O Consello Comarcal
de Esquerda Unida Compostela defende que a política ten que estar ao servizo da
maioría social, procurando unha sociedade xusta e igualitaria .
O pacto que
alcanzaron o PSOE, entón no Goberno, e o PP, principal partido da oposición,
permitiu, sen sequera un referendo cidadán, a constitucionalización do
principio de estabilidade orzamentaria a través da modificación do artigo 135
da nosa Carta Magna. Desta forma, facíase evidente a vulneración doutros
principios constitucionais esenciais na construción do noso Estado autonómico,
social e de dereito.
Por exemplo,
lesionábanse as capacidades de autogoberno que teñen no noso modelo estatal as
Comunidades Autónomas e as entidades locais; é dicir, que a consagración deste
principio de estabilidade orzamentaria, e das obrigas que del se derivan, por
riba de todos os demais, atenta claramente contra a autonomía da política e a
autonomía financeira das Comunidades Autónomas e das entidades locais e vailles
a impedir seguir prestando, asumindo e desenvolvendo todas aquelas competencias
que a propia Constitución e as leis básicas de organización lles atribúen.
En definitiva, o
que vén facer o principio de estabilidade orzamentaria é reforzar a supremacía
dos intereses dos mercados sobre os intereses xerais da cidadanía. Introducir
este principio na nosa Carta Magna é toda unha degradación da Constitución, que
remata sendo un balance de perdas e ganancias que xoga en Bolsa. Esa é a
realidade cando se fala de confianza e das empresas de rating en relación con
esta reforma constitucional.
Nese sentido,
tentouse fundamentar a súa xustificación no rigor orzamentario, no equilibrio e
na estabilidade, pero realmente se consagra o desequilibrio social, perséguese
unha austeridade pública mal entendida, restrínxese a iniciativa pública e
triunfa o axuste duro sobre o gasto social.
Por todo iso, desde
o Consello Coamarcal de Esquerda Unida preténdese lograr que o Concello de
Santiago asuma o seu papel de representantes da cidadanía e propoña ao Congreso
dos Deputados a elaboración dunha proposición de lei que devolva á Constitución
o texto orixinal do artigo 135, eliminando a reforma que, se nunha palabra
puidese definirse, o que significou para este país e os seus cidadáns e
cidadás, é fame.
Por todo isto o
Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de
Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. O Concello de Santiago solicita ao
Congreso dos Deputados modificar o artigo 135 da Constitución española, que
queda redactado da seguinte maneira:
“Artigo 135
1. O Goberno haberá de estar autorizado por lei para emitir Débeda
Pública ou contraer crédito.
2. Os créditos para satisfacer o pago de intereses e capital da Débeda
Pública do Estado entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos
orzamentos e non poderán ser obxecto de emenda ou modificación mentres se
axusten ás condicións da lei de emisión.”
Segundo. O presente acordo trasladarase ao
Presidente de Goberno e a todos os Grupos Parlamentarios do Congreso de
Deputados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario