Desde Esquerda Unida alegrámonos da rápida reacción do Concello -a través de Elvira Cienfuegos- ante o anuncio de que pecharía unha escola no rural, concretamente en Rial. En Compostela aínda se manteñen 6 unitarias e o seu mantemento debe estar por riba de numeroloxías absurdas e outras chanzas económicas, xa que a súa función social debe impoñerse como único criterio.
O rural precisa dun urxente paquete de medidas de reactivación (entre elas a de dignificar o traballo agrogandeiro) e, desde logo, precisa que as escolas unitarias se manteñan abertas. Debe ser a educación, en tanto que dereito esencial universal e gratuito, a que vaia cara o rural e non o rural cara a educación. É un medio imprescindible para asentar poboación no rural.
Pero, ademais, é preciso, para cohesionar sociedade e territorio no noso Concello, poñermos en marcha un proxecto de desenvolvemento global do rural (véxanse as propostas de Esquerda Unida no seu programa para as eleccións do 27 de maio).
Non permitamos máis a paseniña degradación do noso agro, dos nosos montes, dos nosos praos. A mellor maneira é voltalos produtivos -atendendo, claro está, ao equilibrio e á sustentabilidade-.
No hay comentarios:
Publicar un comentario