concello, explicando que o parque estará pechado ata que se termine a obra para evitar accidentes. Engadindo a concelleira que o parque non está debidamente acondicionado e pode representar un perigo para as persoas usuarias.
 
Transcorrido máis dun mes desde o peche a cidadanía deste parque, que según a única información aparecida na páxina web do Concello debería estar aberto dende o comezo do pasado outono, ningunha obra parece que se estea a acometer para subsanar as deficiencias deste espazo público.

Pero acontece que ante a pasividade do Concello, e que a un mero valado impide o paso a este parque, recibimos a información de veciños e veciñas de que diferentes usuarios seguen a facer uso do parque, concorrendo, se facemos caso ao que dicta María Castelao, nunha imprudencia, senón nunha ilegalidade pois, según parece, está prohibida a entrada a este parque por obras, pero en ningún lugar se indica debidamente co cartel pertinente o comezo e remate das mesmas, quen as realiza e outras cuestións que según a normativa se debe expoñer nas obras.

É máis que evidente que o Concello debe informar debidamente do que está a ocorrer con este parque, e se fan público que o parque pode ser un perigo para as persoas usuarias, exercer as debidas medidas para evitar o seu uso.

Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:

  1. Cando se abrirá á cidadanía este espazo público? Mentres non se acometan as obras pertinentes, é seguro que siga sendo utilizado?

miércoles, 20 de marzo de 2013

Pregunta cobro taxa plusvalía a persoas desafiuzadas



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende, unha vez máis, que as Administracións Públicas deben garantir o benestar da cidadanía.

No tocante á vivenda o Concello de Santiago aínda ten moito que facer para garantir este dereito constitucional ás veciñas e veciños, como por exemplo executar a nosas propostas dunha axencia municipal de aluguer social, a de xestión pública das vivendas dos bancos e caixas nacionalizadas ou, por exemplo, a proposta de axudas ao pago da hipoteca ou do alugueiro social en situacións de emerxencia social.

Mais mentres non se leve a cabo esta e outras medidas, e a nivel do estado ou galego non se lexisle debidamente para evitar que as leis defendan aos intereses especuladores e non á cidadanía, é de dominio público que un dos maiores problemas cidadáns son os desafiuzamentos da vivenda habitual que milleiros de persoas están a sufrir.

sábado, 16 de marzo de 2013

Dimisión Juan de la Fuente



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A SÚA PETICIÓN DE DIMISIÓN A JUAN DE LA FUENTE.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA MANIFESTA, UNHA VEZ MÁIS, QUE O ADIANTO DE ELECCIÓNS MUNICIPAIS É A SOLUCIÓN QUE SE PRECISA PARA A REXENERACIÓN DO CONCELLO

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe que Juan de la Fuente abandone de inmediato o seu cargo público de concelleiro.

Xa sendo grave a nefasta xestión política deste concelleiro, con clara mostra no acontecido na rúa Virxe Branca, o que é inadmisible, e indecente pola honradez coa que debe exercer calquera cargo público, é o caso facturas falsas, no que, según informacións aparecidas, ata a comisión do propio Concello aprecia nas súas conclusión posibles indicios delictivos.

Á espera de que se faga oficial o informe desta comisión, os datos aparecidos nun medio de comunicación demostran que o concelleiro puido incorrer nos graves delitos de falsidade en documento público e mercantil; e, incluso, na suplantación de identidade.

Por suposto respectamos a súa presunción de inocencia, e deberá ser a xustiza quen ditamine se baixo o amparo da lei hai delito ou non, pero para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela Juan de la Fuente queda inhabilitado para calquera cargo público.

Pero, unha vez máis, queremos deixar ben claro que o que acontece no goberno local non é cuestión de persoas senón de política, de ideoloxía, obviamente Juan de la Fuente ten que dimitir ou ser destituído, mais o problema real do Concello non acharía nisto a solución.

É obvio que a decrepitude ética do PP local está levando ao Concello a unha situación insostible de ingobernabilidade, e polo interese xeral das veciñas e veciños é hora de que se tomen decisións que garantan o porvir da administración local.

Xa fai dous meses que dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reclamamos o adianto de eleccións municipais en Santiago, por ser a única solución democrática para a rexeneración que o Concello precisa.

Por suposto, aconteza ou non este adianto electoral, ademais de Juan de la Fuente, todos os cargos públicos do PP, comezando polo alcalde Currás, imputados polas operacións xudiciais Pokemon ou a Manga, deben dimitir.

jueves, 14 de marzo de 2013

Casa do Neno



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ESIXE UNHA SOLUCIÓN PARA AS FAMILIAS AFECTADAS POLA MALA XESTIÓN DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN COA CASA DO NENO  DE SAN LÁZARO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA REQUIRE AO GOBERNO LOCAL QUE DEFENDA OS DEREITOS DA CIDADANÍA COMPOSTELÁ ANTE A QUEBRA DO DEREITO A UNHA EDUCACIÓN PÚBLICA INTEGRAL

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera labor fundamental do Concello prestar ou velar porque se presten correctamente os servizos públicos que a cidadanía demanda.

Por tal motivo esiximos ao goberno local do Partido Popular que leve a cabo as xestións necesarias de intermediación coa Consellería de Educación para atopar, o antes posible, unha solución que satisfaga as demandas dos veciños e veciñas afectadas polo inepta xestión da Xunta no relativo o centro concertado coñecido como Casa do Neno.

É inadmisible que, incumprindo coa súa obriga, a Consellería de Educación simplemente recoñeza un erro, e pola súa neglixente actuación 18 nenas e nenos da nosa cidade, se vexan na obriga de seren dispersados por diferentes centros da cidade, en vez de facelo no centro (Colexio de Fontiñas) que as familias consideraban ía ser o do curso que vén en función do acordo de adscrición asinado pola Consellería de Educación..

Cómpre facer todo o posible para garantir o dereito a unha educación pública de calidade integral para garantir a conciliación do traballo e vida persoal destas familias.

É necesario que por unha vez o equipo de goberno de Currás acometa o seu deber, e esixa da Xunta de Galicia en xeral, e do presidente Feijóo en particular unha solución debatida e consensuada coas familias afectas, e por unha vez non deixe que o seu partido político abafe social e economicamente a Santiago, pois esta actuación non é a primeira que claramente prexudica os intereses xerais dos veciños e veciñas.

Cómpre destacar, entre moitas actuación lesivas da Xunta do PP cara a cidadanía de Santiago, a venta dun piso que, con vontade política de servizo público, podíase haber utilizado para prestar un servizo público como, por exemplo, residencia temporal para persoas desafiuzadas ou residencia para persoas universitarias que acrediten a necesidade dun aluguer social para continuar os seus estudos.

E máis recentemente, co amparo do silencio do PP local a esta medida, a Xunta de Galicia acometeu o pérfido ataque ao dereito á saúde das veciñas e veciños, ao levar a cabo o peche dos servizos públicos de valoración de dependencia e discapacidade.

miércoles, 13 de marzo de 2013

Contra peche servizo valoración dependencia e discapacidade



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera función indispensable das distintas administracións públicas garantir o dereito á saúde da cidadanía.

Mais isto non está a acontecer en Santiago posto que a Consellería de traballo e benestar da Xunta de Galicia perpetra un novo ataque ideolóxico contra os servizos públicos, ao permitir que a nosa cidade quede sen o equipo de valoración da dependencia e a discapacidade.

É inadmisible que o austericidio, que o PP desexa para levar a cabo as súas políticas neoliberais, provoque o desmantelamento deste necesario servizo ao despedir aos 3 asistentes sociais, 2 auxiliares administrativos e 1 psicólogo.

Non existen argumentos lóxicos que permitan xustificar a supresión deste servizo que atendeu ate o día de hoxe a máis de 20.000 persoas. É evidente que estamos ante un novo paso no camiño privatizador da sanidade en xeral e dos servizos de dependencia en particular, tan desexado polo Partido Popular.

A supresión deste servizo significará que as persoas que desexen realizar unha valoración deberán desprazarse e ir á cidade da Coruña para poder cumprir con dita tramitación. Un atropelo máis aos nosos dereitos xa que non podemos esquecer que a promoción da autonomía persoal é considerado o cuarto piar do estado de benestar e da igualdade de oportunidades.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Que o Concello inste á Xunta de Galicia a que manteña o equipo de valoración da dependencia e discapacidades en Santiago.

Segundo. Que o Concello inste á Xunta de Galicia a que non leve a cabo os despedimentos anunciados na consellaría de traballo e benestar e manteña aos profesionais necesarios para prestar este necesario servizo público.