Tras a constitución da nova corporación, a que debe guiar os pasos de Compostela ata o 2011, quedan claras algunhas premisas:
a) trátase de conseguir áreas de poder para poder "presumir" da xestión exercida nelas ao cabo de 4 anos;
b) trátase de negociar ditas áreas.;
c) trátase de non facelo sobre un documento programático, senón non ten sentido que non teñamos acceso a el coa debida facilidade e transparencia.
Se se artella un documento programático uniforme, por que tanta teima con conseguir tal ou tal área? Se temos un documento base que unifica a nosa acción, por que dicir que renunciamos? Se creamos unha forma común sobre a que construir os alicerces da nova Compostela, por que dá a sensación de que importa antes dar o golpe "partidista" desde as áreas de cada quen?
As reunións de traballo para acadar o pacto deberon ser "durísimas". Doutra forma non se entenden as palabras de Bugallo, que debeu experimentar sensacións próximas a un casus belli, cando di que "ás veces hai que pagar un prezo para acadar a paz". Agardemos que a acaden para ben dos e das compostelás. Pero, a que prezo uns e outros artellaron o programa de acción conxunta? Que primou? A porción de tarta máis suculenta posible?
Por iso, ante a dúbida, ante a falta de información, desde Esquerda Unida preguntámonos cales foron os puntos programáticos que permitiron o reparto das áreas e conformaron o compromiso de unidade. Ou é que se fixo primeiro un reparto da tarta de poder e logo o acordo de programa?
Os veciños e veciñas de Compostela merecen saber de forma alta e clara todos e cada un dos puntos programáticos que PSdG e BNG asumen como proxecto global.
Desde Esquerda Unida emprazamos ao novo equipo de goberno a que faga público o documento programático que impulsará o seu traballo durante estes 4 anos. Desde Esquerda Unida someteremos a seguemento constante e permanente dito programa, porque, desde logo, a poboación compostelá non merece 4 anos máis de incumprimentos sistemáticos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario