Unha vez máis demóstrase que Fontiñas vai perder de forma absoluta todos e cada un dos espazos verdes naturais que lle quedan. Para Esquerda Unida o esencial é que os veciños e veciñas poidan participar no deseño do barrio e, sobre todo, para que se faga unha avaliación das necesidades reais para o mesmo. Isto, hoxe, co goberno saínte e co entrante, é e será unha entelequia.
Todas as rúas do barrio precisan dun plan de humanización, xa que as beirarrúas están todas esnaquizadas pola plantación errada de árbores non adecuadas polo medre das súas raíces.
O barrio quedou sen campo da festa debido ao cambio de planificación inicial na rúa Madrid, quedando sepultado para sempre e inutilizado un enorme depósito que recollería as augas de manantío e pluviais para o rego das zonas axardinadas (debaixo de onde se está construindo a ludoteca).
Que dotacións sociais contempla este proceso urbanizador? Unicamente vivendas? Saben os do Concello que xa hai vivendas baleiras en Fontiñas?
O barrio precisa dun centro de calidade para as persoas maiores que sirva de punto de encontro, de información e atención social, de centro de Día, e precisa tamén un espazo verde sen pendentes, con espazo para xogos, de petanca (por exemplo), para o encontro interxeracional.
Os contedores de todo o barrio deben ser soterrados e debe aumentarse o seu número tendo en conta o aumento urbanístico e o remate da rúa Dublín.
Un carril bici desconectado dunha rede global que abranga á cidade non serve para o uso que debe ter: ser un medio de transporte ecolóxico. Para Esquerda Unida, isto pasa por elaborar un Plan Director da Bici, integrado dentro dun Plan de Transporte Público de Calidade e Sustentable, realizados de forma participativa. Que servizo pode facer un carril-bici desconectado??
Non se trata de deseños modernistas, senón da calidade de vida, de unir forma a contido. Hoxe, como é habitual, neste Concello "postmodernista", a forma quere agochar unha deficiencia de contidos sen logralo. Esquerda Unida lamenta que desapareza a perspectiva social e global para o barrio de Fontiñas.
Santiago, 3 de xuño de 2007
No hay comentarios:
Publicar un comentario