viernes, 25 de mayo de 2007

EN DEFENSA DA PRAZA PÚBLICA DE SALGUEIRIÑOS

Esquerda Unida-IU comprométese co proxecto inicial para a construción da Praza Pública de Salgueiriños

Esquerda Unida-IU, a través do seu cabeza de lista e candidato á Alcaldía do Concello de Santiago, Xabier Ron, manifestou, no encontro mantido o luns 21 de maio, o seu pleno apoio ás reivindicacións da Plataforma Praza Pública de Salgueiriños. Esquerda Unida-IU comprometéuse para que se proceda a darlle vida ao proxecto inicial do arquitecto Gallego Jorreto, aprobado en pleno dun xa lonxano 29 de xullo de 1994.

O compromiso de Esquerda Unida coa defensa dos espazos públicos é algo que figura ancorado no seu ideario e na súa acción programática. O proxecto inicial de Gallego Jorreto mantén premisas primordiais que farían da praza pública un claro exemplo de multifuncionalidade ao servizo das persoas: intercambiador urbán en superficie, aparcadoiro, espazo cuberto de usos múltiples (concertos, feiras, mercados, etc.), espazos abertos, alameda, carballeira, recuperación do río Corgo, isto é, todo un conxunto de actuacións que reflicten a necesidade non só de manter o proxecto inicial, senón de levalo a cabo de forma inmediata.

O criterio economicista empregado por Sánchez Bugallo non ten moito sentido, cando vemos que grandes obras sepultarán 50 millóns de euros ao ano e que, el mesmo, no seu programa electoral, incorpora promesas de obras (teleférico á Cidade da Cultura) que suporán un enorme custo e unha escasa rendibilidade social comparado co que se propón na Praza Pública de Salgueiriños.

Para Esquerda Unida-IU o primeiro é a rendibilidade social, por iso, reiteramos o noso firme compromiso por someter a concurso de ideas canto antes o proxecto de Gallego Jorreto e comezar a construir un espazo necesario para o futuro desenvolvemento da nosa cidade.

Santiago, 22 de maio de 2007.

No hay comentarios: