lunes, 14 de abril de 2014

Verbas de Xesús Redondo Abuín polo 14 de Abril



¡SEMPRE REPÚBLICA!

A barbarie que o 18 de xullo de 1936 se alzou en armas contra a forza da palabra di agora que o mellor é esquecelo todo. Non recordar. Porque nos dous bandos houbo, din, atrocidades. Certo. Pero esa certeza non é toda a verdade. Falta dicir que o 16 de febreiro de 1936 o Frente Popular gañou coa forza da palabra 52 deputados máis que a suma dos deputados que gañou o Frente de Dereitas. E que o Frente de Dereitas gañou 52 deputados menos que o Frente Popular. E que eles foron os que non acataron o resultado. E que foi desde esa derrota democrática que non acataron desde a que os capataces armados do Frente de Dereitas fixo correr o sangue a cántaros por todos os pobos de España. Esa é a diferenza entre o veraz e o falso. Logo entonces está ben claro: un dos bandos cometeu as atrocidades que cometeu defendendo lexitimamente a legalidade republicana e o outro cometeunas contra toda lexitimidade. E aínda hai outra razón colosal a constatar, esta é, aquí está: desde que o bando vencedor anunciou que o bando vencido estaba cativo e desarmado, desde que proclamaron que a guerra estaba terminada, os envorcados ó exilio foron medio millón, os paseados e os fusilados foron 200.000 e 3.000.000 os comestos pola tuberculose e a friaxe de xulgado en xulgado e de cárcere en cárcere. Son miles os que aínda hoxe non se sabe onde foron debruzados ó nunca máis ¡Gloria a todos aqueles e a todas aquelas que preferiron morrer de pé a vivir unha vida de gando!

Hoxe é un bo día para dicir SEMPRE REPÚBLICA. MONARQUÍA NUNCA MÁIS. A monarquía é un anacronismo inaceptable. E hai incongruencias que eu non me explico. Di Elena Valenciano que ela é socialista. Pero non o é. Todos lle oímos dicir hai uns días que ela cree en Juán Carlos porque veu cos seus propios ollos como salvou o 23F a democracia. Pero eu vin outra cousa. Vin como non mandou firmes cando tiña que habelo mandado para terminar co ruído de sables nada máis que os sables empezaron a sonar. Vin como a media tarde do 23F entrou Tejero no Congreso a grito de todos al suelo mentres Juán Carlos gardou silencio ata altas horas da madrugada. Aquel bochorno tivo lugar porque el que era o supremo mando das forzas armadas non mandou firmes ata a madrugada. Teño para min que con astucia calculada. Outro que tamén se di socialista pero non o é: o  locuaz Rodríguez Ibarra. Preguntado se era monárquico ou era republicano, contestou co seguinte estrambote: en España houbo dúas repúblicas e coas dúas lle foi mal a España ¿É que acaso lle foi mellor con Pavía e con Franco? ¡Vaites, vaites!

No hay comentarios: