lunes, 14 de abril de 2014

Homenaxe de Xabier Ron á República



A RADIO PIRENAICA, A ÚNICA RADIO SEN CENSURA NA ESPAÑA DE FRANCO

Cada 14 de abril a República volve con máis forza. Porque sempre está en nós. Memoria viva dos vencidos e vencidas, dos milleiros de persoas que desapareceron baixo a forza asasina dos golpistas de Franco, dos que loitaron sen repouso para derrotalo.

Hoxe, a nosa homenaxe érguese coa Radio Pirenaica, a única radio sen censura durante a ditadura franquista, que desafiaba a Franco e que, desde a clandestinidade, loitaba pola verdade, pola xustiza, pola democracia.

A Radio Pirenaica foi fundada polo PCE para ser soporte da loita dos e das camaradas contra Franco. Mais convertéuse en voz da loita pola democracia. A Radio Pirenaica era a radio da verdade fronte á Radio da Mentira que era Radio Nacional de España.

Entre os anos 1962 e 1969, Fraga, o ministro de Franco, tentaron con todos os medios ao seu alcance contraprogramar a información veraz que a Radio Pirenaica facía escoitar.

Investiron millóns das antigas pesetas para crear antenas de interferencias e impedir o sinal da Radio da Verdade. Contaron mesmo co apoio da CIA para erguer muros radioeléctricos para silenciar a voz da conciencia, a voz dun pobo que desexaba liberarse das gadoupas do ditador.

Así, a folga de Bazán en 1962 foi coñecida só grazas ao traballo de corresponsais presentes durante a histórica xornada en que milleiros de traballadores desafiaron a Franco. Houbo mesmo valerosos actos de insubmisión e sabotaxe para que as emisoras de interferencias non puidesen realizar o seu traballo censor.

Milleiros de persoas exerceron de corresponsais, desafiando o medo. Consérvanse máis de 15.000 cartas no Arquivo Histórico do PCE. E aí vemos a valentía do que significaba ese desafío. Se na madrugada do 13 de xaneiro 1945 o mergullador da base naval de Cartaxena, Alfonso Martínez Peña fora fusilado por escoitar unha "emisora rusa e clandestina de Toulouse e Pirenaica", na década dos 60, ser oínte ou corresponsal da Radio Pirenaica podía supoñer o cárcere.

A Radio Pirenaica ofrecía o abrazo solidario na reivindicación, na protesta polas indignas condicións laborais, polas condicións xerais dunha vida que se quería católica e confesional.

"Torreblanca" escribía na súa carta do 18 de novembro de 1963: "El pueblo jamás perdonará a los que en estos momentos hagan oídos sordos, negándose a responder al gran esfuerzo urgente de la unidad [...] unidos la mano dentro de la mano para romper las cadenas de la opresión, y construir juntos una verdadera democracia donde la libertad y los derechos del hombre sean una realidad. Pero ante todo Unidad, y con unidad venceremos".

Desde o PCG e Esquerda Unida recollimos a tradición desa loita e desa memoria, e avanzamos, desde esa ferramenta que é AGE, na unidade da esquerda transformadora para termos unha Democracia digna dese nome.

No hay comentarios: