O CONSELLO
COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ESIXE
A APLICACIÓN DAS NORMAS DA LEI DE ACCESIBILIDADE UNIVERSAL.
O
CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA SOLIDARÍZASE CON ÁNXELA LÓPEZ, QUE AGARDA
QUE O CONCELLO GARANTA A IGUALDADE ENTRE TODAS AS PERSOAS.
Desde hai anos o Consello Comarcal de Esquerda
Unida Compostela leva denunciando e presentando iniciativas no Concello para
que se avance na accesibilidade universal. Para que ningunha persoa con
diversidade funcional se vexa sometida a atrancos que non fan máis que vulnerar
dereitos de cidadanía.
Por iso, entre outras iniciativas, o pasado 12 de
novembro de 2010, presentamos unha moción na que pedíamos a eliminación de
todos os bordos elevados que houbera nos pasos de peóns, ou, o pasado 25 de
abril de 2011, outra moción na que expoñiamos a distinta normativa que obriga a
certas características, tanto na súa sinalización como dimensións, nas prazas
de aparcamento na vía pública para as persoas con discapacidade física.
O Concello de Santiago non pode seguir ignorando
que na súa cidade hai centos de persoas con diversidade funcional e que
precisan que a administración máis próxima a elas sexa garante dos seus
dereitos. O Consello Comarcal de EU
Compostela non pode aceptar que, en nome do austericidio, se lle poñan máis
impedimentos a estas persoas. Estamos comprobando os efectos devastadores dos
recortes practicados pola dereita de tal forma que desaparecen os iniciais
avances que se deran coa chamada Lei de Dependencia: persoal acompañante e coidador,
salarios, posibilidades de emprego, acceso a unha vivenda digna adaptada, etc.
Todo se desvanece.
O día a día vólvese unha particular carreira de
obstáculos, inadmisible en Democracia. As beirarrúas, como temos denunciado en
diversas ocasións, convértense en atalaias fortficadas imposibles de sortear
para persoas que teñen mobilidade reducida. Os autobuses urbanos públicos non
están adaptados, nin eles, nin o mobiliario urbano das propias paradas. Mais
tampouco o están os que realizan os enlaces metropolitanos cos concellos
limítrofes: tentar desprazarse, por exemplo, ao concello de Brión é tarefa
imposible. E viceversa, para unha persoa con mobilidade reducida, que teña que
empregar cadeira de rodas, vir a Santiago é toda unha odisea. Os accesos para a
realización de tarefas administrativas de carácter público non melloraron
(desde logo chama a atención que non se aplique a estas persoas unha forma
evolucionada, adaptada ás súas necesidades, para a realización das mesmas,
máxime cando desde a Xunta de Galicia se proclama que vivimos na era dixital).
Se o público non mellorou, tampouco o fixeron os espazos privados en que se
atende ao público en xeral, tal como bancos, onde os caixeiros son imposibles
para persoas que se moven en cadeira de rodas.
Por iso, e porque Esquerda Unida Compostela leva
demandando a aplicación das normas da lei de accesibilidade universal, este Consello
Comarcal solidarízase coa veciña de Santiago, Ánxela López, que agarda, agora
coa venia dos xulgados, e tres anos despois de ter realizado a denuncia, que o
Concello de Santiago responda á súa obriga constitucional de garantir a
igualdade entre todas as persoas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario