O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA
DENUNCIA O COMPORTAMENTO TOTALITARIO DO GOBERNO DE CONDE ROA
A censura e a
vulneración da liberdade de expresión non deben nin poden ter cabida nunha
democracia digna dese nome. Pero o goberno de Conde Roa semella descoñecer as
esencias do sistema democrático que afirma defender. Esquerda Unida Compostela
considera inadmisible os recentes ataques á liberdade de expresión e a
aplicación deliberada da censura e da manipulación como formas de goberno.
En poucos días
asistimos a unha sucesión de actos desde o Concello de Compostela e a Xunta de
Galicia que revelan moi ben de que tecido están feitas as máscaras coas que,
hipocritamente, se revisten para gobernarnos. Estamos ante unha dereita
reaccionaria que quere silenciar toda contestación, todo exercicio de crítica,
e quere agochar calquera reivindicación contra o marco xeral dunhas políticas
nefastas para o ben público.
Blanca Cendán,
cesada, por ousar ceder un teatro ao gremio que fai e procura sobrevivir -con
dificultades- da arte teatral. Leo Bassi, silenciado, por incardinar a radical
liberdade de expresar outras sensibilidades presentes no mundo actual e
denunciar o marco establecido dos dogmas da igrexa católica. O Correlingua,
manipulado e vilipendiado, por ousar reivindicar a normalización da lingua
galega na súa propia terra e por querer facer da lingua galega o elo formador
da nosa identidade como pobo. Todos coñeceron nestes días como as gasta a
dereita cando un ousa expresarse de forma libre e crítica.
O Consello
Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que a dereita vive na súa
caverna, rodeada de demagoxia e monstros imaxinarios. Somos sabedores que
procurarán xustificar o inxustificable e empregarán argumentos peregrinos para
facelo e haberá quen os defenda.
Pero hoxe,
Compostela e Galicia perden cultura, perden liberdade de expresión, perden, en
definitiva democracia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario