viernes, 29 de noviembre de 2013

Moción polo día mundial de loita contra o VIH/Sida



En España estímase que cada ano contraen o virus entre 3.500 e 4.000 persoas, afectando xa a un total de 150.000 persoas. Dos novos diagnósticos, un 45% son tardíos, o que complica non só a posta en marcha do protocolo sanitario senón a recuperación da propia persoa. Na actualidade, prodúcense anualmente máis de 1.000 mortes ao longo de todo o Estado español por enfermidades asociadas á Sida. Ademais, unhas 50.000 persoas que contraeron o virus descoñece que o ten, supondo un terzo do total, o que aumenta as posibilidades de infección a terceiras persoas, sendo de feito este descoñecemento o causante de máis do 70% das novas transmisións.

Fronte ao que supón un problema de saúde pública de primeira orde atopámonos cun recorte orzamentario na dotación do Plan Nacional sobre a Sida dun 80%, pasando dos 4,5 millóns de euros cos que contaban as entidades implicadas en 2011 a tan só 1 millón de euros para 2013. Esta importante redución leva inexorablemente á desarticulación dos servizos de atención ás persoas que viven con VIH, así como dos servizos e campañas de prevención que viñan desenvolvendo tanto a nivel estatal, autonómico e local, sempre baixo o paraugas do Plan Nacional sobre a Sida.
 
Aos recortes en prevención súmanse as carencias no control da infección por VIH, estratexia fundamental de cara a frear a pandemia e alcanzar o obxectivo dunha xeración sen VIH/Sida. Por unha banda exércese a desprotección fronte ás persoas afectadas, cos riscos derivados en canto á súa saúde e a da súa contorna, posto que fronte ao descontrol e a desinformación as posibilidades de transmisión do virus a outras persoas increméntase exponencialmente, o que supón un anunciado incremento na incidencia de VIH na poboación. Cabe lembrar neste senso que os custos en tratamento sempre serán moito maiores que os custos en prevención e control, non só nun sentido estritamente económico, senón tamén en termos de saúde pública e calidade de vida.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. . Solicitar ao equipo de goberno deste Concello o desenvolvemento dunha campaña informativa de prevención de VIH no ámbito municipal que fomente o uso do preservativo e conciencie á poboación sobre a necesidade de facerse a proba de detección, pois un diagnóstico precoz do VIH asegura unha mellor calidade da saúde e abarata os custos sanitarios. Esta campaña debe ir especialmente dirixida á mocidade, así como á poboación máis vulnerable: os homes que teñen sexo con homes (HSH), e á poboación máis exposta, como é o caso das mulleres e homes que exercen a prostitución.

Segundo. . Solicitar ao Concello o apoio e colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos ás persoas que viven con VIH afincadas no municipio, co fin de suplir as carencias derivadas do drástico recorte de financiamento ao Plan Multisectorial sobre a Sida.

Terceiro. Solicitar á Consellería de Sanidade o reforzo e promoción do Proxecto de detección precoz do VIH, por medio das probas anónimas de detección rápida de VIH, nos centros debidamente autorizados pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. De igual maneira, que garanta a asistencia sanitaria e o acceso ao tratamento antirretroviral a todas as persoas afectadas de VIH, incluídas as persoas refuxiadas e inmigrantes, xa que este colectivo supón unha parte relevante dos novos diagnósticos.

Cuarto. Instar á Consellería de Sanidade a que retire o copago sanitario dos fármacos de dispensación hospitalaria, medida que repercute negativamente tamén nos pacientes con VIH/Sida, posto que algúns destes fármacos son necesarios no tratamento de enfermidades asociadas ao VHI/Sida. En tanto esta modificación non é adoptada, emprázase ao Concello a adoptar as medidas que considere oportunas para evitar unha situación de fracaso terapéutico e exclusión socio-sanitaria daquelas persoas que non poidan asumir o copago sanitario.

Quinto. Solicitar ás Consellerías de Sanidade e Educación desenvolver conxuntamente co concello un plan de concienciación e prevención da infección do VIH nos centros sanitarios e educativos. Devanditos plans deben facer fincapé na educación sexual das beneficiarias, en especial as persoas novas, ao caracterizarse este como o medio máis eficaz e económico de prevención de riscos na transmisión do VIH e outras ITS

Sexto. Emprazar á Consellería de Sanidade a que adecúe a catalogación da infección por VIH como enfermidade infecto-transmisible en lugar de enfermidade infecto-contaxiosa, de cara a evitar situacións discriminatorias no acceso a bens e servizos das persoas que viven con VIH/Sida.

Sétimo. Dar conta deste acordo a todas as persoas e grupos de interesados, en particular as ONGs implicadas na loita contra o VIH/Sida

No hay comentarios: