martes, 1 de julio de 2014

Defensa emprego estable e de calidade



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defendeu, defende e defenderá que o Concello sexa parte activa na loita por acadar a consecución de emprego estable e de calidade, que non é un privilexio, se non un dereito de todas as veciñas e veciños.

Por suposto sabemos que a Administración Local ten certas limitacións para actuar de maneira potente nas políticas de emprego, sendo outras administracións a que teñen moitísima maior capacidade de incidencia neste eido.

Dito isto, a deficiente atribución de competencias ao Concello, non pode ser escusa baixo a que amparar a imcompetencia que leva demostrado o PP no goberno local. A Administración Local pode actuar tanto activamente, como tamén concienciando, esixindo ou denunciando o que sexa necesario para acadar o dereito a un emprego estable e de calidade para a cidadanía.

O Concello pode, e ten a obriga de actuar de maneira directa nas políticas de emprego, establecendo, por exemplo, nos pregos de condicións de obras e servizos  municipais primar ás empresas que procuren emprego estable e introduzan  criterios de redución da xornada laboral (35 horas semanais) asociados á creación de  emprego.

Tamén debe, por exemplo, e como xa demandamos en reiteradas ocasións, introducir, tralo pertinente debate participativo, as cláusulas sociais nas licitacións que leve a cabo co fin de acadar a calidade no emprego, tanto en salarios como en outros dereitos laborais. Tamén buscando a promoción laboral das persoas en situación máis desfavorecida, como por exemplo, persoas con discapacidade ou diversidade funcional, e para evitar as situacións de risco de exclusión social. Por suposto priorizando nestas cláusulas pequenas empresas e autónomos locais

Outra medida que, por exemplo, debe acometer o Concello é a reserva consensuada cos axentes sociais dunha porcentaxe a determinar dos contratos que realice o Concello destinada a entidades de economía social (por exemplo, empresas de inserción e centros especiais de emprego).

Por último todas estas medidas, e moitas máis que dende o servizo público que é o Concello se poderían facer, vanse ver obstaculizadas, cando non impedidas, pola Reforma Local levada a cabo polo Partido Popular. É necesario pular pola súa derrogación e apoiar o recurso contra esta lei presentado ante o Tribunal Constitucional.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Abrir o pertinente debate cos sindicatos, asociacións e outras organizacións interesadas, para elaborar a listaxe de condicións que deben aparecer nas licitacións e contratos que faga o Concello con fin de acadar un emprego estable e de calidade na cidade.

Segundo. Adquirir o compromiso de aplicar aos novos pregos de contratación as condicións ou cláusulas sociais que se aprobaran

Terceiro. Sempre que sexa posible remunicipalizar calquera servizo municipal que nunca debeu deixar de ser público, en caso contrario non prorrogar os contratos vixentes, e cando expiren redactar uns novos no que aparezan as condicións e cláusulas aprobadas.

Cuarto. Mostrar o rexeitamento do Concello á Reforma Local e apoiar o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional.

No hay comentarios: