sábado, 26 de mayo de 2007

PROGRAMA: DESENVOLVEMENTO DO RURAL

11. Por un proxecto global de desenvolvemento do rural

A desestruturación do territorio comeza coa perda de habitabilidade –a ordenación racional non debería anular o artigo da Constitución, o dereito a unha vivenda digna- e coa constante de favorecer a emigración rural-urbano e destinar o rural a novas urbanizacións destinadas a unha clase económica máis pudente que non só non demanda melloras para a zona, xa que non os precisa ao vivir na burbulla-gueto que é unha urbanización de vivendas unifamiliares de deseño: saneamento, rede eléctrica, etc…, senón que seguirá facendo uso das estruturas do núcleo urbán. De aí a desidia das corporacións municipais en atender como se merecen as parroquias rurais do Concello de Compostela.

Outros feitos, loxicamente, xa ligan con esta situación: ausencia de infraestruturas elementais, reducida accesibilidade a servizos básicos que si se ofertan no núcleo central, unha nefanda política de emprego que non ten en conta as características do rural compostelán, e unha acusada carencia de oferta educativa e cultural.

Está na poboación do rural a preocupación do desprazamento constante ao núcleo urbán para recibir unha asistencia sociosanitaria. A tales efectos, como xa mencionamos con anterioridade, é fundamental a elaboración dun censo de persoas con necesidade de atención sociosanitaria. Así, poderemos concretar as medidas de actuación.

Os desprazamentos para unha mocidade que desexa formarse, ou disfrutar do ocio ou dos actos culturais que se ofrecen no núcleo son, hoxe por hoxe, en zonas como Enfesta ou para os da zona de Grixoa, ou para os da Sionlla, dificultosos pola ausencia dunha planificación de transporte público sustentable e de calidade. Esta circunstancia agrávase no caso das persoas maiores ou dependentes, xa que nalgunhas zonas como na parroquia de Verdía non hai enlace directo coa cidade en autobús, obrigando ás persoas a realizar un custo económico grande en taxis para poder asistir ao médico, por exemplo. As deficiencias sociosanitarias reflíctense, por exemplo, no difícil que pode ser para unha persoa maior que vive soa e con reducida mobilidade recibir un simple medicamento cando no contorno máis inmediato non existe ningunha farmacia.

Non ten ningún sentido declarar que unha zona é reserva agropecuaria e non artellar un traballo agropecuario destinado a desenvolver, respectando as condicións ecolóxicas e medioambientais, unha vida digna no rural.

Propostas:

· Plena integración no proceso de creación da democracia participativa: Asembleas de Parroquia e Plans de Parroquia

· Dotación de infraestruturas que constrúan un territorio cohesionado socialmente.

· Modernización e integración na rede informática para favorecer a formación, información e participación.

· Descentralización de servizos para dar unha axeitada cobertura sociosanitaria no rural; impulsar a creación de cooperativas de Atención Social como medio de emprego.

· Medidas de axuda para o desenvolvemento da agroecoloxía.

· Acceso normalizado á oferta educativa e cultural.

· Plans de formación de emprego destinados a persoas que viven na zona con vistas a crear cooperativas que se fundamenten no traballo agropecuario; [a tales efectos, establecer as canles precisas para que os procesos formativos –ciclos- se adecúen a esa realidade].

· Creación de feiras e mercados con vistas a darlle saída aos produtos elaborados polas cooperativas.

· Descentralización dos servizos de atención social, creando equipos, a ser posible con persoas do contorno, que atendan as necesidades xeradas pola idade ou a dependencia e así cumprir coa prioridade de favorecer o desenvolvemento da autonomía das persoas no seu contorno xeográfico, familiar e sociocultural.

· Estudar a viabilidade dunha farmacia destinada a solucionar o problema de abastecemento que neste sentido experimentan os veciños e veciñas das doce parroquias do vello concello de Enfesta. Complementaremos dita creación cun servizo de distribución de produtos farmaceúticos a domicilio (telefarmacia).

· Recuperación do patrimonio rural como valor paisaxístico e como un valor que cohesiona a identidade e o territorio, pero tamén como un recurso para a dignificación do noso agro mediante a creación de rutas de sendeirismo ben delimitadas, ben coidadas, respectuosas co contorno, dotadas de puntos informativos claros. Crearanse servizos de guía e oferta de actividades.

· Proceso habitacional para as persoas de rural. Cómpre prestar especial atención ao tipo de proceso construtivo que se está promovendo no rural compostelán. En efecto, non é raro ver como os grandes grupos inmobiliarios e promotoras animan a construción de centos de chalés adosados ou unifamiliares de prezos desorbitados, mentres que, ao mesmo tempo, se lle nega a posibilidade de asentarse no rural a unha persoa do lugar. O asentamento das xentes do rural comeza por permitirlles que vivan no rural. A concentración parcelaria sempre redundará no beneficio de sabermos por onde ten que ir o proceso construtivo. A dispersión non é, desde logo, unha solución válida desde o punto da sustentabilidade.

· Impulso ás políticas de rehabilitación no rural, cómpre evitarmos o abandono e o estado ruinoso das vivendas.

· Creación de centros de educación infantil no contorno rural do noso Concello.

Seguridade vial. Estudo e reformulación da rede viaria do rural para garantir a seguridade vial. Traballaremos para que os procesos de humanización sexan coeherentes e respecten sempre as medidas que se deseñen desde o Plan de Acción Local da Axenda 21.

No hay comentarios: