sábado, 9 de junio de 2007

VACANTES NOS CENTROS DE ENSINO PÚBLICOS DE COMPOSTELA

Comeza a ser preocupante a tendencia que se reflicte -un ano máis- como a máis seguida por pais e nais dos e das compostelás en idade escolar: acollerse a un centro de ensino privado, mantido con fondos públicos.

De primeiras, e ante a nosa firme defensa dun ensino público, laico e de calidade, cómpre que digamos que algo se está facendo mal desde o público para que esta tendencia non se invirta. E neste "facer mal" están implicadas as administracións públicas: desde a autonómica ata a local.

Os centros públicos semellan desarmados ante a dobre vía de financiación dos centros privados. Desarmados porque non poden ofrecer os mesmos servizos complementarios. Cómpre, xa que logo, que o Concello artelle un Plan Director de Servizos Complementarios para que a pública non se vexa, aínda máis, devaluada na súa dignidade.

Ollamos na prensa algúns argumentos lexítimos de pais e nais: que ante o tipo de xornada da pública e ante o horario laboral que eles e elas tiñan, non lles quedaba máis remedio que procurar un centro que teña xornada partida e comedor escolar. Está ben, pero que, por favor, non lle chamen a isto conciliación da vida laboral coa familiar, xa que, se se trata de estar máis tempo cos seres queridos, co que hai hoxe é ....IMPOSIBLE.

Seguimos errando e o ex valedor do pobo, se non nos equivocamos, alertou de que os horarios actuais estaban "machacando" a mulleres e nenos. Nós pensamos que esnaquizan a todos e todas por igual e que o único que se está potenciando é a incomunicación xeracional de forma contínua.

Por iso, cómpre facermos dúas cousas:

1) que a administración pública local se implique cada vez máis na oferta de servizos complementarios para dignificar os centros públicos e que podan ofrecer os mesmos servizos que a privada.

2) reducir a xornada laboral. Non se trata, como pensan de forma errada algúns pais e nais, de aumentar as horas de escola, senón de aumentar as horas de convivencia común, de formación e educación. Senón, sinceiramente, nestas condicións de distancia, de incomunicación, de prolongación da xornada laboral e da escolar...as persoas deberían repensar que significa ser pai e nai.

O tempo, hoxe, é un ben tan prezado que serve para alimentar as diferenzas de clase. Isto tradúcese a todos os eidos da vida. Mesmo a política está distanciada da clase obreira por imposibilidade de horarios. A participación en política, a educación e formación dos descendentes, o simple disfrute dun tempo libre no día a día, ben merecen que todas as organizacións políticas asuman a función primaria de reducir as distancias, de reducir o afastamento de pais/nais e fillos/fillas, de reducir o afastamento entre seres queridos, de reducir o muro de silencio e de laios que pón ante as persoas a actual organización da xornada laboral.

No hay comentarios: