A Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela
reclama ao Concello de Santiago unha maior implicación na loita para a
igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia machista.
As mulleres seguimos a ter menores salarios en
iguais traballos, maior pobreza, menos oportunidades, máis precariedade
laboral, menores taxas de actividade recoñecida, responsabilidade dos coidados
a dependentes, e escasa representación nos órganos directivos empresariais e
políticos. Mentres continúan os asasinatos, escoitamos declaracións de cargos
públicos que desprestixian as leis contra a violencia machista, mantense a
desprotección e a falta de medios para a independencia das mulleres maltratadas
e ameazadas.
No 2007 en Compostela foi desmantelada a casa de
acollida de mulleres vítimas de violencia machista, desgraciadamente non por
falta de uso. As vítimas de violencia machista da cidade vense obrigadas a
desprazarse ata a Coruña. Dende Esquerda
Unida Compostela solicitouse en diversas ocasións a súa reapertura, incluíndose
no programa das eleccións municipais do 2010.
No 2011 o Concello anuncia que se construirá o
Centro de Recuperación Integral das Mulleres Vítimas da Violencia machista,
onde as mulleres e as súas crianzas recibirán atención psicolóxica, social,
xurídica e formativa. Mais este centro, nun principio, non realizará funcións
de acollida. Durante a pre-campaña electoral dotaron de mobiliario o centro e
anunciaron a súa pronta apertura. A día de hoxe continúa pechado, a pesar que,
segundo informacións proporcionadas polo Concello, durante o ano 2012 en
Santiago case 200 mulleres maltratadas demandaron axuda dos servizos públicos.
Dende a Área de Mulleres de EU Compostela
reivindicamos que é responsabilidade do Concello fornecer os mecanismos
necesarios para que as mulleres maltratadas se sintan seguras a hora de
denunciar a situación que están a vivir, e que teñan os medios para superar esa
situación.
ACORDOS:
Primeiro.- O Concello de Santiago
abra o Centro de Recuperación Integral de Mulleres Vítimas de Violencia, onde
se fornezan ás mulleres todos os mecanismos para librarse de, e superar, as
situacións de abuso e violencia machista.
Segundo.- O Concello de Santiago
habilite instalacións e os medios necesarios para acoller a mulleres e ás súas
crianzas vítimas de violencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario