jueves, 20 de marzo de 2014

Apoio á Asociación Cidade Vella



O CONSELLO COMARCAL DE EU CRITICA A ACTITUDE DO CONCELLO CON RESPECTO Á CULTURA NA CIDADE,  E PIDE QUE SE RENOVE O CONVENIO COA ASOCIACIÓN CIDADE VELLA

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE QUE O CONCELLO DEFENDA E PROMOVA A CULTURA DE BASE EN TODA A CIDADE.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifesta a necesidade de que o Concello sexa parte activa na promoción e fomento da cultura na cidade.

O actual goberno municipal, coa súa administración de recortes e de mala xestión continuada, está a matar a actividade cultural da cidade de Santiago, con exemplos como a nova lexislación do uso do espazo público.

A isto sumouse o luns  17 de marzo un novo ataque, neste caso á actividade musical da zona vella, cando un membro da 'Asociación Cidade Vella' recibiu unha multa de 1.500€ por un concerto levado a cabo no seu local.

Isto provocou que, ante a alarma provocada, se decidiran cancelar cautelarmente todos os concertos, así como as actividades culturais programadas, á espera dunha xuntanza co Concello. A sorpresa tras esta xuntanza é que,  non se renovou aínda o Convenio que até o momento se reasignaba cada ano, sen razón lóxica aparente.

Pese a que dende o Concello se está a dicir que existe a intención de solucionar pronto este problema, non se pode deixar de criticar a actitude do Concello unha vez máis, posto que está a poñer en risco non só un dos atractivos da cidade, senón que tamén está a poñer trabas a unha actividade da que moita xente depende economicamente para chegar a fin de mes ou mesmo para pagar gastos tanto cotiáns como académicos, no caso do estudantado.

Non é o primeiro ataque á cultura que o nefasto equipo de goberno do PP leva a cabo dende que rexe a cidade. Comezamos a lexislatura, pola vontade do delincuente fiscal Conde Roa, co peche da Sala Nasa. A isto hai que sumarlle, por exemplo, a censura que padeceu Leo Bassi, os recortes en subvencións a asociacións culturais ou o acontecido co festival AMAL.

Ademais da política anticultural que o señor Currás e o seu equipo realiza, hai que engadir que o retraso na aprobación deste convenio é unha mostra máis no desgoberno que padece a cidade. É máis que evidente que a corrupción que emana da xestión do Partido Popular paraliza a este Concello sendo, como sempre, a cidadanía a que se ve prexudicada.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esiximos ao Concello de Santiago que se mova de forma inmediata para que esta situación non se estenda no tempo, e lle permita aos locais e aos músicos da cidade seguir coa súa actividade. Ademais esiximos explicacións ao responsábel de Cultura, Ángel Currás.

No hay comentarios: