martes, 1 de julio de 2014

NON á reincorporación de Domingo Neira á docencia na USC




O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA E ALEAS-EU OPÓÑENSE A QUE DOMINGO NEIRA GARCÍA SE REINTEGRA Á DOCENCIA NA USC

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA E ALEAS-EU DEMANDAN QUE DENDE AS DISTINTAS INSTITUCIÓNS PÚBLICAS SE DEBE DAR EXEMPLO NA LOITA CONTRA A HOMOFOBIA.

O Consello Comarcal de EU Compostela e ALEAS-EU manifestamos a nosa total repulsa e condena á homofobia aínda hoxe existente na sociedade, e reiteramos o noso compromiso na loita contra a erradicación desta lacra que atenta contra os dereitos do colectivo LGTBI

No día de hoxe, fíxose público que o profesor Domingo Neira García, o docente homófobo e misóxino de Maxisterio Infantil ao cal se lle abrira un expediente polas súas leccións de odio, reintégrase á docencia na USC, logo de cumprir unha sanción disciplinaria (suspensión da posibilidade de impartir clases e retirada de soldo, durante dous meses) como consecuencia das denuncias do alumnado contra esta persoa.

Non se pode permitir que a USC reincorpore a Domingo Neira na docencia, e máis aínda despois de que o mesmo órgano directivo da universidade emitise un comunicado o pasado día 28 de xuño – Día Internacional do Orgullo LGTBI – declarando e manifestando o seu compromiso coa comunidade LGTBI e que traballará a favor da igualdade entre persoas con independencia da súa orientación sexual.

Ao reincorporar ao profesor Neira, a Universidade de Santiago de Compostela denota que as súas palabras están baleiras, que a única finalidade de dito comunicado é favorecer a súa imaxe. É dicir, que nos utilizan, que non pensan no seu alumnado nin cren na igualdade senón que defenden a unha persoa que incita ao odio, poñen de manifesto que non lles preocupa o alumnado, moito menos o que pertence ao colectivo LGTBI.

O estudantado compostelán e a cidadanía en xeral non deben e non poden aturar que unha institución pública como a USC integre elementos  reaccionarios e retrógrados, que se forme aos mestres e mestras do futuro no odio e na discriminación, en mentiras máis propias do franquismo.

A impasibilidade desta universidade ante as diversas denuncias do alumnado, sentan precedentes para que a nosa resposta ante esta situación sexa aínda máis contundente. O estudantado e o colectivo LGTBI esixe a retirada de Domingo Neira da docencia, e esixímolo xa. Do contrario, xa advertimos de futuras accións e mobilizacións no próximo curso académico.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) sumámonos e volvemos a reiterar as queixas e esixencias de expulsión que no seu día demandara o alumnado de maxisterio da USC contra este profesor. FÓRA DOMINGO NEIRA DA USC! FÓRA A LGTBIFOBIA DA UNIVERSIDADE!.

No hay comentarios: