6. Á procura da eco-cidade, sustentabilidade e cohesión social
O modelo de cidade imperante desenvolve un proxecto urbano no que, fronte á redistribución social da riqueza priman os intereses económicos-financieros, a urbanización desbocada e o “desarrollismo” feroz que segrega a poboación con grandes sectores desfavorecidos e que limita e a veces pretende facer desaparecer os espazos de propiedade colectiva, que son os que definen ao concello como espazo de convivencia veciñal.
Fronte a este modelo depredador Esquerda Unida-IU defende un xiro radical na evolución das cidades, recuperándoa como un conxunto complexo, como un proxecto de liberdade, solidariedade e responsabilidade ecolóxica.
As nosas propostas baséanse no principio da planificación cara á sustentabilidade social, territorial, económica e ambiental. A planificación adquire para nós un rango necesariamente supramunicipal para acadar o necesario reequilibrio territorial.
Equilibrar territorialmente as cidades, tanto na ubicación do equipamento social como das zonas verdes, a distribución das vivendas sociais, a ubicación do comercio e das zonas industriais, o desenvolvemento dos transportes e o deseño das vías de comunicación. É imprescindible fuxir do modelo da dereita: cidade rica-cidade pobre. Para iso, hai que repartir os beneficios de forma equilibrada entre os distintos barrios e parroquias do noso concello.
A insustentabilidade do modelo actual concrétase basicamente nunha falta absoluta de criterios conservacionistas e sociais na ordenación do territorio, un crecemento desmesurado do uso de fontes enerxéticas sucias, non renovables e con elevado risco para a saúde, e o desenvolvemento dunha rede de infraestruturas que desarticula as relacións sociais e cuartea o territorio, terminando con ecosistemas únicos en Europa.
Esquerda Unida-IU únese ao chamado das principais organizacións ecoloxistas que reafirman que o modelo actual leva a todo o Estado a un proceso de insostibilidade e de incumprimento do protocolo de Kioto. No noso Concello, ademais, temos que sumarlle o incumprimento reiterado da Carta de Aalborg, á que se adheriu o Concello no ano 2000. Así, o Consello de Medio Ambiente está paralizado, sáltanse os principios de prevención, precaución e transversalización das políticas de sustentabilidade; adíase o saneamento integral do Concello, sendo a rede de saneamento de auga do rural claramente insuficiente e considerando que case un 40 % das augas residuais vértese directamente ao río sen depurar; ignórase a fiscalidade ecolóxica; igualmente, manter a nosa incorporación a Sogama supón o paradigma de querer incumprir todos e cada un dos protocolos e documentos que se asinan (eliminación dos RSU contaminante [incinérase a metade do lixo orgánico] e máis caro (32 contra 37 euros por tonelada tratada, sen contar cos previsibles incrementos que Sogama aplicará nos vindeiros anos, xa que a UE deixará de subvencionar un tratamento tan contaminante. Neste sentido, lembrar que no 2003 presentamos unha moción no Concello sobre compostaxe que aínda agarda unha resposta.
Plan de Acción Local da Axenda 21
Esquerda Unida-IU desexa impulsar un novo modelo de organización urbana e rural que reduza os impactos medioambientais. Hoxe, o proceso urbanizador, moi vencellado á globalización económica, está reducindo de forma alarmante a existencia de espazo público, afecta á mobilidade das persoas dentro do territorio e conleva a un sector da poboación (un 20% en Compostela gaña menos de 6000 euros ao ano) a vivir ao límite. Non esquezamos un principio esencial: os recursos naturais teñen data da caducidade. Cómpre autolimitarse. Temos claro en Esquerda Unida-IU que non é o mesmo desenvolvemento que crecemento. Podemos desenvolvernos sen ter que medrar de forma indefinida, sen ter que agotar a capacidade produtiva dos recursos naturais. Cómpre, polo tanto, extraer unha máxima produtividade dos recursos naturais a partir de toda unha serie de medidas que favorezan dita acción. Hoxe en día, as organizacións ecoloxistas de Galicia coinciden en sinalar que a pegada ecolóxica (espazo de terra e auga necesario para producir os recursos que necesita un país e para absorber os residuos que xera) está nuns niveis demasiado elevados.
Por todo isto, poñeremos en marcha canto antes un Plan de Acción Local da Axenda 21. A súa concreción realizarase mediante a participación social, pero desde Esquerda Unida.IU consideramos necesarias unha serie de medidas:
Recollida de Lixo
· imprescindible reformar a taxa de recollida de lixo, para evitar os excesos que se producen, especialmente polas empresas que teñen grandes superficies, xerando toneladas de lixo que poderían perfectamente ser menores.
· A recollida débea xestionar o concello, como ente público que é. É preciso un plan de redución de resíduos, xa que, de forma paradoxal, pasamos en cinco anos de 51.451.924 kg de produción de resíduos a 56.843.023 kg, cando se deu unha redución de poboación pasando de 93.745 en 1999 a 92.298 en 2004. Dito plan abranguerá os eidos familiar, industrial e comercial. E incorporará unha mellora do sistema de recollida para que favoreza directamente a reciclaxe e reutilización.
· Saída inmediata de SOGAMA. Política drástica de redución de produción de resíduos. Desenvolver unha política da reutilización, da reciclaxe e da compostaxe. Estudar a creación dunha planta comarcal de compostaxe e fomentar a compostaxe no eido familiar. O fin futuro sendo o peche das incineradoras.
Enerxía
· Ingreso do Concello na Rede Española de Cidades polo Clima, sección da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
· Potenciar todo tipo de medidas contra o cambio climático: favorecer o uso de bombillas de baixo consumo, reducir drasticamente o numero de luces de nadal, festas e demais eventos que as requiran, utilizándose só en lugares como o Concello ou a Catedral. Asi mesmo a iluminación dos monumentos debe de estar controlada a unhas horas nocturnas determinadas, a partir de medianoite apagaranse.
· Creación da Axencia Local de Enerxía, de carácter público, que regule todo o referente ao consumo enerxético da cidad, así como elaborar informes de mellora, etc...
Medio Ambiente
· Cómpre aumentarmos o imposto de circulación dos automóviles pesados como forma de evitar na medida do posible a súa proliferación e a conseguinte contaminación que provocaría.
· Incrementar a plantación de flora autóctona nos xardíns e zonas verdes da cidade. Controlar o rego destas zonas para evitar que se realice con auga potable e para que se empregue auga depurada. Reutilización das augas residuais depuradas.
· Recuperaremos as fontes naturais que existen no concello, así como realizar análise regulares para o seu uso.
· Implantaremos un sistema de cobro baseado no consumo real de auga cunha tarifa reducida nos primeiros tramos de consumo e cun aumento progresivo substancial a medida que aumenta o gasto.
· Melloraremos as canles de condución da auga para evitar as perdas.
· Rexeneración e recuperación dos recursos hídricos. Os nosos ríos presentan un triste panorama. Cada vez son menos produtivos e cada vez son menos accesibles para o lecer formativo das persoas. Os verquidos rara vez conlevan unha depuración das responsabilidades e unhas sancións exemplarizantes para que non se volvan a producir atentados medioambientais. Para Esquerda Unida-IU será un compromiso rexenerar e recuperar a calidade ecolóxica dos ríos e outros espazos naturais.
· Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, de acordo coa Lei 3/2007.
· Creación de cuadrillas municipais estables especializadas na prevención, rexeneración dos montes do municipio, asi como na extinción dos lumes.
· Impulso e sistemas de axudas para o desenvolvemento da agroecoloxía.
· Estableceremos criterios ecolóxicos e sociais na compra e contratación de produtos, bens e servizos
Saúde Medioambiental
· Antenas de Telefonía Móbil
Aquí tamén o Concello amosou a súa complicidade coas grandes empresas de telefonía. Nun primeiro momento ignorando o protocolo de precaución e permitindo a instalación, ilegal e sen apoio veciñal, de cinco antenas de telefonía no barrio de A Almáciga, das antenas de Concheiros, das de San Lázaro e outras zonas da nosa cidade.
A posterior normativa elaborada polo Concello dálle creto antes a un criterio estético –quedan feas á vista- que a un criterio de saúde e ignora os principios de precaución ao non marcar as distancias de seguridade axeitadas. Por iso, desde Esquerda Unida-IU denunciamos de forma constante a atitude pasiva do Concello cando o Tribunal Superior de Xustiza decidía anular cautelarmente o principio de precaución no que se amparaba a normativa (só 100 m como límite ante os espazos sensibles).
Propoñemos a realización dunha cartografía ben elaborada e clara de zonas libres de exposición directa ás ondas electromagnéticas. Dita cartografía será pública en todo momento. Recuperaremos o principio de prevención que demandan os científicos –declaración de Benevento de 2006 dos expertos en ondas electromagnéticas. Dito límite será preferetemente de 1000 metros con respecto aos espazos sensibles e nunca será inferior a 300 metros: centros de saúde, centros educativos, etc., e controlaremos a súa instalación para que esta sexa o menos impactante desde o punto de vista da saúde.
Presentaremos a obrigatoriedade para as distintas operadoras de compartir instalacións.
Seremos inflexibles á hora de retirar todas as antenas instaladas de forma ilegal. O dereito á saúde dos veciños e veciñas non pode estar abafado polos intereses das grandes operadoras e o beneficio económico duns poucos.
Tendo en conta que, ademais, utilizan espazo público, esixiremos un canon económico que será destinado a desenvolver as políticas sociais que queremos impulsar no Concello de Santiago. Dito canon cuantifícase por un réxime especial que supón o 1,5% dos ingresos brutos obtidos no término municipal pola operadoras.
Igualmente, o Concello desenvolverá estudos epidemiolóxicos para evaluar o impacto das ondas electromagnéticas na saúde das persoas.
· Declararemos o Concello de Santiago espazo libre de uso de transxénicos.
· Reduciremos a contaminación medioambiental grazas ao Plan de Transporte Público de calidade e sustentable.
Turismo
· Creación dos Roteiros Verdes. Cómpre recuperarmos os sendeiros tradicionais da comarca que se deben percorrer a pé. Elaborarase unha cartografía clara dos mesmos, con información sobre a súa situación, a súa utilidade ao longo da historia.
Animais
· Estableceremos medidas de protección dos dereitos dos animais non humanos.
· Perseguirase e impedirase o maltrato a animais.
· Crearemos un centro de recollida de animais digno, onde non se proceda á súa morte. Campañas de fomento da adopción e campañas de prevención do abandono dos animais domésticos.
Medidas de transversalización
- campañas de formación e educación mediambiental
- democracia participativa
- desenvolvemento urbanístico (PXOM) adaptado ás medidas que contemple o Plan de Accion Local da Axenda 21.
Plan Transporte público, de calidade e sustentable
A densidade circulatoria froito da emigración periurbana a concellos limítrofes converte a nosa cidade nun auténtico disparate circulatorio, nun caos que desespera a todas as persoas que viven e/ou traballan na nosa cidade. A retención de tráfico xera aínda máis contaminación en emisións de CO2 e distorsiona claramente os parámetros de habitabilidade por mor da contaminación acústica.
A política de mobilidade actual, as xornadas laborais, cada vez máis longas, son factores que explican a presenza de vehículos nas entradas e saídas da cidade desde as primeiras horas do día ata pasadas as 22h. Isto só incide nun aumento constante da contaminación que, desde logo, non vai atopar remedio na esaxerada proliferación da política da autovía.
Existe unanimidade a pé de rúa e mesmo entre a empresa prestadora de servizos de que o transporte urbano amosa graves deficiencias ata tal punto de que só un 11% dos traballadores e traballadoras emprega o transporte público para ir ao seu posto laboral. Isto xa incide na desatención política que existe a este respecto. O certo é que a cidadanía desexaría empregar dito transporte, pero chegan tarde ao traballo, non hai boas combinacións, hai retraso na puntualidade, as frecuencias non son as desexadas, e o acceso nalgunhas zonas é mesmo deficitario, ou incluso inexistente, como nalgunhas zonas do rural compostelán, deixado da man da corporación municipal (por exemplo, Verdía).
A necesaria solución esixe simplemente vontade política e unha clara vocación do Concello como servizo público. É preciso para avanzar na configuración dunha Compostela máis habitable, máis saudable, máis ecolóxica e cohesionada socialmente. E, dito sexa de paso, cumprir cos documentos asinados, cumprir coa adhesión á Carta de Aalborg no ano 2000.
Medidas:
- Crearemos as condicións necesarias para a elaboración dun plano integral de transporte que atenda a dúas condicións prioritarias: sustentabilidade e servizo público de calidade.
- Reforzaremos liñas, cadencias, e accesos, actuando con especial coidado nas zonas onde existe unha maior densidade de poboación maior de 65 anos (por exemplo, Almáciga, onde as persoas maiores teñen moitos problemas para subir as empinadas costas). Para delimitar as zonas será esencial contar coa participación veciñal na definición das necesidades dos Plans de Barrio/Parroquia.
- É preciso poñer máis unidades de transporte nas horas punta de entrada e saída de postos de traballo e de centros escolares.
- Complementaremos os horarios de paso de liñas de bus que coinciden nun mesmo traxecto para que non sexan coincidentes.
- Crearemos bonos que teñan en conta a renda da cidadanía e desde logo gratuito para as persoas desempregadas e para colectivos en risco de exclusión social.
- Deseño de carril bus nas rúas e estradas de nova creación e estudo da súa implantación nas restantes.
- Esixiremos a necesaria cooperación da actual empresa prestadora de servizos.
- Valorando a posición central e estratéxica da Estación de Tren, realizaremos os estudos para poñer en marcha unha pequena rede de ferrocarril tren de cercanías, moito máis ecolóxico desde logo que asfaltar de autovías o noso contorno, para vertebrar o territorio metropolitano.
- A estación de tren converterase en estación intermodal.
- Someter a estudo a creación de buses lanzadeiras desde aparcadoiros disuasorios establecidos na entrada á cidade (San Lázaro, Salgueiriños, A Rocha, Castiñeiriño, Campus Sur, …), xestionados de forma pública, para que cumpran coa función de desconxestionar o tráfico e favorecer a fluidez do transporte público.
- Creación do bono combinado tanto para as persoas que proceden do transporte metropolitano (vía autobus, vía ferrocarril de cercanía), como para as persoas usuarias dos buses lanzadeiras.
- Aumento do horario cotián do transporte público para que garanta a necesidade de mobilidade das persoas, para que non se sintan obrigadas a coller o transporte privado. Durante a fin de semana (de venres noite a domingo), con vistas a reducir accidentes de tráfico e a proliferación de transporte privado, garantiremos que o transporte público urbano e metropolitano teña horarios axustados ao ocio e lecer das persoas.
- A tales efectos, e tendo en conta a importancia da poboación que vive noutros concellos limítrofes, pero traballa en Compostela, proxectarase un órgano de coordinación metropolitana de transporte público, que teña en conta a actual rede de transporte metropolitano, pero mellore as súas prestacións e incorpore a futura rede de ferrocarril de cercanía.
- Introducir as medidas de adaptación necesarias para o acceso ao transporte público de todas as persoas. Información en tempo real para persoas invidentes e xordomudas.
- Liña municipal para realizar o percorrido entre o aeroporto e a cidade.
- Animar a implantación do bus-empresa (Polígono do Tambre).
- Dentro do plan de transporte público, crearemos de forma participada un Plan Director da Bici para que se convirta nun medio de transporte máis. Entre outras medidas a definir, contemplamos as seguintes:
- Crear un servizo público de cesión gratuita temporal de bicicletas.
- Artellar unha rede de itinerarios: no novo ensanche; liña entre os campus, dende o norte até o sur pasando polas zonas verdes intermedias; liña de cinturón verde da cidade. Liña desde Milladoiro ata o Polígono de Tambre. Conectividade das zonas rurais coa urbana.
- Crear no transporte público e nas vivendas espazos para as bicicletas.
- Establecer as medidas de respeto e seguridade (semáforos, etc..) para as persoas usuarias de bicicleta. Convivencia de medios de transporte na cidade, aí onde non é posible deseñar os carrís.
- Crear unha rede de aparcadoiros en toda a cidade, creando e reforzando neste sentido ditas estruturas nos centros educativos do municipio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario