O grupo de traballo
de políticas sociais de Esquerda Unida Compostela esixe do goberno local, ao
ser unha das súas funcións fundamentais, que garanta que se
ofrezan servizos, de titularidade e xestión pública, que satisfagan as
necesidades da cidadanía.
Consideramos
necesario que o Concello cumpra coa súa obriga e leve a cabo iniciativas de
apoio para persoas sen fogar que na actualidade se
ven obrigadas a pasar a noite no espazo público, en construcións que non
cumpren criterios de habitabilidade ou que non están destinadas á vivenda, ou a
aloxarse en vivendas de persoas achegadas ou familiares. Así, hai persoas que
temporalmente dispoñen dun teito, pero non
dunhas relacións sociais, laborais e familiares que, en xeral, se asocian á
inclusión social; o concepto de persoa sen fogar, a diferenza doutras
denominacións como “sen teito” ou “sen vivenda”, non só implica a carencia
dunha vivenda que cumpra cuns criterios mínimos de habitabilidade, senón que
tamén alude á ausencia de relación sociais e familiares sólidas e do resto de
atributos asociados ó concepto de fogar.
Por iso, dende o grupo
de traballo de políticas sociais de EU Compostela, propoñemos a creación dun
servizo municipal de atención integral a persoas sen fogar, dirixido a persoas
en situación de alta exclusión, sen fogar e con alta vulnerabilidade social.
Debe integrar un conxunto de servizos destinados non só a ofrecerlles un
aloxamento puntual, senón tamén a favorecer a inserción social das persoas
usuarias, ofrecendo unha atención integral e individualizada.
Os poderes públicos
deben asumir a súa responsabilidade competencial e a titularidade e xestión
pública deste servizo. Actualmente, o Concello vulnera os dereitos das persoas
e colectivos que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade, ao non
coordinar unha abordaxe integral da exclusión social coas entidades sociais da
cidade, que levan a cabo accións asistenciais puntuais e baseadas na súa propia
voluntariedade.
O servizo proposto debería
contar, entre outras medidas, cunha unidade convivencial de curta estadía, recurso
para persoas que se atopan en itinerancia, en moitos casos dende hai anos;
neste programa, debido á curta estadía, as actuacións coas persoas limítanse a
ofrecerlles aloxamento, comida, hixiene e roupa.
O servizo municipal
debe completarse cunha unidade convivencial de
media estancia, dirixida a persoas en proceso de inserción social e tamén a
grupos familiares, preferentemente con menores ao seu cargo, que
circunstancialmente carezan de vivenda e medios económicos; suporían estadías a
medio prazo, de seis meses prorrogables por un máximo doutros seis.
No caso de persoas
en proceso de inserción social, proponse que a intervención se leve a cabo en dúas
fases, unha primeira de chegada, acollida, motivación para o cambio e baixo
nivel de esixencia; na segunda fase se realizan actividades encamiñadas a
superar á súa situación de exclusión social, a través dun itinerario de
inserción personalizado.
No caso de unidades
familiares, este equipamento posibilitaría atende-la necesidade de aloxamento
en condicións de intimidade e sen separar ó grupo familiar e, no seu caso,
desenrolando itinerarios de inserción social e favorecendo procesos educativos
para potenciar a autonomía para a convivencia persoal e familiar.
Este servizo municipal
de atención integral a persoas sen fogar debería contar tamén cunha Casa aberta
// Centro de día, destinado a persoas sen fogar que levan vivindo moito tempo
na rúa e que padecen un grave proceso de deterioro físico e psicosocial, que
fan inviable un proceso de inserción. Tanto as normas como o horario e o período
de estancia deben adaptarse con flexibilidade ás características das persoas
usuarias. Preténdese que poidan manter uns mínimos de calidade de vida, paliar
o proceso de deterioro, reducir danos e riscos para a súa integridade.
Por suposto este
proxecto debe contar tamén con traballo de rúa, levándose a cabo en toda a
cidade, a través do acompañamento social, sanitario ou o que se considere
oportuno a persoas sen fogar que non acceden a outros programas ou deixan de
utilizalos, que se atopan en situación de dificultade severa para acceder ós circuítos
de atención social.
Para que este
necesario proxecto, de titularidade e xestión pública, sexa eficiente e de
calidade, é necesario que o Concello acometa o pertinente debate coas entidades
e colectivos sociais interesados en colaborar para acadar un servizo que
satisfaga as demandas da cidadanía.
Por todo isto o grupo
de traballo de políticas sociais de EU Compostela propón ao Pleno do concello
de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Crear, tralo pertinente debate e
colaboración coas entidades e colectivos sociais da
cidade, o Servizo Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar
5 comentarios:
hola, escribin para informarme sobre esta iniciativa pero como vexo non houbo resposta por parte do concello. O que non entendo é como as grandes entidades sociais non conseguiron isto ainda que sexa a través delas e das subvencións: se se esta a implementar algunha iniciativa neste campo agradeceríavos que me informarades. Igualmente, estou de acordo con vos en que é unha cuestión de responsabilidade e que, amen da particicpación das entidades, debe existir un servicio público de mínimos
Hola, quero felicitar ó grupo por esta proposta xa que non entendo como no inverno de 2013 nin sequera se teñen ampliado as prazas dos albergues de acollida e como esto non é denunciado polas entidades sociais que fan este tipo de asistencia ou non tivo repercusión nin influencia no concello. Por outra banda, hai que salientar o lugar da muller nestas situacións de exclusión. Asimesmo, queria pedir información sobre se esta proposta obtivo resposta, xa que é de Outubro e espero que de non crearse un servicio as subvencións a entidades sen animo de lucro vaian encamiñadas a este obxectivo, saber se este inverno en Santiago se esta a desenvolver este servicio ou se avanzou en algún aspecto. En calquera caso, gustaríame colaborar como voluntaria en proxectos de este tipo asi que agradecería se tamén puiderades informar disto, xa estamos en decembro... moitas gracias
Boas
A nosa proposta non obtivo, por desgraza, ningunha resposta.
Para colaborar como voluntaria en proxectos deste tipo podes poñerte, por exemplo, en contacto con Albergue Xoán XXIII
http://www.alberguesanfrancisco.org/principal.html
Un saúdo
Publicar un comentario