lunes, 25 de junio de 2007

lecturas que interesan...A espada de Damocles sobre as persoas

Ola compañeiros e compañeiras

As lecturas elaboradas desde unha perspectiva non alienada e dominada polo discurso do poder sempre son de agradecer e son benvidas. É o que acontece neste caso co nº 2 do suplemento Altermundo editado o último domingo de cada mes por Galicia Hoxe e tamén coa obertura a cargo de Lupe Ces no Tempos Novos do mes de xuño. Recomendables nesta revista os contidos e análises sobre o caso Reganosa.

*****
A propósito, cómpre amosar a nosa tristeza pola morte de soldados españois nun conflito que, coma sempre, é unha misión de todo menos de paz. Misión de paz é sen dúbida un dos grandes eufemismos do discurso bélico actual. E unha falacia. E compre seguir insistindo na absoluta inmoralidade das guerras que se manteñen en medio mundo por intereses unicamente económicos e xeoestratéxicos.
*****

E seguiremos coa dúbidas que nos veñen da polarización mediática e discursiva sobre os asuntos políticos. Así, vivimos tempos de máis sombras que luces. Son tempos de mergullo unicamente para os máis preparados -esta vida faría as delicias de Spencer- xa que, doutro xeito agárdanos unha morte segura baixo esta enorme auga de palabras e argumentos. Unha masa que insiste unha e mil veces en facerlle ver á sociedade que todo é branco ou negro. Isto é, xa comezan a quencer os motores da retórica baleira de contidos para dicirlle ao pobo español que o futuro pasa por optar entre PSOE e PP. Claro está, a construción da metáfora está tan mal lograda pero tan ben difundida que Zapatero pasa por ser un símbolo da progresía...de esquerdas (sic). E para demostralo nada mellor que o relanzado Tratado Europeo, onde as reunións de presidentes debuxan a faciana verdadeira da política actual....e así Zapatero departe amizosamente con Sarkozy, mentres os irmáns xemelgos -auténticos devotos do conservadurismo máis rancio e de voltar ás catacumbas da folsa moralidade- converten en ferro todo o que tocan. Europa? Que Europa, dicimos nós? Cabería mesmo preguntarse se non somos un satélite norteamericano e preguntémoslle aos nosos mozos e mozas que música escoitan e que cine ven...

Europa? Que Europa? Hai, no entanto, un sendeiro...pouco ou mal transitado por desinterese, e xorde da seguinte pregunta -"con mala leche", hai que dicilo-: que ten en común a clase precarizada e traballadora de Francia coa clase acomodada de España? Que ten en común a persoa máis adiñeirada de Alemaña coa persoa obreira que traballa 12 ou 14 horas para gañar un salario miserento e escaso?

A quen lle beneficia a imaxe da actual Europa?

Mal vai ir Europa así....cando se elabora un texto de novo de cóstas ás persoas que vivimos en Europa. Pero o caso é colalo como sexa... e faranno se non nos mobilizamos. Xa dixo Zapatero que non someterá a consulta o novo texto que saia deste perigosos cónclaves. Así é a democracia, así se constrúe a Europa Social...sen contar para nada con nós.

Perigosa espada de Damocles asoma. E cando os tipos de interese aumenten, e cando se enroque a situación laboral en España, e cando os medios sigan coa tendencia polarizada, e mentres os políticos sigan ollando para outro lado....os feitos xa serán dabondo alarmantes: buscarase ao culpable no OUTRO, no DIFERENTE. E só agardamos equivocarnos.

No hay comentarios: