jueves, 10 de abril de 2014

Apoio á querela arxentina contra a ditadura franquista



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela pide que o Concello de Santiago de Compostela apoie a querela arxentina contra a ditadura franquista.

En xullo de 1936 a sublevación militar encabezada polo xeneral Franco derrocou ao Goberno lexítimo da República, e instaurou un réxime totalitario baseado na persecución e aniquilación física das e dos defensores da liberdade, da xustiza social e dos dereitos das persoas.

Dito réxime ditatorial, foi mantido polo exército, a oligarquía e a Igrexa católica durante os seguintes corenta anos mediante a máis feroz represión de calquera oposición, utilizando para iso medios que poden ser cualificados de xenocidio contra o seu propio pobo.

Concretamente en Galicia,  entre o golpe de estado, o trunfo do mesmo no país e o fin da guerra, foron asasinadas 4699 persoas, sendo a media de asasinatos no ano 36 de máis de 14 por día. É só unha mostra da barbarie fascista que caracterizou ao golpe de estado, do que non podemos esquecer ao resto de persoas que sufriron algún tipo de represión ao longo da Ditadura (só na Guerra Civil outras 28.234 sufriron persecución xudicial por causas políticas, sindicalistas ou pola súa lealdade á República).

Trala morte de Franco, ante o empuxe da loita popular e a presión internacional, produciuse un cambio de réxime que garantiu a impunidade do franquismo. Pero trinta e cinco anos despois, unha xuíza arxentina leva adiante unha causa contra o franquismo e os seus protagonistas vivos, por delitos de xenocidio e lesa humanidade, delitos que nin prescriben nin poden ser amnistiados por ningún tipo de “lei de punto final”.

Aínda sendo tramitada dende instancias internacionais, esta querela comeza a derruír o muro de impunidade do franquismo, contra o que tantas persoas e organizacións sociais vimos combatendo. Resulta, polo tanto, un feito de importancia transcendental na loita pola Xustiza, a Verdade e a Reparación dos danos causados aos centos de miles de vítimas do franquismo de todo o Estado

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Que o Concello de Santiago condene a sublevación militar-fascista dirixida polo Xeneral Francisco Franco Bahamonde en xullo de 1936 contra o réxime republicano lexitimamente constituído no ano 1931. Igualmente condenará o réxime ditatorial posterior que durante corenta anos reprimiu a sangue e lume todo vestixio de disidencia e loita pola liberdade, a xustiza social e os dereitos das persoas.

Segundo. Que o Concello de Santiago manifeste o seu apoio á Querela 4591-10, do Xulgado Nº 1 de Buenos Aires, República Argentina, que leva adiante a maxistrada María Servini de Cubría por delitos de xenocidio e lesa humanidade contra os responsábeis da conculcación dos dereitos humanos durante o Franquismo

No hay comentarios: