sábado, 26 de mayo de 2007

PROGRAMA: SANIDADE PÚBLICA EFICAZ E EFICIENTE

8. Sanidade Pública Eficaz e Eficiente

A sanidade pública non pode seguir exposta ás veleidades do poder público. Xunto coa educación, coas pensións e agora cos servizos sociais, é un dos piares básicos e universais do benestar das persoas.

A poboación está por norma insatisfeita do funcionamento da sanidade pública. Cómpre esixir unha maior consideración por parte da Xunta de Galicia non só na necesaria estabilidade laboral do persoal sanitario, senón unha maior dotación en recursos materiais.

Esquerda Unida-IU é unha firme defensora da sanidade pública. Por iso, aplicaremos os seguintes principios de actuación:

a)Igualdade

b)Equidade

c)Accesibilidade

d)Eficacia

e)Satisfacción do Usuario

RECURSOS HUMANOS EN ATENCIÓN PRIMARIA

SANTIAGO DE COMPOSTELA (2006):

Médicos xerais: 77

ATS/DUE: 67

Auxiliares de enfermería: 8

Celadores: 10

Funcións administrativas: 41

Asistentes sociais: 4

Farmaceúticos: 6

Fisioterapeutas: 3

Matronas: 4

Odontólogos: 4

Pediatras: 13

Psicológos: 0

Técnicos especiais: 1

Estes datos son tremendamente elocuentes e inciden na deficitaria consistencia da rede de Atención Primaria. De que forma podemos a poboación recibir unha atención debida con só tres fisioterapéutas? En tempos nos que a saúde mental debe ser prioridade…como podemos consentir non dispoñer de ningún psicólogo clínico? Como se poden previr certas situacións con só 4 asistentes sociais?

Cando ollamos as propagandas de mediatismo espectacular de Vicepresidencia, resulta sorprendente que se nos diga que se crea o 4 piar do benestar social, cando o da sanidade…aínda fai augas por todas as partes esenciais da súa estrutura organizativa e en recursos humanos e materiais.

Temos que garantir en primeira instancia que se realiza unha verdadeira aposta pola sanidade pública. Niso Esquerda Unida-IU será pertinaz e insistente. O coidado dos veciños e veciñas, a súa debida atención sociosanitaria son para nós unha prioridade política. Desde o Consello Municipal de Saúde, en estreita ligazón con todo o tecido asociativo de persoas afectadas por diversas enfermidades e trastornos, Esquerda Unida-IU deseñará unha política clara de apoio e cobertura. Un feito que se ten deixado de lado é a atención e apoio psicolóxico, por iso, cómpre garantir a cobertura da prestación asistencial da Psicoloxía.

Dende logo, isto leva asociado un importante aumento de recursos persoais en materia sociosanitaria, tanto no eido do traballo e educación social coma no da psicoloxía clínica.

Desde o Concello esixiremos que os centros de saúde aumenten a súa plantilla de especialistas para que a poboación de Compostela reciba a debida atención sanitaria.

Servizos de Atención Comunitaria

Esquerda Unida-IU impulsará os servizos de atención comunitaria. O Concello ten aquí unha importancia que non pode desleixar, nin botar enriba exclusivamente da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia.

Creación e fortalecemento dos Equipos de Enfermería Comunitaria, que atenderán as necesidades da poboación a través de accións de promoción, prevención e rehabilitación da saúde, no medio máis familiar ao paciente. Fortalecemento da atención psicolóxica.

Potenciación das Unidades de Hospitalización Domiciliaria, encargadas de prestar apoio no domicilio, evitando así o ingreso hospitalario.

Abordaxe integral das toxicomanías, no eido máis familiar do individuo, procurando unha política integral de axuda, reinserción e prevención.

Con vistas a traballar con coherencia e con rigor os aspectos sanitarios do noso Concello, crearemos un Consello de Saúde, participativo, interdisciplinario, intersectorial e interinstitucional.

Atención Temperá

Nos primeiros anos de vida da infancia é esencial dispoñer de unidades de Atención temperá para diagnosticar canto antes os trastornos do desenvolvemento. No entanto, ao igual que para a Atención Primaria, déuse segundo a AGAT (Asociación Galega de Atención Temperá unha “concentración desigual de recursos, (…) falta de coordinación, (…) fragmentación e (…) imprevisibilidade”. Propoñemos a creación dun Centro de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá, ben dotado, con recursos, para que os pais e nais podan coñecer coa debida precocidade diagnose e actuacións no tocante a nenos e nenas con trastornos do desenvolvemento.

No hay comentarios: