miércoles, 18 de septiembre de 2013

Moción contra o fracking



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe que o Concello, e calquera outra administración pública, vele por garantir o respecto ao medio ambiente mediante medidas efectivas.

A fractura hidráulica ou fracking é unha técnica para a extracción de gas non convencional que supón na actualidade importantes interrogantes sobre a saúde das persoas e sobre as afeccións ao medio ambiente, tanto nos usos agrícolas do solo, como as relacionadas co medio natural, fundamentalmente pola posibilidade real de contaminación dos acuíferos subterráneos e, a partir deles, da auga superficial dada a inxección de produtos tóxicos e contaminantes que resultan imprescindibles nesta técnica. Ademais representa unha ameaza sobre a seguridade en materia de riscos xeolóxicos a raíz dos movementos sísmicos que poderían producirse. 

O fracking supón tamén unha alta ocupación do territorio dada a cantidade de pozos que deberían realizarse para optimizar a explotación, a necesidade de crear balsas para acumular a auga contaminada e o elevado tránsito de vehículos con cisternas para evacuar o gas. Este modelo de desenvolvemento tería graves impactos nas actividades que manteñen o medio rural, como a agricultura, gandería e o turismo, ademais das afecciones ao medio ambiente.

Estas circunstancias fan incompatible o fracking cos obxectivos decididos por Europa para un modelo de desenvolvemento sostible, incumprindo varias normas, especialmente a Directiva Marco da Auga.

Un informe elaborado pola Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade do Parlamento Europeo manifesta os riscos que pode xerar a utilización desta técnica, motivando que varios Estados da Unión Europea aprobaran unha moratoria ou prohibición.

En España, a Comunidade Autónoma de Cantabria e A Rioxa lexislaron a prohibición do fracking, e outras están en tramitación de Proposición de Lei coa mesma finalidade.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Que o Concello manifeste o seu rexeitamento á utilización da técnica da fractura hidráulica ou fracking na actividade de explotación e extracción de gas non convencional, e declare a Santiago de Compostela “municipio libre de fracking”, como garantía de saúde das persoas, protección do noso medio ambiente e os recursos naturais.

Segundo. Que o Pleno inste ao Parlamento Galego, trala moratoria de suspensión aprobada por unanimidade, a elaborar, á maior brevidade posible, un proxecto de Lei que prohiba en Galicia o fracking.

Terceiro. Instar ao Goberno do Estado a aplicar o “recurso ao principio de precaución” prohibindo como Estado Membro da Unión Europea nos seu ámbitos competencias o emprego da técnica da fractura hidráulica ou fracking por demostrarse os seus nefastos efectos potencias sobre o medio ambiente e a saúde das persoas.

No hay comentarios: