miércoles, 24 de julio de 2013

Contra o peche da CABES



O CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA OPONSE AO PECHE EN AGOSTO DA CASA DAS ASOCIACIÓNS DE BENESTAR SOCIAL (CABES)

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE AO CONCELLO QUE PRIORICE AS SÚAS ACTUACIÓNS, INVESTINDO EN GASTO SOCIAL E NON EN ACTUACIÓNS COSMÉTICAS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifesta que os Concellos deben velar por prestar servizos sociais que a cidadanía demanda e precisa.

A Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES) é un espazo hoxe xa considerado polo sector social imprescindible. As asociacións que velan polo benestar social e que favorecen a igualdade de oportunidades teñen na CABES o seu espazo onde atender ás persoas que veñen a solicitar a súa axuda.

Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela entendemos que un espazo así, en tempos en que as necesidades das persoas se ven incrementadas día a día polo abafante clima de recortes, non pode pechar as súas portas. E isto semella que é o que pode acontecer durante o mes de agosto.

Se a xustificación é aforrar o salario necesario para que o centro se manteña aberto durante o mes de agosto, resultaría aínda máis anoxante, considerando os gastos superfluos nos que se embarca o Concello de Compostela.

O peche da CABES prexudica aos colectivos ao atrancar, de forma clara, a atención ás persoas que acoden a solicitar información e axuda. As asociacións e as persoas que dependen delas precisan de estabilidade. Lembremos que a Asociación de Xordos, por exemplo, mantén un servizo de intérpretes nesas dependencias.

Que quere o Concello? Que trasladen por un mes todos os seus arquivos, expedientes e demais información? Non podemos esquecer que durante o mes de agosto as asociacións poden recibir un requirimento de documentación por parte da administración e se a CABES está pechada resulta obvio que non poderían atender dito requirimento.

En tempos de naufraxio, a igualdade de oportunidades debe ser prestada de forma plena pola administración pública. Xa resulta claro que son as asociacións de todo tipo as que atenden as necesidades dos colectivos máis desfavorecidos. Mais, por riba, que sexa a administración pública a que lle poña atrancos merece toda a nosa repulsa.

O Consello Comarcal de  Esquerda Unida Compostela entende que o departamento dos servizos sociais, do benestar social do Concello non funciona como deberan funcionar. Estanse producindo movementos de persoal dos servizos sociais para outros servizos municipais e preguntámonos as razóns. Isto pon en perigo o mantemento de certos servizos.

Esiximos que non se suprima ningún servizo e que, na medida do posible, se poñan en marcha os mecanismos precisos para que durante o mes de agosto as necesidades das persoas se vexan atendidas de forma plena polo Concello de Santiago.

martes, 23 de julio de 2013

Crítica ás medidas levadas a cabo no Refuxio de Bando



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA LAMENTA AS DECISIÓNS DO CONCELLO RELATIVAS AO REFUXIO DE BANDO QUE SUPOÑEN RECORTES NOS SALARIOS E AUMENTO DE TAXAS. 

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CONSIDERA  QUE AS MEDIDAS ADOPTADAS NON RESOLVEN OS ACTUAIS PROBLEMAS DO REFUXIO E SON UN NOVO LASTRE NO SEU FUNCIONAMENTO.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, no seu interese polo benestar dos animais, rexeita as decisións tomadas pola Concellería de Medio Ambiente en relación ao Refuxio de Bando.

Manifestamos a nosa oposición as actuais medidas anunciadas que, como é costume no Partido Popular, supoñen recortes nos salario das empregadas e empregados do refuxio e un elevado aumento nas taxas de adopción.

O aumento das taxas e o cobro de servizos antes incluídos no prezo da adopción, como é a esterilización, provoca que non exista apenas diferenza económica entre adoptar un animal  no Refuxio de Compostela ou comprar un. Desta forma se fai  imposible o que debería ser un dos obxectivos da Concellería de Medio Ambiente: fomentar e promover  na sociedade a adopción de animais abandonados fronte a compra. En contra do afirmado, os prezos estipulados non distan dos de empresas privadas, en ocasións incluso menores, sendo o seu obxectivo o lucro privado e non a defensa dos dereitos dos animais.

Na nosa opinión, as medidas anunciadas son o derradeiro lategazo ao Refuxio de Bando.  O aumento dos custos da adopción, en tempos de crise, suporá a inevitable baixada nas adopcións e definitivamente o desmantelamento dun refuxio de titularidade e xestión pública.

Dende O Consello Comarcal de EU Compostela consideramos que estas medidas non atacan o problema real do Refuxio de Bando. Reiteramos a nosa proposta, e a de outras organizacións, da realización dunha avaliación do actual funcionamento do Refuxio, acometendo unha reestruturación onde se asegure unha xestión organizativa e económica transparente e pública, primando sempre o benestar dos animais.

En relación ás voluntarias e voluntarios esperamos que as normas aprobadas sexan  acordes coa Lei de Voluntariado, recollendo as súas funcións, deberes e dereitos; rematando coas polémicas anteriores e garantindo o respecto ao voluntariado que de forma altruísta dedica o seu tempo.

lunes, 22 de julio de 2013

Valoración Pleno xullo



VALORACIÓN PLENO ORDINARIO DO 18 DE XULLO.

Proseguindo co traballo municipal o representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez Freire, acudiu ao Pleno ordinario do mes de xullo para valorar o que alí se faga ou diga.

En primeiro lugar consideramos inadmisible o comentario de María Pardo sobre nacional socialismo para referirse ao BNG e PSdeG, se non teñen medidas que debater e carecen de propostas que beneficien á maioría social, polo menos que non insulten.

No tocante ao Pleno, apoiamos a resolución de apoio ao pobo saharaui, mais esiximos que sexan algo máis que palabras e que se leven a cabo medidas reais e efectivas para acadar e defender os dereitos que se demandan.

Clara mostra da nefasta xestión do Partido Popular é que un mes despois de aprobar os orzamentos teñan que levar a pleno unha modificación de orzamento e unha modificación orzamentaria.

Estes puntos da orde do día tamén demostran a ingobernabilidade que acredita a xestión do equipo de goberno de Currás, pois tralas protestas da oposición, ao considerar que non estaban debidamente convocados e faltaba información, o PP tivo que sometelos á convalidación para poder debatelos grazas a súa maioría.

É inadmisible o que o Partido Popular está a facer coa xestión económica do Concello, pois, ademais de hipotecar o futuro das futuras corporacións, sementa dúbidas e máis dúbidas sobre as medidas que realiza.

Outra cuestión debatida no Pleno, rexeitada polos votos do PP, foi a proposta do BNG de creación de axudas de material escolar destinadas ás familias que máis o precisen.

Consideramos que neste, e outros temas, o Concello ten que prestar o servizo público de apoio económico ás veciñas e veciños que o precisen, priorizando o gasto social fronte a actuacións cosméticas e superfluas na cidade.

Como é habitual o Pleno rematou con varios rogos, preguntas e mocións.

sábado, 20 de julio de 2013

Valoración obras estanque da Alameda



O CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONSIDERA NECESARIO MANTER EN BOAS CONDICIÓNS OS ESPAZOS PÚBLICOS DA CIDADE SEN REALIZAR GASTOS SUPERFLUOS E INÚTILES.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA PIDE QUE AS OBRAS QUE SE REALICEN NO ESTANQUE DA ALAMEDA SEXAN AS ESTRITAMENTE NECESARIAS PARA O SEU MANTEMENTO E REPARACIÓN DE FILTRACIÓNS.
 
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario manter en condicións óptimas os espazos públicos da cidade, as beirarrúas e estradas, os parques e o mobiliario urbano.

As obras que se realicen no estanque da Alameda deben ter como obxectivo solucionar os  problemas existentes, como é o arranxo das actuais filtracións de auga. Dende o Consello Comarcal opoñémonos a calquera outro tipo de actuación de dubidosa prioridade e ademais de alto custo e complicado mantemento.

É obriga do Concello, aínda máis se cabe nesta crise-estafa, realizar unha boa xestión dos cartos públicos, investir en benestar social, en axudas aos máis desfavorecidos, promover o emprego, fronte aos gastos superfluos.

Por outro lado, o Consello Comarcal de EU Compostela  pronunciamos o noso rexeitamento taxante a incorporación de aves no estanque da Alameda. O Concello de Santiago xa demostrou que, incumprindo a Lei 1/1993, do 13 de Abril, de Protección de Animais domésticos e salvaxes en catividade de Galicia, non leva a cabo a súa obriga de manter en boas condicións aos animais que viven nos parques municipais.
 
Dende o Consello Comarcal xa denunciaramos a lamentable situación na que se atopan os parrulos do Auditorio e o abandono do Concello das súas funcións de facilitarlles unha alimentación adecuada, unhas condicións hixiénicas e sanitarias, e unhas instalacións  acordes as necesidades destes animais.

Manifestamos o noso rexeitamento e a preocupación que nos transmite a veciñanza de que a situación do Auditorio se repita no estanque da Alameda. Recordámoslle ao goberno do Partido Popular que é a súa responsabilidade asegurar aos animais que habitan nos parques municipais unhas condicións de vida respectuosas e éticas.

viernes, 19 de julio de 2013

Imputación Benardino Rama



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA QUE O ESCÁNDALO CONTINUADO  LESIONA A DEMOCRACIA E A IMAXE DO CONCELLO E PEDIMOS, RESPECTANDO A SÚA PRESUNCIÓN DE INOCENCIA, A DIMISIÓN DE TODOS OS CARGOS PÚBLICOS IMPUTADOS EN CASOS DE CORRUPCIÓN.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE, UNHA VEZ MÁIS, O ADIANTO DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS COMO SOLUCIÓN PARA A REXERACIÓN QUE ESTE CONCELLO PRECISA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela pide a dimisión do concelleiro Benardino Rama pola súa imputación no proceso xudicial denominado “Pokemon”

Como sempre respectamos a presunción de inocencia, e será a xustiza  tralo debido proceso xudicial quen ditamine, en bases as leis, a posible culpabilidade dos diferentes concelleiros e concelleiras de Santiago nos delitos que se lle acusan, pero consideramos que por respecto as veciñas e veciños, calquera persoa imputada na Pokemon debe dimitir.

Esiximos ao señor Benardino Rama que por ética presente a súa dimisión, a cidadanía non pode seguir soportando o execrable espectáculo que está a acontecer no Concello de Santiago, o fedor a corrupción que emana desta institución supón un grave perigo para a mesma Democracia.

Non se pode permitir que a decrepitude ética do PP e o PSOE continúe, por decencia os cargos públicos imputados en casos de corrupción deben dimitir de inmediato, en caso contrario terán que ser os máximos responsables dos seus partidos políticos os que deben actuar cesándoos de todas as súas responsabilidades, censurando publicamente a súa execrable actuación e reclamándolles a dimisión.

Por iso unha vez máis, esiximos, por hixiene democrática, que se leve a cabo o adianto de eleccións municipais para que a cidadanía, coa voz do seu voto, decida o futuro que quere para Santiago.

Por último se a covardía e ineptitude de Ángel Currás e Francisco Reyes, como máximos responsables do PP e PSOE respectivamente, non permite avanzar para que sexa a Democracia a que decida o porvir da cidade, non unha innecesaria e prexudicial xestora ou troica, ten que ser o presidente da Xunta de Galicia Núñez Feijoó e o actual secretario xeral do PSdeG, Manuel “Pachi” Vázquez, os que cumpran coa súa obriga, pidan a disolución do Concello e a inmediata convocatoria de eleccións.

Por suposto non se trata de que nin o PP nin o PSOE troquen de persoas, pois o problema son as políticas levadas a cabo ata o de agora, as mesmas que provocaron esta crise-estafa que a maioría social padece e que, como a diario se pode comprobar, son o caldo de cultivo perfecto para a corrupción, que a xustiza está a investigar, e que acredita suficientemente o necesario adianto electoral das municipais, para que a cidadanía teña a voz que permiten as urnas para decidir que futuro político quere para a nosa cidade