martes, 12 de marzo de 2013

Xuntanza coa AV do Castiñeiriño



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PROSEGUE AS REUNIÓNS CO TECIDO ASOCIATIVO DE SANTIAGO MANTENDO UNHA XUNTANZA COA AV DO CASTIÑEIRIÑO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA COMPARTE AS RECLAMACIÓNS VECIÑAIS RESPECTO Á SEGURIDADE VIARIA, MELLORA DE INFRAESTRUTURAS E SERVIZOS PÚBLICOS.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xenxo Redondo e Vicente Vázquez, mantiveron unha xuntanza coa directiva da AV “O Castiñeiro” do Castiñeiriño.

No transcurso da xuntanza confirmouse que as demandas veciñais expresadas polos representantes da AV, son moi similares ás expresadas en novembro de 2010 na anterior xuntanza.

Como non podía ser doutro xeito unha dos principais temas de conversa foi a rúa Virxe Branca, cuxo estado despois das choivas dos últimos día é lamentable, e ata pon en risco ás veciñas e veciños, pois comentaron varias caídas polo deficiente mantemento das beirarrúas.

Sen entrar a comentar a lamentable xestión do PP, pública e notoria, sobre esta rúa, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe unha rápida solución para a veciñanza afectada, mostrando o noso total apoio as medidas que, debatidas en asemblea, decidan tomar as persoas afectadas polo estado da rúa Virxe Branca.

Tamén esiximos unha rápida actuación en temas de melloras no relativo a urbanismo e infraestruturas, que os representantes da AV expuxeron, e que van dende colocar placas cos nomes da rúa, arranxo de beirarrúas e estradas en diferentes lugares do barrio, ate actuacións de urxencias en casas abandonadas que supoñen un risco para a seguridade.

Outra cuestión que segue a ser reclamada, dado o aumento de poboación, e a que pode chegar a vir se todas as urbanizacións proxectadas son construídas, e a necesidade de dotar ao barrio cos servizos públicos necesarios, concretamente, tal e como xa expresaran na xuntanza de novembro de 2010, dunha gardería e un centro de día.

Demandas que compartimos completamente e que, por suposto, apoiamos sempre baixo a titularidade e xestión pública.

Por último o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifestou o seu apoio as mobilizacións e actuacións que se poidan levar a cabo, se, por problemas entre empresas privadas, se acomete a posible alteración do percorrido da liña 6 do transporte urbano, recortando o seu percorrido e prexudicando ás veciñas e veciños da zona.

No hay comentarios: