sábado, 2 de junio de 2007

A ría non é de Reganosa


Anímovos a ollar este portal de información desde as terras de Trasancos, onde está colgado o video que reflicte o que aconteceu o 30 de maio en Ferrol: www.trasancos.blogspot.com/

A solidariedade debe trascender sempre os límites administrativos dun Concello e máis neste caso, cando, como é habitual nesta terra, a política de feitos consumados pretende darlle o poder da razón a quen non a ten: a ría non é de Reganosa.

A beira mugardesa onde se asentou a planta de gas foi perdendo habitantes a través de dubidosos movementos de compra de casas exercidos pola empresa gaseira.

Ante un posible -nunca desexado- accidente dun gaseiro, por exemplo, ou dun accidente na propia planta, a ría e as persoas que viven nelas....que lles pasaría? preguntáronse algunha vez iso os artífices da súa instalación no interior da ría?

Outra ubicación era posible certamente, por que non se fixo?


Estase privatizando un espazo natural e público. E esta privatización vai beneficiar a un imperio empresarial, xa que mesmo a clase traballadora dedicada ao marisqueo terá que interromper o seu traballo logo da entrada na ría dos gaseiros. De seguro que existirá, na cabeza de políticos e empresarios pouco concienciados, a idea de que pagando un importe polos días de traballo non realizados as manifestacións deixarán de existir....quizais nunha analoxía non moi lonxana co que aconteceu co Prestige. Nós coidamos que se equivocan: este é simplemente un dos aspectos afectados, xa que por riba de todo está o dereito á saúde, a vivir sen temor, á prevención.

A procura da rendibilidade económico-empresarial non pode estar por riba da prevención e da seguridade medioambiental e persoal.

Mañá, domingo 3 de xuño, os veciños e veciñas da ría, en convocatoria do Comité Cidadá de Emerxencia, apoiados seguramente por veciños e veciñas doutras bisbarras, diranlle á clase política e á clase empresarial: non á planta de gas no interior da ría de Ferrol!!

No hay comentarios: